Actualidad de Cultura

Noticias cultura

O Consello da Cultura Galega acolleu a presentación dos libros 'As xeracións do Montserrat', 'Estebo' de Xosé Lesta Meis e 'Verdades como puños', tres obras fundamentais para comprender a historia e a memoria da emigración galega. 'As xeracións do Montserrat' destaca pola súa capacidade para capturar a memoria emocional da emigración galega ao Reino Unido, relatando as vivencias persoais e as historias de vida daqueles que emigraron na segunda metade do século XX. 'Estebo' de Xosé Lesta Meis, publicada en 1927, aborda por primeira vez na narrativa galega a temática da emigración a Cuba. 'Verdades como puños' ofrece unha recompilación exhaustiva de artigos, documentos e testemuños sobre as condicións e experiencias da emigración galega.
Luis Tosar conta cunha traxectoria na que figuran tres Premios Goya, dous Premios José María Forqué e cinco Premios Mestre Mateo. Desde os seus comezos no teatro profesional galego nos anos 90, a súa carreira non deixou de medrar. Zaza Ceballos é unha produtora, escritora e directora cinematográfica galega. Foi ademais unha das pioneiras do audiovisual de Galicia desde os seus inicios na Televisión de Galicia, e cos seus proxectos a través da produtora Zenit Televisión SA. A Academia Galega do Audiovisual creouse en 2002 coa participación das principais asociacións profesionais e empresariais do sector que aglutinaban guionistas, intérpretes, directores, realizadores e produtoras co obxectivo de darlles cabida a todos os oficios e profesións dese ámbito.
O ciclo de espectáculos do Verán en Familia da Cidade da Cultura chega ao seu ecuador este mércores con Viva o Pop!, un concerto especial no que cativada e maiores bailarán ao ritmo dos grandes éxitos dos 80 e 90. Máis de 1.200 persoas asistiron xa ás actuacións musicais e de circo programadas neste ciclo, impulsado pola Xunta de Galicia dentro da campaña de actividades de estío para todos os públicos, CulturON. Viva o Pop! é un concerto a través do que rememorar a música que marcou a adolescencia de pais e nais cos máis pequenos da casa. Unha proposta de ocio da compañía Rock en Familia na que persoas de todas as idades poden vivir a experiencia da música en directo, ao tempo que descobren a historia das cancións dalgúns dos artistas e grupos máis relevantes da música pop contemporánea.
Un ano máis, e xa van 5, a Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Courel ten o pracer de organizar o Courel Son, Jazz e Blues na Montaña. Serán catro grandes concertos en catro localidades distintas da serra, mantendo o obxectivo de dar vida a todos e cada un dos pobos do noso territorio, ao tempo que demostramos que, sexa a paraxe que sexa, dispoñemos dos mellores escenarios naturais. Este ano contamos, unha vez máis, coa imprescindible axuda económica da área de Cultura da Deputación de Lugo, pero tamén cunha aportación da Sociedad de Artistas Intérpretes o Ejecutantes (AIE), que quere premiar con esta achega a orixinalidade da nosa proposta, na que non buscamos a masificación, senón a excelencia.
Despois dunha longa temporada sen novas creacións, Sólodos, a compañía de Maruxa Salas e Erick Jiménez, presenta Mover cenizas, unha peza de rúa cunha duración de 20 minutos inspirada nos incendios que asolaron Ourense en 2006 e que deixaron unha profunda pegada na coreógrafa. A compañía retoma un tema xa tratado en Vacuo, primeira produción propia do Centro Coregráfico Galego estreada en xaneiro do 2007. Para este novo espectáculo, cóntase coa asistencia do coreógrafo catalán Arnau Pérez de la Fuente e a composición musical do ourensán John Axiom.
O punto de partida do Congreso Internacional de Estudos Xacobeos é o da concesión, hai xusto nove séculos, da dignidade arcebispal á cidade. O papa Calisto anunciouno 23 de xuño de 1124, como recoñecemento ao Apóstolo e ao lugar no que se repousaba o seu corpo. O nomeamento e o apoio papal ás nacentes peregrinacións supuxeron tensións e discusións con outras sés ibéricas. Tirando deste fío, 31 expertos de sete países tratarán sobre as relacións entre Roma e Compostela, pero tamén as de Santiago e a peregrinación co resto de Europa e as manifestacións culturais que xerou a romaxe.
Nun espazo único, os cociñeiros Álvaro Villasante, Lucía Freitas, Héctor López e Javier Rodríguez Ponte “Taky” realizarán demostracións culinarias nas que empregarán como soporte pezas de 10 obradoiros de Artesanía de Galicia. Haberá pezas de cerámica dos obradoiros de Buño (Malpica de Bergantiños), Alberto Lista e Alfarería Rulo; Cerámica Raposiñas (A Pobra do Caramiñal), Laura Delgado (Cambre), Ojea Studio (Vigo) e Susana Anta (A Coruña); coitelos de Celso Ferreiro (A Fonsagrada); pezas de coiro de Eferro (Merza, Vila de Cruces); e pezas de madeira elaboradas por Atalanta Madera (A Estrada) e Carballo Estrela (Pontevedra).
CulturON, a campaña de actividades estivais que se estenderán por toda Galicia ata setembro, chegará este ano a máis de 200 concellos co obxectivo de dispor dunha oferta cultural descentralizada e diversificada, accesible a todos os públicos con independencia da súa idade ou do seu lugar de residencia. Organízanse así case 550 actividades no marco dos distintos festivais que se celebran en moi diversas localidades (de narrativa, teatro, música...) con algunhas citas de especial relevancia como son as englobadas no Fest Galicia ou a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Ademais, súmanselle os máis de 800 eventos vencellados a circuítos de danza, maxia, música, espectáculos de rúa, novo circo ou literatura, que farán fincapé nas zonas rurais.
Quedan tres meses para inaugurar a oitava edición do festival de cine freak e fantástico de Vigo e o equipo de programación está inmerso na busca das mellores curtametraxes de ciencia ficción, terror, fantasía, humor e animación producidas en todo o mundo e que formarán parte da Selección Oficial do GFFF. O traballo intensifícase logo de pechar a convocatoria de recepción de pezas o pasado 10 de xuño que, gozou de gran aceptación en toda Europa, América e Asia. Recibíronse máis de 400 curtametraxes, que se suman ás máis de 700, a maioría inéditas en Galicia, que o equipo xa leva visionadas.
Dique pon en diálogo a danza contemporánea e a danza tradicional galega nunha conversa que reflicte a conexión entre o pasado e o presente. A peza nace do desexo do director artístico de Nova Galega de Danza, Jaime Pablo Díaz, de recuperar a historia esquecida das máis de 200 mulleres que, durante a construción do Dique da Campá de Ferrol entre 1874 e 1879, retiraron 245.000 metros cúbicos de terra e pedras que transportaron en 11.600.000 cestos sobre as súas cabezas. Nova Galega de Danza formou un equipo artístico e técnico integramente feminino, con Marta Pazos á fronte da dirección.
« Anterior | 15  de  278 | Siguiente »

Notas cultura

Mañá xoves, día 22 de febreiro, ás 19:00 horas, as investigadoras Ana Dorotea Tarrío Tobar, docente da Área de Matemática Aplicada; e María José Souto Salorio, da Área de Álxebra da Universidade da Coruña, presentarán no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT) da Coruña a súa publicación sobre a matemática coruñesa María Wonenburger.
O próximo xoves, 22 de febreiro, ás 20,00 h., no salón de actos da Biblioteca Provincial de Lugo, van ser presentados dous libros relacionados co Camiño de Santiago en Canarias, obra do lucense afincado nas Illas José Manuel Espiño Meilán. Os libros, publicados polo Goberno autonómico de Canarias (Consellería de Turismo, Industria e Comercio), son “AIRAM Y EL APÓSTOL” e “UN CAMINO DE LEYENDA”.
Música, teatro, danza, exposicións, faladoiros, cursos ou propostas audiovisuais integran a programación da Primavera Cultural da USC que xa está en marcha. Nesta segunda edición, a USC leva aos campus de Santiago e Lugo múltiples actividades que estenden a acción cultural da institución dentro e fóra das aulas para fomentar o espírito crítico do estudantado con actividades interdisciplinarias e abertas, na súa maioría, ao conxunto da sociedade.
O convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo, explora desde hai xa tres décadas camiños de conexión e espazos de encontro entre o Campus e a cidadanía luguesa a través dunha iniciativa nada da colaboración institucional arredor dunha programación cultural de vangarda que posibilita o goce de ciclos estables de teatro, música e danza, ao tempo que favorece a creación a través de certames e obradoiros de fotografía, cine e videocreación, e mesmo posibilita a celebración en aberto de foros de análise e debate sobre temas actuais de interese ou controversia.
As librarías galegas dan a benvidas as actividades do 2024 conmemorando o tradicional Día de Rosalía de Castro, con actividades que comezan o martes 6 de febreiro. Dende este día e ata o 3 de marzo todos aqueles lectores que se acheguen a calquera das librarías asociadas e opten por facerse cunha nova lectura en galego recibirán, de regalo, unha escolma de textos da autora -ata rematar existencias-. Un agasallo coordinado pola Casa de Rosalía en colaboración coa Fundación Xistral.
A edición número 28 do Festival Internacional de Teatro Universitario bota a andar o vindeiro martes 6 de febreiro, ás 21.00 horas, no Salón Teatro compostelá, coa nova montaxe da Aula de Teatro da USC titulada ‘Antropoloxía do bico (A síndrome do túnel carpiano)’. A partir de textos de Laura Valeiras, Paulo Mouriño Pereiro, Roberto Salgueiro, Maurice Blanchot e Leila Guerriero, o propio Roberto Salgueiro dirixe esta obra que aborda como o bico inflúe na vida cotiá.
Enrique Labarta Pose (Baio, Zas, 1863-Barcelona, 1925) foi un “escritor e xornalista” de “moitísimas facetas”, segundo lembrou o catedrático da USC Jorge Mira na apertura da exposición en homenaxe a este autor, que tivo lugar no Colexio de Fonseca e da que el é comisario. Labarta escribiu narrativa, poesía e teatro nunha época, finais do século XIX, na que non era habitual que un literato cultivase os tres xéneros, e se fixo un nome no eido da prensa satírica española, sendo considerado a principal figura desta na época da Restauración e chegando a fundar cinco cabeceiras.
O proxecto A Mão, de Alexander David, foi o gañador do Premio Ventura de 10.000 euros. Os cineastas Athina Rachel Tsangari, Valérie Massadian, Óscar Vincentelli e Eloy Enciso fixéronse cos premios de distribución e servizos ofrecidos polos socios e colaboradores de VENTURA, a nova plataforma de formación, desenvolvemento e coprodución con sede en Tui.
Un grupo dunhas 200 persoas vinculadas co mundo da fotografía, co comisariado e coa historiografía, así como propietarios e propietarias de diferentes arquivos de fotógrafos históricos galegos, vén de enviar un escrito a todas as forzas políticas que se presentan as eleccións do 18 de febreiro, sobre a situación en que se atopa o rico patrimonio fotográfico galego e a necesidade de crear un centro onde se conserve, organice e se difunda a fotografía histórica galega, e que ao mesmo tempo dinamice a creación fotográfica contemporánea.
Desde este xoves e ata 1 de marzo pode visitarse na Sala Alterarte, situada no pavillón Concepción Pérez Amat do campus de Ourense, a exposición Tótems, con obra do colectivo Nova Escultura Galega e comisariada polo seu membro Jorge Varela. Con ela, a sala abre a súa programación de 2024 e dá continuidade ao seu proxecto expositivo Recipricidade, posto en marcha baixo a coordinación do profesor Javier Blanco.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES