Notas de prensa

As catedráticas da UDC María José Souto e Ana Dorotea Tarrío presentan un libro sobre a matemática coruñesa María Wonenburge

Mañá xoves, día 22 de febreiro, ás 19:00 horas, as investigadoras Ana Dorotea Tarrío Tobar, docente da Área de Matemática Aplicada; e María José Souto Salorio, da Área de Álxebra da Universidade da Coruña, presentarán no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT) da Coruña a súa publicación sobre a matemática coruñesa María Wonenburger.

A obra leva por título 'María Wonenburger. La Atrevida matemática a la que nuestro país dio dos veces la espalda'. Está editada por Next Door Publishers e conta con prólogo da matemática e divulgadora científica española Marta Macho Stadler, profesora de Xeometría e Topoloxía na Universidade do País Vasco. O libro expón nun formato ameno os obstáculos que a brillante protagonista tivo que superar, e estuda a extensa carreira que desenvolveu no estranxeiro, converténdoa nun referente en álxebra a nivel mundial.

Durante o acto de presentación, as dúas autoras manterán un diálogo xunto co biólogo e divulgador Xosé Antón Fraga sobre a figura da matemática, primeira científica Honoris Causa da Universidade da Coruña no ano 2010.

Wonenburger (1927-2014) foi unha experta na teoría de Grupos Clásicos e en Álxebras de Clifford. Converteuse na primeira muller española en recibir unha bolsa Fullbright, coa que se doutorou no ano 1957. Desenvolveu a súa carreira investigadora maiormente en Estados Unidos e Canadá, regresando a España no ano 1983 por motivos familiares e permanecendo afastada do mundo académico. Nomeada socia de honra da Real Sociedade Matemática Española (RSME) en 2007, foi recoñecida como a inspiradora da Teoría de Kac-Moody, da tese do seu primeiro alumno, o célebre matemático Robert Moody.

O evento, dirixido ao público en xeral, é de carácter aberto e gratuíto ata completar aforo.

Universidade da Coruña (UDC), 2024-01-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES