Buscador
Noticias
Os traballos impulsados pola Xunta na Catedral de Santiago e feitos en colaboración coa Fundación Catedral sacaron á luz unha ventá románica na capela do Salvador. A ventá románica atopábase detrás do retablo e quedou accesible tras a súa desmontaxe no proceso de restauración. Ademais, as actuacións que se están levando a cabo nestes espazos, incluídas no convenio de colaboración coa Fundación Catedral, están permitindo recuperar as pinturas murais e os relevos pétreos, e tamén está previsto destinar neste 2024 poñer en valor a capela do Cristo de Burgos, e intervencións que abranguen a fachada ao patio de Xelmírez e o proxecto de restauración do interior da capela.
Tivo lugar a presentación da 15ª edición do festival (S8) Mostra de Cinema Periférico, que terá lugar do 31 de maio ao 9 de xuño en diferentes localizacións da cidade da Coruña con máis de 130 proxeccións do audiovisual máis vangardista. Estreas, obras inéditas, referentes internacionais convidados, retrospectivas únicas en Europa e unha aposta clara polas novas xeracións de artistas fan da (S8) unha cita consolidada xa como referente arredor do cinema experimental. O discurso fílmico das creadoras de vangarda imponse nunha programación que atravesa a obra de referentes como Narcisa Hirsch coa primeira gran retrospectiva tras o seu falecemento hai poucas semanas e a quen se lle dedica este ano o festival ou a estadounidense Margaret Honda.
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se recoñece as persoas deportistas de alto nivel, alto rendemento e rendemento deportivo de base, persoas adestradoras ou técnicas, xuízas e árbitras recoñecidas de alto nivel, así como as solicitudes desestimadas e a causa. En total, das 124 novas solicitudes presentadas, son 91 as admitidas, e delas, máis da metade -un total de 53- son deportistas de alto nivel. Ademais dos 53 novos deportistas de alto nivel recoñecidos, na publicación de hoxe inclúense 11 deportistas de alto rendemento e 23 de alto rendemento de base, así como 1 técnico de alto nivel e 3 árbitros.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello aprobou hoxe lanzar unha nova liña de achegas, dotada de 18 millóns de euros, para axudar 'ás empresas auxiliares do sector da automoción a ser máis competitivas' e adaptarse ao proceso de transición que vive esta industria cara unha mobilidade máis sustentable, marcada pola extensión do vehículo eléctrico. Rueda, que lembrou a importancia dun sector -o das empresas auxiliares ou de compoñentes do automóvil- que xera '25.000 empregos' na comunidade, fixo fincapé en que se trata dunha industria 'que ten por diante un gran reto' para adaptarse á normativa europea que establece 2035 como data límite para que haxa vehículos contaminantes no mercado.
Os apoios, que poden chegar aos 3 millóns de euros por proxecto, son de ata o 45% do investimento subvencionable no caso dos proxectos de grandes empresas, mentres que no caso das pemes serán do 45% ou do 55% en función da porcentaxe de redución de emisións xustificada. Con estas axudas que xestiona o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) búscase incentivar a transformación ecolóxica da actividade industrial de cara a unha economía baixa en carbono e a súa competitividade nun mercado global, diminuíndo o consumo de enerxía e promovendo a introdución da mellor tecnoloxía dispoñible. Ao mesmo tempo, estas axudas que se enmarcan na Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 e na Axenda Enerxética de Galicia 2030 contribúen a reactivar e dinamizar a economía da provincia tras o peche das centrais térmicas.
A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.
Os actos principais de celebración do Día das Letras Galegas teñen lugar na Coruña, cidade natal da homenaxeada Luísa Villalta, coa inauguración dunha exposición na Casa do Concello, na se que repasa a traxectoria literaria e vital da escritora, e cun grande acto institucional no Teatro Colón aberto á toda cidadanía. No entanto, cómpre destacar a importante implicación, no que levamos de mes, das diferentes institucións e da cidadanía galegas na conmemoración das nosas Letras e na que se está a por en valor a figura poliédrica de Luísa Villalta; poeta, ensaísta, dramaturga, música e docente. Esta celebración colectiva intensificouse nestes últimos días con concertos, obras teatrais para todos os públicos e diferentes concursos escolares.
A Xunta de Galicia está xa a tramitar os decretos que permitirán, a partir do vindeiro curso, que o alumnado de grao das universidades públicas galegas e os de ensinanzas artísticas superiores teñan a matrícula gratuíta. A media será aprobada no Consello a principios de verán, a tempo para o inicio do período de matriculación. Así o explicou hoxe no Parlamento o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, que recalcou que Galicia será a primeira Comunidade na que todo o ensino será gratuíto, desde a escola infantil ata a universidade.
A Xunta pon en marcha a Rede local polo clima para consolidar Galicia como unha comunidade resiliente tras reducir as súas emisións nun 60% desde 1990, segundo explicou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a xornada de presentación desta iniciativa. A conselleira salientou que 'somos a Comunidade na que máis descenderon as emisións netas de gases de efecto invernadoiro (33%) desde 1990 e a segunda no que se refire ás brutas (59,8%)'.
Trinta especialistas en bioimpresión 3D impartirán un curso sobre esta tecnoloxía en Santiago entre o 18 e o 21 de xuño no marco do consorcio europeo Ibero+, unha iniciativa liderada desde a UVigo e que reúne os esforzos de máis de 150 investigadores da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal no campo da biofabricación para o envellecemento saudable. O obxectivo do curso, organizado neste caso pola USC e a Universidad Carlos III de Madrid, é dar a coñecer as diferentes técnicas da bioimpresión e as súas aplicacións biomédicas entre públicos moi diversos.