
Neste último caso, cómpre indicar que hai máis de 35 puntos porcentuais de diferencia con respecto ao nivel de emisións do conxunto de España, onde, ademais, non baixaron, senón que subiron un 2,4%. A maiores, Galicia é tamén a comunidade que máis CO2 absorbe -o 20,9% do total de absorcións de España- e onde máis se incrementou a absorción en termos absolutos desde 1990 (nun 88,2%).
Así, na liña de continuar o traballo levado a cabo nos últimos anos polo Goberno galego promovendo iniciativas que contribúan a converter a Comunidade nun auténtico refuxio climático verde e sostible, a Xunta presentou hoxe a Rede local polo clima, que, segundo Ánxeles Vázquez, ten como obxectivo coordinar cos concellos as actuacións para aproveitar sinerxías na loita contra o quecemento global e, ao mesmo tempo, promover políticas locais de sustentabilidade ambiental, facilitando a xestión do coñecemento así como a difusión e intercambio de experiencias.
A conselleira salientou o compromiso dos concellos co desenvolvemento sostible e a protección do clima e avogou porque este novo instrumento de gobernanza local e rexional facilite a posta en marcha de medidas tanxibles, medibles e comparables que contribúan a garantir un futuro sostible e libre de carbono.
Iniciativas complementarias
A iniciativa presentada hoxe, coincidindo coa conmemoración do Día mundial da acción polo clima, vén complementar outras medidas como o Pacto das alcaldías polo clima e a enerxía, que conta xa con 285 concellos adheridos, dos que 262 xa teñen elaborado un Plan de acción polo clima e a enerxía sostible (PACES), para o que contaron con apoio técnico e asesoramento personalizado da Xunta co obxectivo de que melloren a súa eficiencia enerxética e a súa resiliencia.
A maiores, a Xunta promoveu en 2022 a Alianza galega polo clima, que conta xa con preto de 120 entidades adheridas -universidades, autoridades portuarias, clubs deportivos ou empresas-, co obxectivo de conectar ao tecido produtivo e social galego de cara a traballar contra o quecemento global, facer máis resiliente á Comunidade e establecer pautas de actuación para alcanzar a neutralidade climática.
Cómpre lembrar tamén que a Xunta, ademais de publicar a Guía de contratación pública ecolóxica, está a desenvolver a que será a primeira lei do clima de Galicia.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.