A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.953, deles 1.612 son da área da Coruña, 456 da de Lugo, 280 da de Ourense, 722 da de Pontevedra, 842 da área de Vigo, 554 da de Santiago e 487 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 105 están en UCI, 383 en unidades de hospitalización e 4.465 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 105.552 persoas curadas, rexistrándose 2.252 falecementos. O número de PCR realizadas é de 1.676.059. O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 223.879.
A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, valorou hoxe os datos do paro e destacou que Galicia continúa rexistrando menos persoas sen emprego que ao inicio da pandemia. Con respecto a abril, mes que marca o impacto inicial da crise sanitaria, hai 6.401 (-3,34%) desempregados menos. Galicia, ademais, pechou o mes de febreiro cunha baixada do paro do 0,41% con respecto a xaneiro do pasado ano, polo que a evolución positiva que viña rexistrando o mercado laboral galego nos meses de febreiro desde o ano 2014 continúa. O desemprego cae nas catro provincias, nas sete grandes cidades, excepto en Lugo que crece un 0,47%, nos sectores da construción (-3,15%) e da agricultura e pesca (-2,80%) e en todos os tramos de idade.