Buscador
Noticias
A exposición, que poderá visitarse ata maio de 2021, está organizada en dez módulos entre os que se repasa, entre outras, a violencia de xénero antes do nacemento da prensa, as primeiras noticias da violencia de xénero, a historia de Asunción González, así como literatura e crónica de sucesos. Tamén se analiza a violencia de xénero en revistas ilustradas e na prensa sensacionalista, así como na prensa actual. Ao longo de cada un dos seus módulos, os visitantes da exposición poderán ver exemplares de cabeceiras de prensa como El Compostelano, que se publicou en Santiago entre o 1920 e 1946. Tamén de Vida gallega, impulsada por Jaime Solá en 1909 e que foi a revista ilustrada máis importante de Galicia durante décadas, ou El Pueblo gallego.
Galicia recibiu no mes de setembro 56.100 turistas estranxeiros, que representaron un 4,9% do total do turismo procedente doutros países que recibiu o noso país, segundo se recolle no último informe do INE sobre Movementos Turísticos en Fronteira (Frontur). A cifra supón unha contracción de case o 70% na chegada de turistas estranxeiros respecto a setembro de 2019 como consecuencia das limitacións de mobilidade producidas pola pandemia. A menor dependencia deste mercado fixo unha vez máis que o comportamento da demanda turística galega volvera ser mellor ca no conxunto de España.
A programación de novembro do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) arranca mañá coa proxección na súa sede da Coruña da primeira das sesións que lle dedicará ás directoras experimentais alemás Renate Sami, Ute Aurand e Dore O. como parte dunha carteleira na que tamén sobresae un ciclo cos seis filmes do filósofo, escritor e cineasta francés Guy Debord. O martes día 3 proxectaranse as fitas de Renate Sami Die Schutzfolie, Broadway Mai 95, Wenn Du eine Rose siehst, Filmtagebuch 1975-85, Japan März 2013 e Cape Cod, mentres que o xoves día 5 será a quenda dos filmes de Ute Aurand Am Meer, In die Erde gebaut, Kopfüber im Geäst, Sakura, sakura, Four Diamonds e Lisa. Ademais, o seu traballo Rushing Green with Horses poderá verse o sábado 7.
A Asociación Galega de Empresas de Software Libre e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, lanzan a terceira edición do programa 'GIRL STEM: derrubando estereotipos', enmarcado no Plan de Promoción do Talento Dixital, que busca a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), nas que o alumnado feminino representa un 29% do total de persoas matriculadas. Este ano o programa se transforma nunha acción dixital e pedagóxica para adaptarse ás circunstancias actuais, pero tamén para avanzar cara dinámicas máis eficaces que acheguen recursos cos que traballar de forma transversal nas aulas galegas.
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 9.292 deles 1.575 son da área da Coruña, 983 da de Lugo, 1.299 da de Ourense, 1.049 da de Pontevedra, 2.072 da área de Vigo, 1.360 da de Santiago, e 954 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 77 están en UCI, 446 en unidades de hospitalización e 8.769 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 27.752 persoas curadas, rexistrándose 923 falecementos. O número de PCR realizadas é de 700.353.