Buscador
Noticias
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.203, deles 904 son da área da Coruña, 526 da de Lugo, 850 da de Ourense, 765 da de Pontevedra, 491 da área de Vigo, 539 da de Santiago, e 128 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 36 están en UCI, 207 en unidades de hospitalización e 3.960 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 19.389 persoas curadas, rexistrándose 749 falecementos. O número de PCR realizadas é de 492.648.
Galicia pechou o mes de setembro cunha caída do paro do 0,21% (377 desempregados menos) e cun incremento na contratación indefinida (+33,03%) e a tempo completo (+29,74%). Ademais, Galicia, na actualidade, supera o millón de afiliacións á Seguridade Social, situándose a un nivel superior ao de hai nove anos (setembro de 2011). Con respecto á comparativa mensual do paro, a baixada rexistrada supón o mellor resultado acadado en toda a serie histórica, desde 1996, xa que ata o de agora o desemprego en Galicia a nivel mensual medraba, polo que este mes a tendencia invértese.
A Xunta de Galicia habilitará un teléfono de atención ao cidadán para facilitar información e asesoramento legal aos propietarios que se vexan afectados pola ocupación das súas vivendas. Así a anunciou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen explicou que o seu departamento xa contactou co Consello da Avogacía Galega co fin de establecer un protocolo de colaboración que garanta aos cidadáns unha atención personalizada e con todas as garantías en casos deste tipo. Antes de participar nunha reunión do Observatorio da Vivenda de Galicia, un organismo dependente do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) para favorecer o intercambio de información e propostas neste eido, Vázquez Mejuto asegurou que a Xunta está moi preocupada polo fenómeno da ocupación ilegal e como se ten agudizado na Comunidade galega.