Buscador
Noticias
A UVigo afianza o seu compromiso coa divulgación científica e co fomento das vocacións STEM entre a mocidade, especialmente entre as nenas, coa publicación da sexta edición do catálogo Quero ser investigadora, unha publicación que recolle a historia de dez científicas da UVigo para inspirar as investigadoras do futuro. Ilustrado pola artista Alba Casanova, a través da técnica do collage debúxase a historia de dez novas referentes, dez científicas, mulleres, dez nenas que contribúen a construír un relato da ciencia máis xusto e representativo.
Xornalista, escritora, activista e un dos discursos máis destacados do feminismo galego contemporáneo. Todas estas voces emanan da figura de Begoña Caamaño a quen neste 2026 se lle dedica o Día das Letras Galegas. A USC a través da Biblioteca Universitaria e da Área de Cultura súmase a esta homenaxe cunha mostra que percorre a traxectoria vital da autora e o seu compromiso co pensamento crítico, coa lingua e cos dereitos das mulleres.
A Universidade Nacional Tsing Hua (NTHU) de Taiwán distingue ao profesor coruñés Ricardo García Mira coa cátedra honoraria 'Ching-Ching Hung-Dao'. Financiada pola Fundación que leva o mesmo nome, esta cátedra foi deseñada para recoñecer a excelencia en investigación, docencia e prestixio internacional, e ao mesmo tempo atraer ou reter talento académico. A cátedra está considerada un dos maiores recoñecementos académicos internos na Universidade Estatal Tsing Hua, con sede en Hsinchu, por riba dun posto ordinario de profesor.
A Sala Alterarte, o espazo expositivo do campus de Ourense, conta desde agora cun novo catálogo. Nel recóllense en imaxes e texto dez mostras, de arredor dunha vintena de artistas moi diversos, que foron expostas nos seus muros entre setembro de 2023 e xullo de 2025 no marco do ciclo expositivo Recipro-edadiC, dirixido polo artista en profesor xa xubilado da Universidade de Vigo Javier Blanco Sierra.
A UDC vén de obter máis dun millón de euros para reforzar a investigación en computación e comunicacións cuánticas no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións. Este financiamento, concedido no marco dunha convocatoria impulsada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e a Axencia Estatal de Investigación, permitirá dotar ao centro de novas capacidades científicas nun ámbito clave.