Buscador
Noticias
A competición europea organizada no CITIC esta semana rematou coa entrega de premios ás mellores solucións tecnolóxicas para a inclusión de persoas con discapacidade. O primeiro premio foi para o equipo Muscle Guardians, que presentou unha innovadora aplicación personalizada para previr a atrofia muscular, adaptando os exercicios ás características individuais do usuario.
O encontro Peregrinando: traxectorias internacionais nas matemáticas e na física reunirá o 20 de decembro en Compostela oito especialistas das dúas disciplinas que ou ben están a realizar a súa carreira investigadora no estranxeiro ou que o fixeron nalgún momento, para dar a coñecer as perspectivas de desenvolvemento profesional que existen fóra. Organizado polo Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia e no que participa a USC e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, a xornada desenvolverase no Auditorio FEUGA.
A Universidade da Coruña celebrou hoxe reunión do seu Claustro, na que o equipo de Goberno fixo balance das diferentes actuacións realizadas ao longo destes meses á fronte da institución académica, período no que a participación, a humanización, a igualdade e a sustentabilidade están a marcar a súa xestión.
A formación e o cinema emerxente serán os dous piares fundamentais, como sinalan os seus responsables, da novena edición do Festival Internacional de Cine de Pontevedra Novos Cinemas, que se desenvolverá entre o 10 e o 15 de decembro, co apoio da Universidade de Vigo, o Concello de Pontevedra, a Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales.
Os modelos matemáticos son unha ferramenta básica e moi poderosa para estudar diferentes fenómenos, en particular para comprender e manipular sistemas biolóxicos complexos. Neste sentido, tal e como explica o investigador da UVigo e vencellado ao CITMAga, Alejandro Fernández Villaverde, 'nas ciencias exactas só se considera un fenómeno comprendido por completo cando se pode construír un modelo matemático que o describa'.
O proxecto RURALtXA!, unha iniciativa de cooperación vasco-galega que busca impulsar a bioeconomía das zonas rurais, leva identificadas e avaliadas xa unhas 23.000 hectáreas de hábitats de interese comunitario de pastos, queirogais e turbeiras. Nestas zonas, está a traballarse con máis de 250 persoas comuneiras en Galicia e 130 en Euskadi, que continúan desenvolvendo actividades tradicionais asociadas a estes hábitats.