Notas de prensa

RURALtXA! leva avaliadas 23.000 hectáreas de hábitats para potenciar a bioeconomía das zonas rurais

O proxecto RURALtXA!, unha iniciativa de cooperación vasco-galega que busca impulsar a bioeconomía das zonas rurais, leva identificadas e avaliadas xa unhas 23.000 hectáreas de hábitats de interese comunitario de pastos, queirogais e turbeiras. Nestas zonas, está a traballarse con máis de 250 persoas comuneiras en Galicia e 130 en Euskadi, que continúan desenvolvendo actividades tradicionais asociadas a estes hábitats.

Deste xeito, o que se pretende é poñer en valor a gandería extensiva de montaña e outras ocupacións tradicionais, non só como actividades económicas necesarias para obter alimentos de calidade, senón tamén pola súa importante contribución ao mantemento da biodiversidade e dos hábitats de montaña. O proxecto que acaba de reunir un cento de asistentes no seo do seu primeiro seminario en liña, céntrase nas súas primeiras fases na caracterización dos hábitats e na recuperación destes a través de accións de restauración e do mantemento das actividades tradicionais que se realizan nas áreas piloto do proxecto.

En canto ás redes de traballo, Galicia conta xa con 122 integrantes e está a traballar coa Fundación Juana de Vega para desenvolver ferramentas de márketing que poidan axudar a poñer en valor e mellorar a comercialización dos seus produtos. En Euskadi, trabállase cunha rede composta por 33 profesionais da gandería e 20 entidades ligadas ao sector, co obxectivo de definir as principais necesidades formativas, de asesoramento ou de promoción de produtos que contribúan a mellorar a viabilidade das explotacións que utilizan os pastos comunais de montaña.

Plans de manexo

Dentro dos traballos realizados desde RURALtXA!, destaca a redacción de plans de manexo de hábitats para cada unha das áreas piloto do proxecto. En Galicia, xa se adheriron 8 Comunidades de Montes por medio da firma dun acordo de custodia coa Asociación Galega de Custodia do Territorio, abarcando unhas 13.000 hectáreas das que aproximadamente 5.500 son hábitats de interese comunitario.

No ámbito da mellora e restauración de hábitats, realizáronse actuacións directas de conservación en 148 hectáreas duns hábitats que están en risco de desaparición. Entre as devanditas actuacións inclúense rozas en queirogais, retirada de arborada e de restos de curta en turbeiras e outras orientadas á recuperación de cabalos salvaxes para mellorar o estado de conservación dos queirogais húmidos. Tamén se testaron prácticas novas como as queimas prescritas, os controis de fento cun rulo especial ou a utilización de colares de xeoposicionamiento con valado virtual para o gando.

RURALtXA! conta co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación E Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU. Un dos seus obxectivos é impulsar as actividades que tradicionalmente se desenvolven nas zonas de montaña, mellorando a competitividade das persoas produtoras e a viabilidade das explotacións que realizan de forma sostible a súa actividade en hábitats de interese comunitario. Este proxecto traballa en Galicia con 23 comunidades de montes e propietarios privados en catro áreas piloto: ZEC Serra do Xistral, ZEC Monte Maior, Serra da Faladoira e Serra da Groba. Son socios de RURALtXA!, ademais da USC, a Universidade da Coruña e HAZI, entidade dependente do Departamento de Alimentación, Desenvolvemento Rural, Agricultura e Pesca do Goberno Vasco.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2024-12-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES