Archivo (1 del 2024)

Buscador

Noticias

O Gaiás ocupa un papel protagonista ao acoller unha das principais propostas internacionais anunciadas para este ano: a mostra 'Tesouros Reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum' que se poderá visitar, como único destino en España, entre os meses de marzo e agosto. Trátase dunha exposición internacional que amosará en Santiago o extraordinario e pouco coñecido tesouro artístico do Terra Sancta Museum de Xerusalén, composto de doazóns das monarquías católicas europeas ao longo de 500 anos. Destaca tamén a presenza de Galicia na celebración da XXVII edición da exposición Las Edades del Hombre que no 2024 terá unha dobre sede.
Foron presentados os comités que asesorarán o Proxecto Xenoma Galicia, a nova iniciativa sanitaria coa que a Xunta recompilará o ADN de 400.000 galegos e galegas, co obxectivo de poder detectar enfermidades antes de que aparezan, diagnosticalas dun xeito precoz e ofrecer tratamentos farmacolóxicos individualizados. O devandito proxecto, permitirá identificar as variantes xenéticas das persoas que, con idades comprendidas entre os 35 e os 65 anos, participen neste programa. Así, o conselleiro destacou o seu carácter “de país”, de acordo ao grande valor científico-sanitario que terá a recollida e secuenciación destes datos xenéticos.
A Comunidade galega asume desde hoxe oficialmente a coordinación da marca turística da España Verde co propósito de avanzar da man do ecoturismo e sostibilidade nos distintos territorios que conforman a marca que son, ademais de Galicia, tamén Asturias, Cantabria e o País Vasco. No transcurso da Feira Internacional de Turismo, Fitur, que está a ter lugar en Madrid esta semana, celebrouse o acto no que se oficializou o traspaso de poderes entre o País Vasco e a Comunidade galega, que asume este 2024 a coordinación anual desta marca turística. No acto participaron o xerente de Turismo de Galicia, Antonio Casas e o consejero de Turismo, Comercio e Consumo do Goberno Vasco, Javier Hurtado, como coordinador saínte. Estiveron acompañados por conselleiros das outras comunidades.
Os integrantes do Centro de Coordinación Operativa do Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia confirmaron na súa reunión en Santiago que a incidencia da chegada de pellets descendeu notablemente e xa non chega aos umbrais mínimos que recomendan os organismos internacionais para a súa recollida. Así, estase por debaixo dos 150 pellets/m2 que foi o método utilizado en Nova Zelanda tralo incidente do MV Rena. Non se chega tampouco á recollida de 50 gramos de pellets de plástico por cada operador e día, e non se acadan os 500 ml deste residuo granulado por limpador e día.
As obras do Centro de Protonterapia de Galicia situaranse na contorna do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, e estará proxectada a construción duns edificios que ocuparán 3.683 metros cadrados, ademais de contar con 6.075 metros cadrados de espazos exteriores. No seu interior, o centro de terapia de protóns dividirase en dous niveis. Unha planta baixa para a recepción de pacientes e as áreas de tratamento, persoal e mantemento; e un primeiro andar onde se situará a zona de dirección e os equipamentos do edificio. Así mesmo, o inmoble contará con dous búnkers, que poderán albergar dous equipos Proteus One, reservándose o espazo para instalar, de ser o caso, un terceiro.
Celebrouse a última sesión do grupo de contacto entre o Comité das Rexións e o Reino Unido, centrada nos problemas da falta de participación dos entes locais e rexionais na gobernanza do Acordo de Comercio e Cooperación entre a UE e Reino Unido, marco que dende 2021 codifica as relacións sobre a base da preservación da cooperación. O papel das rexións e cidades non está recoñecido formalmente no acordo, a pesar das grandes repercusións territoriais e competenciais deste convenio a nivel subestatal. A cuestión abordouse a través de dúas sesións temáticas. Na primeira, Bretaña exemplificou o impacto que o Brexit e a aplicación do Acordo están tendo na súa economía, moi dependente das relacións co país veciño.
O ciclo Clásicas Desfeitas, promovido pola Xunta de Galicia a través do Centro Dramático Galego e a Cidade da Cultura, presenta en febreiro un novo Hamlet que mestura a linguaxe escénica e a interactividade propia dos videoxogos para crear unha nova obra de teatro itinerante na que o público participa directamente no desenvolvemento da trama. Logo de catro anos e once producións, Clásicas desfeitas consolídase como unha innovadora aposta de apoio á creación que permite redescubrir obras e autores da literatura galega e universal baixo a ollada da linguaxe escénica contemporánea. Rosalía de Castro, Sor Juana Inés de la Cruz, Gil Vicente, Virgina Woolf, Albert Camus ou Sófocles son algúns dos nomes sobre os que xa traballaron as artistas galegas e internacionais participantes.
Estes puntos laranxas contra o acoso escolar teñen un formato físico nas propias instalacións e outro virtual a través dos webs de cada un dos centros educativos. Contan cunha imaxe común e uniforme para que sexan perfectamente identificados e accesibles. O seu funcionamento é como o dun buzón a través do cal o alumnado pode comunicar ou denunciar, desde unha posición totalmente anónima, posibles situacións de acoso ou ciberacoso que sufran ou perciban en terceiros. Para xestionar o buzón, cada centro educativo terá un equipo de actuación contra o acoso escolar.
A Cidade da Cultura acolle esta fin de semana unha selección do mellor cinema para público miúdo coa oitava edición de Pequefilmes. O festival internacional de curtametraxes infantís proxectará no Gaiás máis de medio cento de obras procedentes de 16 países repartidas nas xornadas do venres 26, o sábado 27 e domingo 28. Ademais de gozar en familia dos filmes, os nenos e nenas tamén se converterán en pequenos críticos de cine, xa que será a cativada a encargada de elixir cos seus votos as mellores curtametraxes que serán premiadas no festival.
A Xunta de Galicia pide a Alcoa claridade sobre as súas previsións con respecto á planta da Mariña e demanda unidade e coordinación por parte das administracións e traballadores fronte á empresa para reclamarlle que cumpra cos compromisos adquiridos. A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, exixiu á empresa que clarifique “o seu plan de actuación, que concrete o plan de negocio para a factoría e que traslade ao Goberno central e á Xunta cales son as súas solicitudes e os apoios que precisa para reactivar e dar continuidade á actividade e á planificación acordadas cos traballadores”. Lorenzana advertiu de que a empresa ten que cumprir o acordo pois “na Xunta imos estar vixiantes e apoiar todo o proceso para garantir que os compromisos se cumpran”.
« Anterior | 2  de  6 | Siguiente »

Archivo

2024 (197)

2023 (515)

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES