Noticias

'Os Tesouros de Terra Santa' e 'Las Edades del Hombre', entre as principais exposicións da Xunta para 2024

O Gaiás ocupa un papel protagonista ao acoller unha das principais propostas internacionais anunciadas para este ano: a mostra 'Tesouros Reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum' que se poderá visitar, como único destino en España, entre os meses de marzo e agosto. Trátase dunha exposición internacional que amosará en Santiago o extraordinario e pouco coñecido tesouro artístico do Terra Sancta Museum de Xerusalén, composto de doazóns das monarquías católicas europeas ao longo de 500 anos. Destaca tamén a presenza de Galicia na celebración da XXVII edición da exposición Las Edades del Hombre que no 2024 terá unha dobre sede.

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, avanzou hoxe os principais fitos do programa expositivo da Xunta de Galicia para o ano 2024 no marco da presentación Galicia Expo na Feira Internacional de Turismo (Fitur) en Madrid.

“Tras un ano de gran actividade cultural con destacados proxectos como Picasso branco no recordo azul, Sorolla en Galicia ou a celebración dos 30 anos do CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea), a nova programación dá continuidade ao traballo de calidade e innovación feito”, sinalou Anxo M. Lorenzo, que se mostrou confiado con que o calendario de 2024 axudará a “consolidar a posición de Galicia como unha referencia cultural”.

Neste senso, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades salientou que a Cidade da Cultura, o CGAC ou o Mosteiro de San Martiño Pinario serán algúns dos espazos máis relevantes na programación prevista por parte da Xunta.

Propostas con eco internacional

Así, o Gaiás ocupa un papel protagonista ao acoller unha das principais propostas internacionais anunciadas para este ano: a mostra Tesouros Reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum que se poderá visitar, como único destino en España, entre os meses de marzo e agosto. Trátase dunha exposición internacional que amosará en Santiago o extraordinario e pouco coñecido tesouro artístico do Terra Sancta Museum de Xerusalén, composto de doazóns das monarquías católicas europeas ao longo de 500 anos.

Neste mesmo senso, destaca a presenza de Galicia na celebración da XXVII edición da exposición Las Edades del Hombre que no 2024 terá unha dobre sede: Santiago de Compostela e Vilafranca do Bierzo (León), froito da colaboración da Xunta e a Junta de Castilla y León. Este proxecto cultural, nado en 1988, chegará ao Mosteiro de San Martiño Pinario coa exposición Hospitalitas. A graza do encontro, cunha innovadora montaxe.

Antón Lamazares, protagonista no CGAC

Pola súa banda, o CGAC abrirá o seu programa expositivo cun percorrido pola produción artística de toda a traxectoria profesional de Antón Lamazares coa mostra Antón Lamazares, Inda é día que se poderá visitar a partir do mes de febreiro da man do comisario António Gonçalves. Trátase dunha oportunidade para viaxar no tempo tendo como horizonte o traballo e a entrega dun dos artistas máis singulares de Galicia.

‘Cidades no tempo’ e artes dixitais

En 2024 entra tamén na súa recta final o gran proxecto expositivo Cidades no tempo, composto por sete mostras singulares nas sete principais cidades galegas, que chegará en marzo a Ourense e en xuño a Pontevedra nas súas dúas derradeiras entregas. Cidades no tempo reivindica a Galicia urbana como compoñente clave da identidade e cultura galegas, cun legado que se remonta séculos na historia. A iniciativa é froito da colaboración entre a Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, e a Afundación (Obra Social ABANCA), cuxas sedes acollen as exposicións con Manuel Gago como comisario.

Ademais, Galicia continuará apostando en 2024 por proxectos como Galivero ou Hábitats. Natureza estendida, dúas instalacións inmersivas de cultura dixital que ofrecen na Cidade da Cultura, entre outras localizacións, a posibilidade de achegarse ao patrimonio material e inmaterial de Galicia e a biodiversidade do planeta terra e que veñen de ser recoñecidas polo prestixioso Obervatorio da Cultura da Fundación Contemporánea.

R., 2024-01-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (medio-ambiente.jpg) Os apoios, que poden chegar aos 3 millóns de euros por proxecto, son de ata o 45% do investimento subvencionable no caso dos proxectos de grandes empresas, mentres que no caso das pemes serán do 45% ou do 55% en función da porcentaxe de redución de emisións xustificada. Con estas axudas que xestiona o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) búscase incentivar a transformación ecolóxica da actividade industrial de cara a unha economía baixa en carbono e a súa competitividade nun mercado global, diminuíndo o consumo de enerxía e promovendo a introdución da mellor tecnoloxía dispoñible. Ao mesmo tempo, estas axudas que se enmarcan na Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 e na Axenda Enerxética de Galicia 2030 contribúen a reactivar e dinamizar a economía da provincia tras o peche das centrais térmicas.
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

Achegar á cidadanía o traballo do persoal investigador da Universidade e os beneficios dos seus estudos para o avance da sociedade, así como contribuír ao fomento de vocacións científicas. Estes son os obxectivos da expo-feira A ciencia que vén, que a UVigo organizará por primeira vez en Pontevedra o 31 de maio. A praza da Ferraría acollerá 14 carpas nas que grupos de investigación ofrecerán unha serie de obradoiros e actividades, dirixidas a un público familiar, que permitirán achegarse dun xeito lúdico e divertido ás aplicacións dos seus traballos en múltiples ámbitos.
A UDC inaugurou na Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas, o Congreso Internacional Emerging Trends in Applied Mathematics and Mechanics 2024. No programa figuran charlas de temas de especial interese e máxima actualidade como o derretemento das capas de xeo, que aborda un dos problemas ambientais máis críticos do noso tempo, vital para prever e mitigar os impactos do cambio climático.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES