Archivo (2 del 2023)

Buscador

Noticias

A exposición, que poderá visitarse ata o 31 de maio, súmase ás iniciativas postas en marcha este ano para conmemorar o 50 aniversario da morte do pintor malegueño. De feito, a Fundación Camilo José Cela consta cun valioso legado de Picasso entre os seus fondos das que cede seis pezas para 'Picasso. Branco no recordo azul', a exposición que reivindicará a pegada galega na traxectoria do artista a través dunha escolma de 120 pezas.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, demanda que no Perte do naval o Goberno central teña en conta o peso significativo de Galicia no sector. Perante a importancia e a transcendencia que ten para o sector este Perte, as empresas galegas uníronse para presentar unha candidatura única e potente que contou co asesoramento da Xunta. O prazo para a presentación de propostas remata o 13 de marzo, e Alfonso Rueda agarda que a convocatoria se resolva de xeito favorable para Galicia tendo en conta que o naval representa o 3,5% do PIB galego e emprega a preto de 13.500 persoas, ademais de ser Galicia a Comunidade autónoma con máis empresas do sector. 'Levamos moito tempo facendo as cousas ben e merecemos recoller o froito dese esforzo', dixo.
En total, preto de 700 persoas entre alumnado, profesorado e coordinadoras e coordinadores dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega déronse cita no Gaiás para intercambiar experiencias e compartir unha tarde chea de actividades como teatro, baile, rap, desfile de moda, xogos etc. Animados polos xornalistas Carlos Amado e Esther Estévez, os representantes dos 12 centros participantes subiron por quendas ao escenario para interpretar ante os demais os seus respectivos espectáculos, que se intercalaron coa actuación da Asociación Cultural e Deportiva Vella Escola, de Noia, que realizou tres shows: de freestyle football, de beatbox e de breaking.
O CGAC celebrará o seu 30 aniversario cun amplo programa composto por medio centenar de actividades, unha proposta que da proba da importancia deste museo no sector cultural. Ao longo das últimas décadas este museo tense consagrado como un dos centros artísticos de referencia en Galicia e un dos seus principais axentes culturais, ofrecendo programas expositivos extraordinarios con gran variedade de formatos, voces innovadoras e creadores de vangarda. Desde a súa inauguración, o CGAC converteuse nunha fiestra para ver o mundo e a arte desde Galicia adiantándose ás tendencias plásticas e culturais que se acabarían impoñendo no sector creativo sen deixar de lado as sensibilidades artísticas do momento.
Este programa levou atención sociosanitaria gratuíta en podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria a máis de 35.000 persoas maiores de toda Galicia durante o último ano. O horario de atención deste servizo é de nove da mañá a oito da tarde e as persoas usuarias soamente teñen que pedir cita previa nalgún dos teléfonos habilitados ou ben por correo electrónico.
O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) iniciou xa a programación formativa deseñada para o primeiro semestre deste ano, que ofrece un total de 1.000 prazas de cualificación certificada e especializada a través de 47 cursos, así como a organización de 39 xornadas técnicas centradas na innovación e o sector tecnolóxico. Os 47 cursos están a impartirse nas modalidades presencial, virtual e de teleformación e, ao seu remate, as alumnas e alumnos teñen a opción de recibir unha certificación, tanto as persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como as persoas traballadoras nun centro emprazado en Galicia.
A 9ª edición do festival cultural Converxencias Portugal-Galicia homenaxeará a Rosalía de Castro nas localidades de Braga (Portugal), Ponteareas e Santiago de Compostela a través da música, da danza, do teatro, do cine, dos faladoiros, da poesía, das exposicións e das visitas guiadas. Como cada ano, este certame cultural programa unha serie de actividades arredor da data de nacemento e de pasamento de Rosalía de Castro e do cantautor portugués José Afonso (Zeca Afonso), respectivamente, estreitando os lazos que unen Portugal e Galicia.
A Xunta reunirá ao Consello Galego de Pesca en próximos días para analizar polo miúdo co sector pesqueiro o ditame encargado polo Goberno galego á Fundación MarInnleg sobre o paquete de políticas marítimas presentado esta semana pola Comisión Europea e que inclúe o veto á pesca de arrastre nun terzo das augas dos Estados membros no 2024 e en todas as áreas mariñas protexidas da UE -un 30 % das augas comunitarias- en 2030.
Tivo lugar esta mañá na Cidade da Cultura a presentación da programación das Letras Galegas 2023, que chegan á súa 60 edición rendéndolle homenaxe ao tradutor, novelista, historiador, xornalista, ensaísta e editor Francisco Fernández del Riego. Unha decisión da Real Academia Galega que, segundo o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, 'é un acto de xustiza', pois foi precisamente Del Riego quen, xunto con Gómez Román e Ferro Couselo, 'impulsou a iniciativa para establecer unha xornada que permitise atesourar e recoñecer a todos e a todas os que contribuíron a enriquecer a nosa lingua e a ampliar o noso horizonte intelectual'.
A economía galega medrou no ano 2022 un 3,8 %, segundo se desprende do informe publicado hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE). No 4º trimestre do ano o PIB aumentou un 2,2 % con respecto ao mesmo trimestre do ano anterior e que en canto á evolución intertrimestral, a taxa do PIB autonómico situouse no 0,2 %. Desde o punto de vista da demanda, no ano 2022, a demanda externa achegou 3,7 puntos porcentuais, cun crecemento do 5 % das exportacións, mentres a demanda interna achegou 0,1 puntos porcentuais. No que respecta á oferta, os servizos medraron un 5,8 %, cun maior incremento no apartado de comercio, transporte e hostalería (+17,4 %).
« Anterior | 1  de  6 | Siguiente »

Archivo

2024 (177)

2023 (515)

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES