Noticias

Galicia asume a coordinación da España Verde co propósito de abrir novas vías de traballo conxunto da man do ecoturismo

A Comunidade galega asume desde hoxe oficialmente a coordinación da marca turística da España Verde co propósito de avanzar da man do ecoturismo e sostibilidade nos distintos territorios que conforman a marca que son, ademais de Galicia, tamén Asturias, Cantabria e o País Vasco. No transcurso da Feira Internacional de Turismo, Fitur, que está a ter lugar en Madrid esta semana, celebrouse o acto no que se oficializou o traspaso de poderes entre o País Vasco e a Comunidade galega, que asume este 2024 a coordinación anual desta marca turística. No acto participaron o xerente de Turismo de Galicia, Antonio Casas e o consejero de Turismo, Comercio e Consumo do Goberno Vasco, Javier Hurtado, como coordinador saínte. Estiveron acompañados por conselleiros das outras comunidades.

O representante de Turismo de Galicia salientou que a intención de Galicia neste 2024 é “continuar apostando pola España Verde para seguir facendo fortes estes destinos”. Antonio Casas agradeceu ao País Vasco o “intenso traballo de promoción” e comprometeuse a que baixo, a coordinación de Galicia, se poida avanzar consolidando “a nosa presencia e extendendo a marca España Verde noutros lugares”. Neste sentido, avanzou que están previstas distintas acción promocionais para os mercados de Nova York, Londres, Berlín, Viena, Zurich, Milán, Roma ou París, entre outros moitos.

Corredor Ecoturístico

Tamén se realizará unha acción especial de promoción da gastronomía da España Verde en Lisboa e, sobre todo, será o ano no que se verán os resultados do ambicioso proxecto no que están participando todas as Comunidades desta marca turística. Trátase do Corredor de Ecoturismo da España Verde, coa que se pretende crear o maior corredor ecoturístico de Europa co financiamento dos fondos Next Generation.

Como avanzou o xerente de Turismo de Galicia, tras ter presentado a iniciativa este ano ao sector e entidades, está previsto que durante 2024 o produto estea xa deseñado para contar cunha gran ruta que atravese os principais lugares de especial interese natural da España Verde. Participan espazos naturais protexidos e empresas vinculadas á observación da fauna, aloxamento, empresas de turismo activo, entre outras. Os plans de Galicia pasan tamén por impulsar o Camiño de Santiago como feito diferencial que vertebra ás Comunidades da España Verde.

R., 2024-01-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros.jpg) Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
Foto de la tercera plana (comunicacion.jpg) A Xunta publica a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal.

Notas

O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES