Noticias

A Cidade da Cultura acolle na fin de semana a proxección do mellor cinema infantil internacional coa oitava edición do festival Pequefilmes

A Cidade da Cultura acolle esta fin de semana unha selección do mellor cinema para público miúdo coa oitava edición de Pequefilmes. O festival internacional de curtametraxes infantís proxectará no Gaiás máis de medio cento de obras procedentes de 16 países repartidas nas xornadas do venres 26, o sábado 27 e domingo 28. Ademais de gozar en familia dos filmes, os nenos e nenas tamén se converterán en pequenos críticos de cine, xa que será a cativada a encargada de elixir cos seus votos as mellores curtametraxes que serán premiadas no festival.

A programación distribúese en tres seccións por idades: Vagalumes, para as pequenas e pequenos de 0 a 3 anos de idade; Miñocas, a partir de 4 anos, e Fanecas, con pezas dirixidas a espectadores a partir dos 7 anos. As proxeccións serán no Edificio CINC da Cidade da Cultura e xa poden adquirirse as entradas de maneira anticipada a través de Ataquilla ou no despacho de billetes do Museo Centro Gaiás a un prezo de 3€. Tamén se poderán mercar no propio CINC os mesmos días das sesións antes de cada proxección, no caso de que queden prazas dispoñibles.

Producións galegas e colaboracións internacionais

O festival infantil conta este ano entre as súas producións con 31 estreas en Galicia e nove en España. Ademais, entre a programación destacan dúas curtas galegas e en lingua galega. Trátase de O monstro e a nena de Jorge Juan Costas Mira e Morte e o meu avó de Gon Caride.

A programación conta tamén con filmes que recibiron importantes recoñecementos en prestixiosos festivais. É o caso da produción portuguesa Ice merchants de João Gonzalez, con nomeamento ao Oscar e premio á Mellor Curta Animada no Festival de Cine Infantil de Chicago, o máis importante do mundo neste xénero. Outras das cintas destacadas son Varken, premio á Mellor Curta Europea en Weird Market ou A white-white day distinguida como Mellor Curtametraxe Infantil en Insomnia.

Co obxectivo de apuntalar a difusión e crecemento internacional de Pequefilmes, fóra de concurso poderá verse, de balde previa retirada de convite, unha escolma de películas proxectadas nas últimas edicións de dous dos festivais de curtametraxes e cinema para a cativada máis relevantes de Europa: o Festival Clermont-Ferrand e o IndieJúnior do Porto.

Pequefilmes volve nesta edición cuns obradoiros complementarios para que a cativada, ademais de ser espectadora, tamén poida experimentar co cinema e crear as súas propias producións, actividade para a que xa se esgotaron as entradas.

R., 2024-01-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (medio-ambiente.jpg) Os apoios, que poden chegar aos 3 millóns de euros por proxecto, son de ata o 45% do investimento subvencionable no caso dos proxectos de grandes empresas, mentres que no caso das pemes serán do 45% ou do 55% en función da porcentaxe de redución de emisións xustificada. Con estas axudas que xestiona o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) búscase incentivar a transformación ecolóxica da actividade industrial de cara a unha economía baixa en carbono e a súa competitividade nun mercado global, diminuíndo o consumo de enerxía e promovendo a introdución da mellor tecnoloxía dispoñible. Ao mesmo tempo, estas axudas que se enmarcan na Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 e na Axenda Enerxética de Galicia 2030 contribúen a reactivar e dinamizar a economía da provincia tras o peche das centrais térmicas.
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

Achegar á cidadanía o traballo do persoal investigador da Universidade e os beneficios dos seus estudos para o avance da sociedade, así como contribuír ao fomento de vocacións científicas. Estes son os obxectivos da expo-feira A ciencia que vén, que a UVigo organizará por primeira vez en Pontevedra o 31 de maio. A praza da Ferraría acollerá 14 carpas nas que grupos de investigación ofrecerán unha serie de obradoiros e actividades, dirixidas a un público familiar, que permitirán achegarse dun xeito lúdico e divertido ás aplicacións dos seus traballos en múltiples ámbitos.
A UDC inaugurou na Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas, o Congreso Internacional Emerging Trends in Applied Mathematics and Mechanics 2024. No programa figuran charlas de temas de especial interese e máxima actualidade como o derretemento das capas de xeo, que aborda un dos problemas ambientais máis críticos do noso tempo, vital para prever e mitigar os impactos do cambio climático.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES