Noticias

O ciclo Clásicas Desfeitas renova o Hamlet de Cunqueiro facendo mestizaxe de teatro e videoxogos na Cidade da Cultura

O ciclo Clásicas Desfeitas, promovido pola Xunta de Galicia a través do Centro Dramático Galego e a Cidade da Cultura, presenta en febreiro un novo Hamlet que mestura a linguaxe escénica e a interactividade propia dos videoxogos para crear unha nova obra de teatro itinerante na que o público participa directamente no desenvolvemento da trama. Logo de catro anos e once producións, Clásicas desfeitas consolídase como unha innovadora aposta de apoio á creación que permite redescubrir obras e autores da literatura galega e universal baixo a ollada da linguaxe escénica contemporánea. Rosalía de Castro, Sor Juana Inés de la Cruz, Gil Vicente, Virgina Woolf, Albert Camus ou Sófocles son algúns dos nomes sobre os que xa traballaron as artistas galegas e internacionais participantes.

En Hamlet, o de Cunqueiro —título do volume IX do ciclo— os profesores da Universidade de Vigo Beatriz Legerén Lago e Antonio Pena adaptan o texto O incerto señor don Hamlet, de Álvaro Cunqueiro a unha nova proposta multidisciplinar e interactiva onde o xogo está moi presente.

Ambos contan coa experiencia desenvolvida dentro do grupo de innovación docente ComTecArt (Comunicación, Tecnoloxía e Arte nas Contornas Virtuais), responsable tamén da primeira residencia artística de creación dixital e videoxogos da Cidade da Cultura. Esta permitiu a un grupo de universitarios de carreiras diversas vivir en primeira persoa o proceso de creación dun prototipo de videoxogo a partir da novela Arnoia, Arnoia de Xosé Luís Méndez Ferrín.

Nesta ocasión o resultado non será un videoxogo, senón unha obra de teatro inmersiva na que as decisións e accións da audiencia crearán cada vez unha resposta distinta ás incógnitas sobre o amor, a morte e a familia, que atormentan a Hamlet, o de Cunqueiro. A mecánica de interacción con obxectos, a exploración de diferentes escenarios e os finais múltiples caracterizan os elementos propios dos videoxogos integrados na peza.

A produción deste novo Hamlet destaca tamén por tender pontes entre a cultura galega e a brasileira a través do traballo conxunto que están a realizar no apartado escénico a Cia. Teatral Boccaccione de São Paulo e o grupo teatral galego Marinita y sus Maromas. Ademais, a obra inclúe elementos do relato A Cartomante de Machado de Assis, un dos autores máis relevantes da literatura do Brasil.

A peza está a perfilarse dentro das Residencias Artísticas do Gaiás (REGA) e presentarase ao público na Cidade da Cultura os días 2 e 3 de febreiro, con tres funcións cada día, ás 18,00 h, 19,30 h e 21,00 horas. A función dás 18,00 h do sábado día 3 estará adaptada no seu percorrido a persoas con mobilidade reducida.

Míticas pero secundarias

O díptico Míticas pero secundarias pechará esta nova edición de Clásicas desfeitas con dúas obras que recuperan figuras descoñecidas da literatura grega clásica como protagonistas. Polícrates, Ismene, Crisótemis e Políxena son a fonte de inspiración para os volumes X e XI do ciclo —A infeliz felicidade e o prezo do aceite, de Antón Reixa e Tres somos ti, de Antela Cid—, que veremos florecer de maneira independente pero complementaria nas Residencias Artísticas do Gaiás.

Temas como o medo ao éxito e a desigualdade sobrevoan ambas propostas escénicas, nas que Antón Reixa e Antela Cid traballan como autores, directores e intérpretes totais, integrando o musical e o audiovisual na escena.

As entradas para Clásicas desfeitas poranse proximamente á venda en Ataquilla (a partir de 9 euros) e no despacho de billetes do Museo Centro Gaiás.

R., 2024-01-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (medio-ambiente.jpg) Os apoios, que poden chegar aos 3 millóns de euros por proxecto, son de ata o 45% do investimento subvencionable no caso dos proxectos de grandes empresas, mentres que no caso das pemes serán do 45% ou do 55% en función da porcentaxe de redución de emisións xustificada. Con estas axudas que xestiona o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) búscase incentivar a transformación ecolóxica da actividade industrial de cara a unha economía baixa en carbono e a súa competitividade nun mercado global, diminuíndo o consumo de enerxía e promovendo a introdución da mellor tecnoloxía dispoñible. Ao mesmo tempo, estas axudas que se enmarcan na Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 e na Axenda Enerxética de Galicia 2030 contribúen a reactivar e dinamizar a economía da provincia tras o peche das centrais térmicas.
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

Achegar á cidadanía o traballo do persoal investigador da Universidade e os beneficios dos seus estudos para o avance da sociedade, así como contribuír ao fomento de vocacións científicas. Estes son os obxectivos da expo-feira A ciencia que vén, que a UVigo organizará por primeira vez en Pontevedra o 31 de maio. A praza da Ferraría acollerá 14 carpas nas que grupos de investigación ofrecerán unha serie de obradoiros e actividades, dirixidas a un público familiar, que permitirán achegarse dun xeito lúdico e divertido ás aplicacións dos seus traballos en múltiples ámbitos.
A UDC inaugurou na Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas, o Congreso Internacional Emerging Trends in Applied Mathematics and Mechanics 2024. No programa figuran charlas de temas de especial interese e máxima actualidade como o derretemento das capas de xeo, que aborda un dos problemas ambientais máis críticos do noso tempo, vital para prever e mitigar os impactos do cambio climático.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES