//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias turismo
A Xunta de Galicia porá a disposición dos concellos a plataforma Praias Seguras de Galicia para facilitarlles a xestión do acceso dos cidadáns aos areais este verán. Esta ferramenta permitirá aos cidadáns obter unha acreditación para acceder a unha praia determinada nunha data seleccionada, cun mecanismo similar ao empregado na praias das Catedrais. A plataforma integrará a información do catálogo galego de praias do Instituto de Estudo do Territorio, que ofrece información xeográfica de cada areal para poder determinar a súa capacidade de carga máxima. Nos vindeiros días a Xunta presentará a plataforma á FEGAMP para que aqueles concellos interesados en empregala poidan adherirse ao seu uso a través da sinatura dun convenio.
Galicia proporá mañá no Consejo Jacobeo contar cun protocolo de medidas sanitarias específico para o Camiño de Santiago, unha proposta na que a Comunidade xa ten avanzado da man do Instituto da Calidade Turístico Española (ICTE) e á que convidará a sumarse a todos os territorios polos que discorre a Ruta Xacobea co obxectivo de traballar de xeito conxunto. A Comisión Executiva do Consejo Jacobeo, órgano de coordinación entre o Goberno central e as comunidades autónomas, reunirase por vía telemática despois de que así fose solicitado pola Xunta de Galicia ao Goberno central o pasado 13 de abril. Desde entón, mantivéronse encontros con numerosos colectivos dunha quincena de países dos cinco continentes co fin de recoller as súas achegas coa máxima axilidade e detalle.
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa do Consello a posta en marcha do Plan de reactivación da cultura e o turismo, cun investimento de 27 millóns de euros e preto de 50 medidas específicas para fomentar o emprego, xerar liquidez e reactivar o consumo. Co fin de cumprir este triplo obxectivo, Feijóo precisou que a Consellería da Cultura e Turismo elaborou este plan reestruturando o seu orzamento e recompuxo as partidas para ir mellorando as expectativas dos sectores turístico e cultural. Todo isto para dar unha resposta rápida a dous sectores que supoñen o 13% do PIB e o 14% do total do emprego na Comunidade Autónoma.
A Xunta de Galicia analizará o impacto da actual crise sanitaria no Camiño en colaboración coa Universidade de Santiago a través dun estudo a cargo do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega). A súa diagnose da situación, sumado ás conclusións que se deriven do grupo de expertos avanzado a pasada semana, permitirá adaptar o Xacobeo 2021 ao escenario post Covid-19. Así o expuxo o conselleiro de Cultura e Turismo durante unha videoconferencia con asociacións de amigos do Camiño de Santiago de ámbito internacional, na que participaron a comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, e o director de Administración e Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, Isaías Calvo.
Os gobernos autonómicos das comunidades da España Verde acordaron reorientar as accións desta marca turística do norte peninsular ao mercado nacional tras a crise do COVID-19, nunha videoconferencia entre as directoras e viceconselleiras de Turismo de Asturias, Cantabria, Euskadi e Galicia. A xuntanza permitiu analizar o impacto da actual crise nos seus territorios e artellar posibles vías de colaboración. Na reunión abordáronse as diferentes medidas adoptadas polas catro comunidades autónomas en colaboración co sector e se puxo de manifesto a oportunidade que ofrece a España Verde á franxa do norte peninsular para traballar xuntos e axudar a impulsar ao sector na saída do confinamento.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, e o de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, mantiveron hoxe unha videoconferencia cos representantes do Clúster Turismo de Galicia, encabezado polo seu presidente, para avaliar as necesidades do sector como consecuencia da crise sanitaria do coronavirus. Trátase dun encontro enmarcado na rolda de contactos posta en marcha pola Xunta para avanzar de xeito conxunto no deseño de medidas, coñecendo de primeira man as súas achegas. No transcurso desta xuntanza avaliáronse as principais demandas do sector, tendo en conta que o escenario de saída do estado de alarma, que deberán concretar as autoridades sanitarias, poderá condicionar a súa actividade.
A Xunta ten reservado alomenos un hotel en cada cidade para acoller ao persoal sanitario que así o desexe, unha oferta que se poderá incrementar se fose necesario no conxunto das áreas sanitarias. Este recurso forma parte das máis de 4.000 prazas hostaleiras que coordina a Administración autonómica para aloxar aos traballadores de servizos esenciais e a persoas especialmente vulnerables que o precisen. Trátase dunha lista de prazas dinámica, espallada por todo o territorio e que se vai adaptando ás necesidades. Así se puxo de manifesto durante a reunión do Centro de Coordinación Operativa creado pola crise do coronavirus, que foi presidido polo vicepresidente da Xunta.
A candidatura da Ribeira Sacra logra finalmente dar o último paso e estar entre as 24 propostas de inscrición elixidas para ser presentada e sometida a estudo e debate na 45ª sesión do Comité do Patrimonio Mundial da UNESCO, que se celebrará en sede aínda por determinar durante 2021. A paisaxe cultural galega acaba de lograr ser aceptada como a proposta de España para esta sesión, e entra en avaliación para a súa posible inclusión na prestixiosa lista da que xa forman parte a Cidade Vella de Santiago, o Camiño Francés, os Camiños do Norte, a Muralla de Lugo e a Torre de Hércules. Esta candidatura está baseada nun profundo e importante traballo técnico no que se destaca o valor universal excepcional desta zona.
O Instituto Nacional de Estatística (INE) publica os primeiros datos turísticos de 2020, que indican que o turismo en Galicia medrou por riba da media española. En concreto, a demanda incrementouse na nosa Comunidade un 9%, fronte ao 3% a media estatal. Segundo o INE, os hoteis e pensións de Galicia recibiron en xaneiro 179.479 viaxeiros -un 8,2% máis que hai un ano- que fixeron 338.030 noites, o que supón un crecemento do 9%, dando así continuidade á evolución de 2019. En termos de mercado, os datos estatísticos difundidos indican que melloran todos os perfís de viaxeiros.
Galicia acadou en 2019 os mellores datos turísticos da súa historia rexistrando cifras récord en indicadores como a demanda ou a competitividade e consolidando a súa aposta pola calidade, a descentralización e a sustentabilidade. En total, segundo os datos do Instituto Nacional de Estadística (INE), Galicia rexistrou máis de 5,1 millóns de visitantes que realizaron preto de 11 millóns de pernoitas nos distintos establecementos de aloxamento regrado, acadando así a cifra de demanda turística máis elevada desde que hai rexistros, que se produce en paralelo a unha mellora nos aspectos vencellados á repercusión económica e cualitativa deste sector. Así, Galicia afronta o novo ciclo xacobeo no mellor momento do seu turismo.