
Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta subliñou que para actuar cun plan de choque rápido e directo, estableceranse 9 bloques de execución que suporán, á súa vez, un investimento de 11 millóns na actividade turística; e de 10,6 millóns no sector cultural, reforzados, así mesmo, con 5,1 millóns de euros a través de medidas transversais enmarcadas no Xacobeo 2021.
Un novo Xacobeo
Sobre este último punto, cómpre salientar que o plan prevé que a convocatoria do Ano Santo funcione como ferramenta de estímulo da actividade e do consumo para impulsar así ás industrias cultural e turística. Con este fin, reconfiguraranse os obxectivos do próximo Ano Santo, para darlle prioridade ás iniciativas de impulso económico e de activación do consumo e do emprego.
Será un Xacobeo distinto do que tiñamos previsto; será un Xacobeo moito máis imaxinativo, moito máis complexo, probablemente, pero o noso obxectivo é acertar avanzou Feijóo, que engadiu que ese novo Xacobeo servirá para a recuperación do turismo con formatos e fórmulas de presentación distintas.
Un destino seguro
Os 4 eixos clave do plan no eido turístico serán a reactivación da demanda e accións de promoción, a creación de novos produtos turísticos, o apoio ao tecido empresarial e mantemento do emprego, así como a formación, competitividade e innovación.
O presidente da Xunta sinalou que o obxectivo é presentar Galicia como un destino seguro. Deste xeito, apoiaranse medidas hixiénico-sanitarias para os establecementos turísticos; reformularase a estratexia de promoción de destino adaptada a este novo contexto sanitario; promoverase un programa de consultoría e asesoramento para as empresas turísticas, así como un programa de Queda en Galicia para o turismo interno.
No eido cultural, as actuacións centraranse noutros 4 eixos, como son a activación do sector, o mantemento do emprego, o fomento do consumo e a aposta pola formación, a profesionalización e a mellora da competitividade.
Para concluír, Feijóo lembrou que este plan está consensuado cos sectores cultural e turístico. O Goberno galego mantivo máis de 65 reunións e contactos do sector e recibiu preto de 170 propostas, o 71% das cales figuran no plan aprobado hoxe. Nesa liña de contacto permanente co sector, cómpre salientar que o vindeiro sábado haberá unha nova reunión por videoconferencia para dar conta polo miúdo deste plan de reactivación.
A sexta edición de 6coreógrafas acollerá dúas estreas: Trés bien, de Marta Alonso Tejada, un dúo de danza contemporánea de rúa interpretado por María de Vicente e Inés Santos que explora o esforzo de sosterse e permanecer xuntas, e BenQuererme, un solo de de Fran Sieira, que combina danza tradicional e contemporánea para reflexionar sobre o autocoidado emocional e o amor propio. A programación completarase con Suit(e), de Furia Sotelo, un diálogo entre a danza de Nuria Sotelo e o violonchelo de Millán Abeledo, e Bipedestrucción, da compañía navarro-galega Disiden.cia, unha peza de rúa para todos os públicos que aborda desde o humor a identidade, a diversidade e a importancia da comunidade.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico vén de autorizar na reunión desta mañá o envío ao Consello Consultivo de Galicia do decreto polo que se crea o Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). 'Isto vai situar Galicia á vangarda en transparencia e xestión do litoral', indicou. 'Imos habilitar un sistema para que a cidadanía poida coñecer en todo momento os usos e autorizacións vixentes na costa galega', salientou o presidente sobre un Rexistro, concibido para incorporar progresivamente as autorizacións e concesións no DPMT e que permitirá sistematizar e ampliar a información dispoñible sobre as actividades autorizadas, o que resulta fundamental para avanzar na planificación, protección e xestión integrada da costa galega así como reforzar a seguridade xurídica das actividades e proxectos.