Noticias

Galicia foi a Comunidade na que máis medrou o turismo en todo o Estado, e acada por vez primeira os 11 millóns de pernoitas

Galicia acadou en 2019 os mellores datos turísticos da súa historia rexistrando cifras récord en indicadores como a demanda ou a competitividade e consolidando a súa aposta pola calidade, a descentralización e a sustentabilidade. En total, segundo os datos do Instituto Nacional de Estadística (INE), Galicia rexistrou máis de 5,1 millóns de visitantes que realizaron preto de 11 millóns de pernoitas nos distintos establecementos de aloxamento regrado, acadando así a cifra de demanda turística máis elevada desde que hai rexistros, que se produce en paralelo a unha mellora nos aspectos vencellados á repercusión económica e cualitativa deste sector. Así, Galicia afronta o novo ciclo xacobeo no mellor momento do seu turismo.

Avanzouno esta mañá o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, durante a presentación do balance turístico da Comunidade no ano 2019. Realizouno na cidade de Lugo, posto que esta provincia foi a que experimentou un maior crecemento no último ano. No acto tamén estivo acompañado da directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro.

Román Rodríguez estableceu unha comparativa cos datos de 2009 e explicou que na última década a cifra de turistas medrou por enriba dun 33% e a demanda incrementouse nun 23%, o que demostra o traballo da Xunta de Galicia por impulsar a actividade turística “sempre dun xeito sustentable e centrado na calidade e profesionalización do sector”.

Progreso do turismo internacional

En comparación coa media estatal, Galicia foi a Comunidade na que máis medrou a actividade turística, experimentando subas do 6% tanto na cifra de turistas como no volume de pernoitas, mentres que no resto do Estado o volume de viaxeiros creceu un 3% de media e o nivel de pernoitas un 0,5%.

No que respecta ás distintas tipoloxías, a nosa Comunidade bateu marcas tanto no referente ao turismo interno, cun alza do 3,7% no volume de demanda, como no turismo nacional, cun incremento do 6% no volume de pernoitas. Con todo, o maior crecemento rexistrouse no referente ao turismo internacional, con alzas de en torno ao 10% tanto na cifra de viaxeiros como de noites. Ademais, Román Rodríguez subliñou que na última década fomos quen de duplicar a cifra de visitantes internacionais grazas, en boa medida, ao labor de promoción levado a cabo por parte do Goberno galego.

Máis visitantes durante todo o ano

O conselleiro de Cultura e Turismo puxo en valor a aposta da Xunta pola desestacionalización da actividade turística, que tivo como resultado un incremento dos viaxeiros durante as tempadas media e baixa superior do 8,2 e o 5,3%, respectivamente, mentres que durante a tempada alta a alza foi do 5%. Así pois, seis de cada dez visitantes chegan fóra dos meses centrais do verán, o que demostra a capacidade de Galicia “para atraer viaxeiros durante todo o ano”.

No 2019 destacou ademais o aumento dos principais indicadores de calidade, como os ingresos do sector hoteleiro, que rexistraron a cifra máis alta da súa historia ao superar os 314 millóns de euros ao incrementarse só no último ano en preto de 20 millóns de euros, un 6,6%. Do mesmo xeito, melloraron outros parámetros como a ocupación hoteleira, sendo a nosa Comunidade a segunda onde máis medrou; as tarifas hoteleiras, cun alza do 2% no último ano, e a rendibilidade do sector hoteleiro, que creceu un 7% fronte ao 3,2% do resto do Estado.

Neste eido, Román Rodríguez subliñou o peso do turismo na nosa Comunidade ao exercer como elemento “tractor” da nosa economía. Precisamente, explicou que na actualidade son xa 123.772 os ocupados no sector turístico, un 3% máis e destacou o incremento do 3% no gasto dos visitantes.

Análise territorial

No que respecta á análise territorial dos datos, A Coruña e Pontevedra concentraron a meirande parte das pernoitas e turistas, se ben a maior evolución rexistrouna a provincia de Lugo, cun incremento do 12,4% no caso da demanda e do 13% no número de turistas. No referente ao número de pernoitas séguena A Coruña e Pontevedra con subas de en torno ao 5% e Ourense, cun incremento do 4,5%, mentres que no que atinxe á cifra de viaxeiros a segunda posición sería para Pontevedra, cun alza do 6,9% seguida de Ourense e A Coruña.

Entre os sete principais destinos urbanos Santiago de Compostela lidera o volume de pernoitas, con máis de 1,4 millóns, seguida da Coruña e Vigo. No referente aos xeodestinos, Román Rodríguez fixo fincapé na progresión de zonas con gran potencial de desenvolvemento como Ancares-Courel (+25,7%), Ría Muros-Noia (+21,2%) e Ría e Terras de Pontevedra (+13,7%), Terras de Ourense-Allariz (+13%), Lugo-Terra Chá (+11,8%) e Mariña Lucense (+9,5%).

Fortaleza dos hoteis

Máis do 70% da demanda turística correspondeu con establecementos hoteleiros, que incrementaron o seu peso no mercado nun 5%. Con todo, destaca especialmente a suba do turismo rural, unha tipoloxía que a Xunta vén impulsando especialmente traballando nunha estratexia que permita afondar na súa calidade e profesionalización. Así pois, o turismo rural acadou un máximo histórico rexistrando un crecemento superior ao 4% e superando as 228.000 noites.

Por último, o titular de Cultura e Turismo repasou as cifras do Camiño de Santiago, no que se selaron un 6,7% máis de Compostelas e se conseguiu acadar un novo récord de peregrinos, pechando o ano con preto de 350.000.

Máis de 10 millóns en investimentos

Neste sentido, Román Rodríguez fixo un balance positivo da evolución do turismo durante o pasado ano e celebrou que este sector siga avanzando da man da calidade. Precisamente, destacou a aposta do Goberno galego neste eido e explicou que só durante o ano pasado a Xunta investiu máis de 11 millóns de euros en máis de 900 iniciativas para o fomento dun turismo de excelencia apoiando tanto aos concellos como ao propio sector.

Entre as distintas liñas de actuación por parte do Goberno galego, o conselleiro de Cultura e Turismo destacou o investimento de máis de 3,4 millóns de euros para mellorar as infraestruturas turísticas de 120 concellos, 1,2 millóns de euros para modernizar máis de 70 establecementos de aloxamento, 800.000 euros para os distintos xeodestinos galegos ou os 228.000 euros para reforzar o persoal nas oficinas de turismo de 45 entidades.

R., 2020-02-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-cuantica.jpg) O conselleiro Román Rodríguez visitou co catedrático de Biotecnoloxía da Universidade de Pensilvania, o galego César de la Fuente, o Centro de Supercomputación de Galicia para firmar un convenio de colaboración entre a Xunta e esta institución académica estadounidense. Durante a visita, o investigador, pioneiro no emprego da IA para o desenvolvemento de antibióticos, puido coñecer as instalacións do centro co que colaborarán para acelerar o descubrimento de antibióticos fronte a bacterias resistentes.
Foto de la tercera plana (rozas-ciar.JPG) A nova estratexia establece cinco grandes obxectivos para os próximos cinco anos. O primeiro deles é impulsar a creación de novas empresas e o crecemento das que xa existen no ámbito do aeroespazo, da seguridade e da defensa. Na actualidade a Comunidade galega suma 115 centros de traballo xa dedicados ao sector, pero nos vindeiros anos esta cifra podería incrementarse, xa que unhas 150 empresas contan con potencial para incorporarse a este ámbito industrial. O segundo dos obxectivos busca que as industrias que operan neste ámbito diversifiquen a súa produción.

Notas

Baixo o lema de 'Outra ciencia é posible', a Asociación Española de Ecoloxía Terrestre (AEET) e a Sociedade Ibérica de Ecoloxía (Sibecol) reunirán entre o 2 e o 5 de xuño máis de 800 investigadoras e investigadores no Pazo da Cultura de Pontevedra, co propósito de debater sobre como, desde o campo da ecoloxía, pode promoverse un futuro máis inclusivo e sostible para a investigación científica.
O Campus Terra da USC será campus de especialización por catro anos máis. Así se acordou no Consello da Xunta que este luns 12 se desenvolveu no Pazo de Montenegro. A decisión tómase logo da visita, a comezos de ano, dun Comité Avaliador que percorreu distintos centros da sede universitaria luguesa, ademais de participar en xuntanzas con grupos de investigación, empresas ou colectivos de mocidade investigadora, entre outros.
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES