Noticias

A primeira estratexia galega de Aeroespazo, Seguridade e Defensa permitirá o impulso e a creación de máis dun cento de novas empresas do sector

A nova estratexia establece cinco grandes obxectivos para os próximos cinco anos. O primeiro deles é impulsar a creación de novas empresas e o crecemento das que xa existen no ámbito do aeroespazo, da seguridade e da defensa. Na actualidade a Comunidade galega suma 115 centros de traballo xa dedicados ao sector, pero nos vindeiros anos esta cifra podería incrementarse, xa que unhas 150 empresas contan con potencial para incorporarse a este ámbito industrial.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que a primeira estratexia galega no aeroespazo, a seguridade e a defensa, aprobada hoxe no Consello da Xunta, mobilizará de aquí ao ano 2030 “en torno aos 900 millóns de euros”, procedentes da colaboración público-privada, e permitirá “a nova creación ou a transformación substancial” dun cento de empresas.

Tal e como lembrou o responsable do Executivo autonómico, nos vindeiros anos “vanse incrementar as necesidades en materia de seguridade e defensa” polo que “o sector aeroespacial pode ser unha vía para que industrias xa consolidadas en Galicia: naval, automoción, loxística e metal, poidan diversificar a súa actividade e diversificala”.

A Iniciativa Estratéxica aprobada hoxe apoiarase no desenvolvemento de tres grandes programas de investimento e de 21 actuacións específicas, cunha dotación por parte da Xunta de “183 millóns de euros”.

Así o acordou o Goberno galego na súa reunión semanal, en que se abordou a proposta da Consellería de Economía e Industria para ampliar o alcance da súa política de apoio á industria aeroespacial co lanzamento dunha nova e transformadora iniciativa estratéxica para o período 2025-2030. Unha ambiciosa folla de ruta centrada no crecemento empresarial, na atracción de novos investimentos industriais e na creación de emprego de alta cualificación neste sector en Galicia.

A estratexia permitirá a transformación dun sector como o aeroespacial que a Xunta vén impulsando desde 2015 tras a posta en marcha da Civil UAV, e permitirá aproveitar, segundo sinalou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, “unha extraordinaria oportunidade para xerar nova actividade económica e tamén xerar emprego de calidade”.

Deste xeito, a Xunta dá un paso adiante e compromete un apoio decidido, estable e a longo prazo para que o tecido produtivo desta industria, e doutros sectores que estean interesados en ampliar ou reorientar a súa actividade, poidan desenvolver tecnoloxía, fabricar e comercializar produtos e servizos de alto valor en Galicia aproveitando as capacidades que a comunidade atesoura para poder asumir a fabricación do 75 % das tipoloxías de compoñentes e servizos que require o sector.

Así mesmo, esta nova iniciativa está aliñada coas políticas e plans da Unión Europea e permite incorporar Galicia ás crecentes oportunidades que ofrecen os sectores da defensa e a seguridade no marco do actual contexto sociopolítico, ao tempo que se reforza a posición da rexión no escenario nacional e internacional.

4 obxectivos e 3 programas de investimento

A nova estratexia establece cinco grandes obxectivos para os próximos cinco anos. O primeiro deles é impulsar a creación de novas empresas e o crecemento das que xa existen no ámbito do aeroespazo, da seguridade e da defensa. Na actualidade a Comunidade galega suma 115 centros de traballo xa dedicados ao sector, pero nos vindeiros anos esta cifra podería incrementarse, xa que unhas 150 empresas contan con potencial para incorporarse a este ámbito industrial.

O segundo dos obxectivos busca que as industrias que operan neste ámbito diversifiquen a súa produción, fomentando a transición entre sectores; ao cal se suma, en terceiro lugar, a materialización de novos investimentos industriais que se concreten en centros de produción en Galicia.

O cuarto dos obxectivos marcados na nova folla de ruta galega é o fortalecemento das capacidades produtivas territoriais da Comunidade galega, a través de acceso a capital, infraestruturas e traballadores cualificados. E, por último, liderar as novas políticas industriais a nivel nacional, consolidando o posicionamento da Xunta de Galicia como goberno emprendedor e exemplo no impulso da colaboración público-privada, ferramenta fundamental para o crecemento económico e a creación de emprego de calidade.

Do mesmo xeito, establécense tres programas de investimento: o Programa ecosistema, o de incorporación e consolidación e un terceiro programa para investimentos duais.

O Programa Ecosistema busca tecer alianzas con socios estratéxicos e tecnolóxicos a través dos denominados “Acordos de asociación” co propósito de fomentar o crecemento conxunto de empresas tanto do ámbito da defensa como alleos, ao redor da súa cadea de valor. Unha figura creada hai unha década, no marco da anterior iniciativa estratéxica (actualmente están en execución os das empresas Telespazio, Avincis, Airbus e da UTE Aertec-Tecnobit), para o impulso da colaboración público-privada co sector aeroespacial en Galicia.

No marco da nova Iniciativa Estratéxica preténdense acadar catro novos contratos da Xunta con socios estratéxicos e tecnolóxicos con capacidade de tracción e cadeas de valor atractivas para o ecosistema galego, que realicen unha clara aposta pola creación de tecnoloxía e polo investimento industrial.

Outra das medidas deste programa está dirixida á creación de consorcios (aspírase a impulsar cinco) para a participación en proxectos de grande envergadura, para o que se desenvolverá un apoio específico, ben a través da Oficina Económica do Igape, ben mediante a concesión de axudas. Este primeiro programa está dotado con 84 millóns de euros.

O segundo piar da iniciativa busca aproveitar as oportunidades dos sectores do aeroespazo, a seguridade e a defensa, apoiando novas empresas e consolidando ás xa existentes, ou incorporando a compañías doutros sectores. Este programa, dotado con 34 millóns de euros, ofrecerá apoio económico para financiar a innovación, a obtención de certificacións e aqueloutras actividades necesarias para avanzar na transformación. E tamén apoiará con asesoramento especializado a través dunha unidade de nova creación na Oficina Económica do Igape.

Por último, e dotado con 65 millóns de euros, o programa para investimentos duais en aeroespazo, seguridade e defensa ten na creación dun fondo de investimento en tecnoloxías duais para empresas con centros de traballo en Galicia a súa principal actuación. Cun investimento de 40 millóns de euros (que aspira a mobilizar cifras similares de entidades financeiras, fondos de investimento e outros grandes investidores) centrarase en apoiar o crecemento das empresas galegas evitando os riscos de deslocalización empresarial ou a súa venda ou das súas tecnoloxías en fases temperás, así como a adquisición de solucións innovadoras que dean resposta a retos de seguridade, eficiencia e eficacia nos servizos da Xunta. Este terceiro programa complétase con outras actuacións destacadas como a atracción de investimentos, a oferta de solo industrial de Galicia, as axudas á innovación e outros instrumentos de apoio.

A Xunta de Galicia abrirá proximamente un diálogo estratéxico coa industria de aeroespazo, da seguridade e da defensa para coñecer as súas necesidades e os seus plans de investimento a curto, medio e longo prazo, e que será o punto de partida da execución da nova Iniciativa.

R., 2025-05-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (economia-porcentaxe.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Xunta destinará un total de 270 millóns de euros a paliar os efectos do conflito en Oriente Medio na nosa comunidade. Durante a sesión de control no Pleno do Parlamento de Galicia en resposta ás preguntas dos grupos parlamentarios, o titular do Goberno galego lembrou, ao respecto da situación en Oriente Medio, que o Consello da Xunta xa analizou hai dúas semanas 'os primeiros impactos' e que Galicia foi 'a primeira comunidade autónoma en falar cos clústeres'. Nesta liña, o presidente anunciou que o vindeiro Consello autorizará 'un plan de máis de 150 millóns' para atender aos sectores afectados, que se sumará aos máis de 120 millóns que suporá para Galicia financiar as iniciativas do Goberno central a este respecto.
Foto de la tercera plana (escenasdocambio-2026.png) Para a edición de 2026, chegan desde o outro lado do Atlántico La Cura e El Vacío (ambas estreas en España), nas que o coreógrafo cubano Julio César Iglesias dirixe á prestixiosa Compañía Colombiana de Danza Contemporánea. Tamén a conferencia escénica Arder Épica (Cap. 1) na que o artista brasileiro Reinaldo Ribeiro constrúe unha nova memoria colectiva a partir das cinzas que deixou o incendio do Museo Nacional do Brasil en 2018. Forma parte tamén da programación a instalación inmersiva Hecatombe II: Movementos e rituais para a renovación do mundo, da colombiana de orixe indíxena Martha Hincapié Charry, que rescata saberes ancestrais de líderes nativos das primeiras nacións americanas.

Notas

A National Aeronautics and Space Administration, NASA, confirmaba o pasado martes de xeito oficial que o 1 de abril será a primeira data na que se intentará lanzar desde o Centro Espacial Kennedy de Florida Artemis II, a primeira misión lunar tripulada desde 1972. 'Podo confirmar que todo está en orde e non hai ningún impedimento para o lanzamento de Artemis, se as condicións meteorolóxicas o permiten', afirmou a viceadministradora e responsable de exploración espacial da axencia espacial estadounidense, Lori Glanze.
A iniciativa, que este ano desenvolve a súa terceira edición, está promovida por CLARIAH-GAL, o nodo galego de CLARIAH-ES, infraestrutura que reúne especialistas de diferentes institucións do Estado español co obxectivo de impulsar o desenvolvemento de recursos, ferramentas e metodoloxías dixitais para a investigación en humanidades, artes e ciencias sociais, no marco dos consorcios europeos CLARIN e DARIAH.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES