Actualidad de Turismo

Noticias turismo

A Xunta de Galicia estivo presente en Sevilla na primeira edición da Convención de Turespaña, un foro de encontro e reflexión de tres xornadas dirixido aos destinos turísticos españois co obxectivo de afondar na cogobernanza e onde a sustentabilidade e a dixitalización están sendo as protagonistas. O Goberno galego compartiu neste foro co resto das comunidades autónomas as boas prácticas que están a permitir a rápida recuperación do turismo no noso territorio. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, foi a responsable de afondar no traballo da Xunta para facer de Galicia un destino máis sustentable, na liña do modelo turístico da comunidade, baseado nun turismo de tranquilo e de calidade, así como nas accións de promoción que se puxeron en marcha.
A Xunta presentou seis actuacións de cohesión ás convocatorias de fondos europeos extraordinarios do Plan Turístico Nacional Xacobeo 2021-2022 e o Plan Extraordinario de Sustentabilidade Turística en Destinos, coas que aspira a xestionar 27,75 millóns de euros. As tres actuacións presentadas á primeira convocatoria extraordinaria de Plans de Sustentabilidade Turística en Destinos, o Plan do Litoral, coas que a Xunta aspira a obter 14,6 millóns de euros dos fondos Next Generation, apostan por rehabilitar e mellorar a eficiencia dos portos e impulsar e promocionar a ruta dos faros, a senda litoral, as actividades náutico-deportivas, revitalizar o litoral galego, que afecta a 1.700 quilómetros de costa, concienciando sobre o seu valor natural e patrimonial así como por rehabilitar recursos e espazos singulares da costa galega e incentivando proxectos tractores.
A Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel xa é a sétima reserva da biosfera de Galicia. Así o proclamou o Consello Internacional de Coordinación do Programa Man and the Biosphere (MaB) da Unesco, reunido na cidade nixeriana de Abuja desde o pasado luns, e que anunciou publicamente os novos territorios recoñecidos baixo esta figura internacional. Durante a súa intervención por videoconferencia para defender a candidatura ante o órgano reitor do MaB, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, subliñou a importancia desta decisión tanto para os 23 municipios incluídos na mesma (18 da provincia de Lugo e 5 de Ourense cunha poboación de máis de 75.000 habitantes) como para o conxunto de Galicia.
Galicia segue a mellorar as súas cifras de afluencia turística e no mes de xullo os establecementos hoteleiros galegos recibiron 480.000 viaxeiros, o que supón case 20 puntos menos que a caída de visitantes no conxunto de España respecto a 2019. Así, segundo os datos publicados hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE), se a baixada de turistas a nivel nacional o mes pasado foi de case o 30%, en Galicia contívose cun descenso 10,7% en comparación co mesmo mes de 2019. Ademais, a comunidade rexistrou un 80% máis de visitantes que en xullo do ano pasado que reforza a tendencia á recuperación do sector.
Se ben a pandemia reduciu drasticamente o número de persoas que realizaron o Camiño de Santiago o pasado ano, segundo un estudo do impacto da COVID-19 no perfil do peregrino, a satisfacción coa experiencia de realizar o Camiño segue sendo moi alta: o 95% dos peregrinos enquisados durante o período de verán do pasado ano recomendarían facer o Camiño. Tamén valoran positivamente a información dispoñible e a percepción da seguridade sanitaria, eidos nos que maioritariamente perciben unha alta seguridade sanitaria. Concretamente un 70% das persoas consideran que, en conxunto, a sensación de seguridade ao longo do camiño foi alta ou moi alta.
Representantes e conselleiros de comunidades autónomas polas que pasa o Camiño de Santiago mantiveron hoxe un encontro para explorar sinerxías de cara á promoción conxunta das rutas xacobeas e dos seus atractivos. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado polo vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, recibiu no Hostal dos Reis Católicos aos representantes de Asturias, Cantabria, País Vasco, Castela e León, Andalucía e Cataluña para manter un encontro no que sentar as bases das accións coordinadas que se poden poñer en marcha perante unha cita histórica como é o dobre Ano Santo, unha oportunidade para todos os territorios polos que atravesan as rutas xacobeas.
O Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia volve albergar un verán máis unha completa programación de actividades astronómicas co obxectivo de diversificar o seu uso público e dar a coñecer entre os visitantes unha parte destacada dos seus recursos naturais: o ceo. Por quinto ano consecutivo, a Federación Galega de Astronomía e Radioastronomía encargarase de dirixir e coordinar as distintas accións de dinamización previstas para difundir os valores que desde o ano 2016 acreditan a este espazo natural como destino turístico Starlight. Fegar contará coa colaboración e apoio do persoal do Parque no desenvolvemento das actividades, de carácter gratuíto e dirixidas a distintos sectores da poboación.
O Presidente afirmou que a partir do 1 de xullo estarán en funcionamento un total de 71 albergues da rede pública, e refiriuse ao Camiño de Santiago como un compendio de culturas e de valores, pero tamén de vontades de persoas e institucións por colaborar para facer deste Xacobeo 21-22 unha oportunidade de recuperación económica Destacou que a posta en marcha deste albergue pon de manifesto a aposta do Goberno galego pola rehabilitación e polo Casco Vello de Vigo, no que xa se recuperaron máis de 110 vivendas e 34 locais; e están en execución catro obras máis.
A decisión da Santa Sé de prolongar o Ano Santo ata o 31 de decembro de 2022 fixo necesario modificar o manual de identidade gráfica da marca Xacobeo 21 anterior á prórroga, se ben a Administración xeral e o sector público autonómico poderán empregar ata esgotar existencias o material corporativo impreso con anterioridade á entrada en vigor do decreto aprobado este xoves polo Consello da Xunta de Galicia. O manual aplicarase a toda a gama de produtos de comunicación da marca Xacobeo 21-22 co obxectivo de darlle á imaxe de marca identidade e coherencia na súa comunicación arredor dos dous elementos sobre a que se constrúe: a cuncha de vieira e un logotipo deseñado con letras personalizadas.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na presentación da web audiovisual coa que se dan a coñecer varios itinerarios a través de máis dun cento de vídeo-historias cos relatos sobre as experiencias dos peregrinos. Esta web audiovisual é unha das iniciativas beneficiarias da primeira edición do programa O Teu Xacobeo e conta cunha axuda de 20.000 euros.
« Anterior | 11  de  28 | Siguiente »

Notas turismo

      


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES