
Alberto Núñez Feijóo, destacou que Vigo inicia o verán co albergue que precisaba para celebrar un Ano Santo bianual que suporá un pulo para o Camiño Portugués e para a cidade.
Durante o acto de inauguración do albergue de peregrinos Juan Manuel López-Chaves, Feijóo recordou que este edificio de seis plantas, no que a accesibilidade está garantida, conta con capacidade para acoller ata 93 persoas, nun espazo distribuído en 7 habitacións, ademais de dispoñer de cociña, comedor, zona de lecer e aseos.
Nesta mesma liña, subliñou que ata finais de ano levaranse a cabo actuacións en 28 albergues públicos, co obxectivo de mellorar as condicións de confort dos usuarios, a accesibilidade e eficiencia enerxética nos edificios, a mellora ambiental e a conservación do patrimonio. Así, no Camiño Portugués executaranse traballos en 4 albergues: no Virxe da Peregrina de Pontevedra, no de Teo, no de Porriño e no de Valga.
Todo elo co obxectivo de que o vindeiro 1 de xullo estean en funcionamento
un total de 71 albergues da rede pública.
Ao longo da visita, Feijóo referiuse ao Camiño de Santiago como un compendio de culturas e de valores, pero tamén de vontades de persoas e institucións por colaborar para facer deste Xacobeo 21-22 unha oportunidade de recuperación económica. Ao respecto, destacou os actos levados a cabo con distintas comunidades en Liébana e en Logroño; a recente visita a Portugal para abordar co presidente do país e co primeiro ministro a oportunidade que supón o Camiño para ambos territorios; e avanzou que o 12 de xullo reuniranse en Roncesvalles, nun acto presidido polo rei Felipe VI, todas as comunidades polas que pasa o Camiño Francés.
Así mesmo, aproveitou o acto para agradecer á hostalería de Vigo a súa implicación, entendendo a importancia estratéxica que supón o Camiño Portugués, e a súa colaboración na sinalización da ruta. Resaltou ademais o compromiso da Xunta para ofrecer as máximas garantías para que a Comunidade sexa sinónimo de destino seguro.
Sobre este punto salientou a seguridade nos albergues, cun sistema de reservas online; a posta en marcha da aplicación PassCovid e do Seguro Covid, para dar cobertura aos viaxeiros en caso de que enfermen durante a súa estancia na comunidade; e os apoios específicos para a hostalería para, por exemplo, adaptar as terrazas, os servizos de entrega a domicilio e os locais ás medidas sanitarias.
Tivo lugar o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que puxeron en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade. As entidades premiadas foron Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común, baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade. Villaverde trasladará que Galicia afronta este debate desde unha posición singular pola dimensión e diversidade do seu complexo mar-industria, cunha extensa frota de baixura e pequena escala, unha importante presenza da altura e gran altura, unha industria transformadora e conserveira de referencia e unha acuicultura cun destacado peso na produción comunitaria.