Noticias

O 95% das persoas que realizaron o Camiño de Santiago durante 2020 recomendan facelo

Se ben a pandemia reduciu drasticamente o número de persoas que realizaron o Camiño de Santiago o pasado ano, segundo un estudo do impacto da COVID-19 no perfil do peregrino, a satisfacción coa experiencia de realizar o Camiño segue sendo moi alta: o 95% dos peregrinos enquisados durante o período de verán do pasado ano recomendarían facer o Camiño. Tamén valoran positivamente a información dispoñible e a percepción da seguridade sanitaria, eidos nos que maioritariamente perciben unha alta seguridade sanitaria. Concretamente un 70% das persoas consideran que, en conxunto, a sensación de seguridade ao longo do camiño foi alta ou moi alta.

Ademais, durante 2020, o impacto da pandemia tería incidido no perfil de quen decide camiñar a Compostela, persoas cunha media de idade inferior á rexistrada en anos anteriores á pandemia e cunha motivación máis lúdica.

Estes son algúns dos datos recollidos nunha memoria e un vídeo coordinados pola directora do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia da USC (IDEGA), Dolores Riveiro. O traballo recibiu financiamento da convocatoria de proxectos de investigación para 2020 da Cátedra institucional do Camiño e as Peregrinacións, promovida pola USC e Turismo da Xunta de Galicia.

Ademais dunha enquisa entre persoas que peregrinaron durante o verán de 2020, o informe toma en consideración os datos estatísticos recompilados na Oficina do Peregrino. Segundo estes últimos, o maior impacto no período de verán (entre xullo e setembro) prodúcese no Camiño Portugués pola Costa e, polo contra, o menor impacto concéntrase no Camiño Primitivo, que tamén sería o que presenta un menor impacto no acumulado ata setembro. Comparando cos datos do ano 2019, o informe sinala o incremento da proporción de peregrinos co seu orixe noutra comunidade autónoma, do 42% (2019) ao 70% o pasado ano.

Polo que respecta ás características de sexo e idade, os datos mostran unha maior presenza de homes, así como unha diminución de persoas de maior idade. Ademais gañan peso os traxectos máis curtos, feitos dende Galicia, ademais de observar unha maior dispersión no lugar de inicio do percorrido. Segundo o traballo dirixido por Dolores Riveiro, redúcese tamén a porcentaxe de persoas que inician o Camiño soas. No relativo á motivación, o informe identifica unha diminución de quen decide realizar o Camiño por unha motivación relixiosa, de carácter espiritual ou experiencia persoal “e aumenta a daquelas persoas cuxa motivación é máis de tipo lúdica”. Este cambio explicaríase porque a principal motivación para facer o Camiño o pasado ano estivo asociada con facer turismo ou vacacións e co goce da cultura e a arte do Camiño.

Ademais da análise do perfil dos peregrinos e peregrinas, no estudo analizouse como afectou a COVID-19 á toma de decisión dos que decidiron realizar o Camiño en 2020. Neste apartado, a interacción con outros peregrinos e o tipo de aloxamento foron os aspectos máis sinalados polas persoas consultadas, “xunto ao feito destacado de que un de cada catro non tería peregrinado de non ser pola pandemia”. A enquisa tamén permitiu valorar as medidas adoptadas no sector fronte á pandemia: maioritariamente, as respostas da enquisa sinalan que as medidas adoptadas para previr contactos foron correctas, destacando os comercios e os hoteis.

R., 2021-07-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-mare-2026.jpg) O Festival Maré celebrará do 23 ao 27 de setembro a súa sétima edición en Santiago de Compostela, cunha programación que volve situar a cidade como punto de encontro de culturas, linguas e diferentes expresións musicais. A cita reunirá artistas de máis de 16 países e con representación de 12 linguas. A programación desta sétima edición estará formada por máis de 30 espectáculos, catro producións propias, oito propostas inéditas en Galicia e unha estrea absoluta. Entre os principais nomes do cartel atópanse Aterciopelados, Bia Ferreira, Omar Souleyman, Haydée Milanés & Javier Colina, Ala.ni, António Zambujo, Magalí Sare & Vox Stellae e Marcos Coll.
Foto de la tercera plana (portugal_galicia.jpg) Foi prsentada a Visión Estratéxica 2026-2028 da Asociación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal. A visión estratéxica ofrece un novo marco de actuación co que se pretende reforzar o papel da cooperación transfronteiriza e consolidar a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como un espazo común de oportunidades, coñecemento, innovación, competitividade e desenvolvemento. Ademais, estrutura a intervención da AECT en cinco grandes áreas -cultura, turismo, xuventude e emprego transfronteirizo e investigación e competitividade-, consolidando proxectos cun impacto recoñecido e abrindo novas frontes de cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal.

Notas

A Real Academia Galega de Ciencias recoñece coas Medallas de Investigación a cinco científicos e científicas galegos da USC e da UVigo. Esta distinción valora as traxectorias singulares e consolidadas en investigación desenvoltas na nosa comunidade, ademais de fomentar a promoción da ciencia e a tecnoloxía galegas. A entrega dos galardóns terá lugar durante o acto do Día da Ciencia en Galicia (8 de outubro).
O VIII Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade, convocado pola Deputación da Coruña, vén de recoñecer sete iniciativas que destacan pola súa contribución á igualdade de xénero, á loita contra a violencia machista e á defensa da diversidade sexual. As propostas premiadas representan diferentes ámbitos de intervención –social, cultural, comunitario, artístico e de recuperación da memoria– e comparten o obxectivo de avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria e diversa.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES