//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Tecnópole acolle esta semana a terceira edición dun evento bienal que se consolida como referente en sectores estratéxicos para a economía galega. A biopsia líquida, o cultivo de hortalizas sen terra e as esponxas vexetais son algunhas das innovacións que as empresas participantes no programa Agrobiotech mostrarán ao longo de toda a xornada.
Introdución á robótica educativa en primaria vai dirixida ao alumnado dos cursos 4º, 5º ou 6º de educación primaria. Cada centro educativo pode integrar a robótica de diversas maneiras: mediante unha materia de libre configuración de centro no marco da normativa vixente, dentro das materias de forma transversal, a través de programas de innovación educativa ou obradoiros que se desenvolvan fóra do horario lectivo.
A Incubadora de Alta Tecnoloxía BioIncubaTech, promovida pola USC, en colaboración con Uninova e a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, co obxecto de fomentar a innovación e a transferencia de biotecnoloxía nos ámbitos das ciencias da saúde e das tecnoloxías alimentarias aterra no Campus de Lugo da USC co obxecto e impulsar o nacemento de novas empresas de biotecnoloxía que contribúan á innovación e a transferencia de coñecementos nestes eidos.
O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organiza a cuarta edición de #MesD, unha iniciativa que concentra durante un mes diferentes sesións formativas dedicadas a un tema concreto. En novembro, #MesD centrarase nas ferramentas audiovisuais con tres actividades sobre os programas Adobe Premiere Pro, para a edición de vídeos; Gimp, para retoques fotográficos; e Inkscape, para deseño.
A Concellería de Cultura do Concello da Coruña activa a cuarta edición de Coruña Dixital, que este ano aposta polo reforzo na iniciación e uso seguro da tecnoloxía dos colectivos de maiores, familias e mocidade. Foi presentada esta iniciativa municipal que ten como finalidade visibilizar e dinamizar as comunidades dixitais que existen na Coruña e facilitar a participación activa da veciñanza nas novas prácticas culturais e creativas.
Coñecemento e experiencia unidos para que Galicia sexa referente no campo da Ciberseguridade. Ese é o obxectivo primeiro do evento CyberSec@GAL, que comeza a súa andaina hoxe con dous obradoiros nas escolas de Informática e Telecomunicacións das Universidades da Coruña e Vigo. impulsado pola cátedra R en Ciberseguridade e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, o foro conta tamén coa colaboración da AMTEGA, Gradiant, Emetel, Hijos de Rivera Abanca e o COETG.
Abriuse o IV Foro Autonómico TIC de Gartner, o primeiro que se celebra en Galicia. No encontro abordaranse aspectos chave para as Administracións públicas como as estratexias para incluír as TIC na axenda política, os modelos de financiamento para a transformación dixital ou a evolución das infraestruturas tecnolóxicas para dar resposta ás demandas futuras derivadas da dixitalización.
Os escolares de Ourense participarán a partir desta semana en tres xornadas organizadas por Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole co obxectivo de impulsar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre as rapazas. Logo do éxito acadado coas dúas xornadas celebradas en 2018, Tecnópole amplía así a súa participación na iniciativa Ciencia e Tecnoloxía en Feminino, promovida pola Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE).
Un grupo de investigadores da USC, Girona, Oxford e Iowa identificaron novos usos terapéuticos da nicotina na loita contra a obesidade. O traballo agora presentado na revista Nature Communications identificou que a nicotina induce o pardecemento do tecido adiposo branco ao actuar no cerebro. Dende a perspectiva do control do peso corporal, a posibilidade de converter a graxa branca en parda supón contar cun novo interruptor na loita contra a obesidade.
A Administración autonómica contará cun Plan de capacitación dixital do empregado público dirixido a todas as persoas que traballan nas administracións públicas galegas e que permitirá acadar o certificado galego de competencias dixitais. Estase a traballar na concreción deste marco de competencias dixitais, recollido na Lei de Administración Dixital de Galicia (LEDIXGA), e que se prevé que estea regulado no 2020.