Notas de prensa

200 empresas e centros de coñecemento coñecerán o último en biotecnoloxía, biomasa e agroalimentación no Agrobiotech Fest

Tecnópole acolle esta semana a terceira edición dun evento bienal que se consolida como referente en sectores estratéxicos para a economía galega. A biopsia líquida, o cultivo de hortalizas sen terra e as esponxas vexetais son algunhas das innovacións que as empresas participantes no programa Agrobiotech mostrarán ao longo de toda a xornada.

Arredor de 200 representantes de empresas e centros de coñecemento dos sectores biotecnolóxico, agroalimentario e da biomasa daranse cita o vindeiro venres 22 de novembro no Agrobiotech Innovation Fest, un evento bienal que chega á súa terceira edición cun formato totalmente renovado e que terá lugar de novo no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, en San Cibrao das Viñas (Ourense).

O encontro enmárcase no Programa Agrobiotech Innovación, promovido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e da Tecnópole. Mediante accións de formación e asesoramento individualizado, 11 empresas de toda Galicia melloraron as súas capacidades para consolidar o seu modelo de negocio grazas a este programa de aceleración de empresas.

O vindeiro venres, estas pemes mostrarán os seus produtos innovadores durante toda a xornada nos seus stands e impartirán talleres para dalos a coñecer en profundidade. O control de calidade de produtos téxtiles, alimentarios e biomédicos; o descubrimento de fármacos, as novas abordaxes do cancro mediante a biopsia líquida e a obtención de biotoxinas e extractos de algas centran as propostas das empresas do sector biotecnolóxico. No caso das pemes agroalimentarias, presentarán solucións de cultivo hidropónico de hortalizas, a fabricación de derivados lácteos de alto valor engadido, a produción de alimentos deshidratados e a tecnoloxía de intelixencia sensorial para a realización de catas. Polo que respecta ás da biomasa, novos sistemas de control de calidade dos pellets, esponxas vexetais e nutracéuticos obtidos de fungos cultivados sobre madeira protagonizarán os seus stands.

Compartir coñecemento e abrir novas vías de negocio

O evento está deseñado para compartir coñecemento sobre as últimas tendencias e innovacións nos tres sectores de referencia, para o que un nutrido plantel de expertos expoñerá casos de éxito e experiencias sobre o desenvolvemento de alimentos innovadores, a biotecnoloxía fronte á innovación industrial e a economía circular. Nas mesas redondas, que serán moderadas por representantes dos clústers galegos da alimentación e a biotecnoloxía e da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) –dependente da Xunta de Galicia–, participarán empresas de referencia como Pascual, CAPSA, Biochemize e Grupo Natac.

A sesión da tarde centrarase nos combates dialécticos, nos que representantes de empresas en posicións de liderado defenderán por parellas enfoques diferentes sobre temas de actualidade. Nueva Pescanova, FINSA, Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN), Cafés Candelas, Galchimia, Quescrem, Bialactis, Ecoplas, Qubiotech e Real Conservera Española enfrontaranse en cinco combates sobre a innovación na grande empresa versus na peme, o financiamento mediante capital risco contra o procedente de business angels, a internacionalización fronte á consolidación no mercado local, os produtos gourmet versus os alimentos funcionais e a I+D interna ou en colaboración entre empresas.

Co fin de favorecer o contacto directo, programarase unha axenda de reunións bilaterais segundo os intereses dos participantes.

Tecnópole, 2019-11-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (fiv-vilalba-2026.jpg) O FIV de Vilalba volverá reunir na localidade lucense unha programación destacada da escena independente e alternativa estatal, cun cartel no que figuran nomes como Carlos Ares, Alcalá Norte, La M.O.D.A. e Ãngel Stanich, xunto a outras propostas moi presentes no panorama actual como Repion, Puño Dragón, Celia Becks, Futuro Alcalde, Grande Osso e Rapariga DJ. A boa resposta do público nas últimas semanas confirma, ademais, a gran acollida desta edición, coa previsión de que Vilalba volva encherse de ambiente festivalero a próxima fin de semana. A programación do FIV de Vilalba desenvolverase entre o Escenario Vibra Mahou, o Escenario #Fiver by Lactalis e a Zona DJ, consolidando un formato que combina os grandes concertos nocturnos coa actividade diúrna do sábado.
Foto de la tercera plana (saude-medico.jpg) Galicia sitúase como a comunidade autónoma con menor porcentaxe de pacientes que agardan máis de 60 días por unha consulta co especialista. Así o referendan os datos publicados polo Ministerio de Sanidade sobre listas de espera no Sistema Nacional de Saúde a peche de 2025. Segundo os datos, en decembro de 2025 a comunidade galega situouse como a cuarta rexión española con mellores tempos medios de espera no ámbito das primeiras consultas. Neste eido, o Servizo Galego de Saúde rexistrou unha media de 63 días de espera, fronte aos 102 do Sistema Nacional de Saúde. Estas cifras reflicten que os galegos esperan 39 días menos para acceder a unha consulta co especialista que a media dos españois.

Notas

A Primavera Cultural da USC continúa agromando con múltiples propostas. Así, no Campus de Lugo, a danza, o teatro e a creación audiovisual protagonizan as citas máis inmediatas. Entre os días 19 e 23 de abril, regresa o Festival de Teatro Universidade a Lugo, na que será a súa trixésimo segunda edición. O certame de curtametraxes Findecurta mantén aberto o seu prazo de inscrición ata o 21 de abril. O día 24 realizarase a tradicional sesión informativa na Casa do Saber na que se lles explicará ás persoas participantes o reto desta edición do certame.
A Universidade de Vigo inaugurou a maior estación óptica terrea de España, consolidando así o seu liderado en comunicacións cuánticas vía satélite. Bautizada co nome de Antonia Ferrín, en homenaxe a quen foi a primeira astrónoma de Galicia, e situada na contorna da Facultade de Filoloxía e Tradución, 'o lugar máis idóneo de todo o campus para evitar turbulencias da canle atmosférica', o orzamento total para a posta en marcha desta nova infraestrutura situouse en torno aos 1,5 millóns de euros.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES