
Dende esta tarde e ata o vindeiro xoves 17 desenvolveranse 4 xornadas nas que haberá obradoiros, un ciber-reto e relatorios para falar de solucións, normativas, desafíos e ameazas inherentes á seguridade na contorna dixital.
Internet das cousas e sistemas operativos
As tres primeiras xornadas, dende hoxe e ata o mércores 16 de outubro, dirixiranse a estudantes e novos licenciados que van participar en obradoiros sobre introdución á auditoría dos dispositivos IoT/IIoT mediante Shodan e a analizar vulnerabilidades en contornas Windows e Linux. Así, no primeiro taller afondarase na Internet das Cousas, tanto na súa variante doméstica (IoT) coma industrial (IIoT)l, mentres que no segundo efectuarase un test de intrusión, dende os primeiros pasos de análise e enumeración, ata a explotación e toma de control de equipos dos sistemas operativos Linux e Windows para detallar esas potenciais vulnerabilidades.
o ciber-reto
Exporase, ademais, o reto de Ciberseguridade de Gradiant e Hijos de Rivera, desafíos que propoñen desenvolver habelencias para resolver problemas relacionados coa criptografía, a análise forense, o networking ou o reversing. A AMTEGA e máis outras sedes das Universidades serán os espazos, conectados por videoconferencia, onde se poñan en marcha estes obradoiros e se expoña o ciber-reto.
xornada para empresas
A xornada final, o 17 de outubro, orientada ao ecosistema empresarial, desenvolverase no Auditorio Neira Vilas da Cidade da Cultura, da man de expertos nacionais e internacionais que comentarán, dende perspectivas diversas, aspectos tamén diferentes e actuais no terreo da Ciberseguridade.
Así, por exemplo, a intervención dunha responsable da Unidade de Ciberseguridade e Desinformación do Departamento de Seguridade Nacional da Presidencia do Goberno, sobre Estratexia Nacional de Seguridade. Acerca de Ciberseguridade na transformación dixital versarán, nunha mesa de debate, os relatorios de voceiros de empresas e entidades como Balidea, Gradiant, Abanca, Forensic & Security ou Grupo Euskaltel. Tamén se falará da visión actual do mercado ante o tema da seguridade na empresa e de Ciberseguridade nas pemes para superar a falla de recursos e minorar riscos.
A idea é ofrecer, en suma, coas achegas de especialistas en todas estas áreas, as claves básicas para manter segura a empresa na contorna dixital a día de hoxe.
Durante a xornada de peche entregaranse, así mesmo, os Premios ao Reto, Traballo Fin de Grao, Traballo Fin de Máster e Doutoramento, en recoñecemento aos mellores traballos académicos e de investigación na contorna da Ciberseguridade.
sobre a cátedra R en Ciberseguridade
A cátedra R en Ciberseguridade, desenvolvida en colaboración coas Universidades de Vigo (UVIGO) e da Coruña (UDC), e financiada pola Fundación Euskaltel Konekta, é a primeira cátedra interuniversitaria que se desenvolve en Galicia. Persegue basicamente promover o desenvolvemento de competencias profesionais do alumnado e mellorar a capacitación dos membros da comunidade universitaria. A idea é adaptar todo ese potencial de coñecemento e preparación ás necesidades da empresa fomentando, en paralelo, a formación continua, a innovación e a investigación na área da Ciberseguridade.
O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.