Archivo (3 del 2020)

Buscador

Noticias

Hoxe os profesionais do Servizo de prevención e defensa contra incendios forestais (SPDCIF) de Galicia inician a desinfección dos exteriores das residencias de maiores, das de discapacitados e dos centros de saúde dos municipios galegos de menos de 5.000 habitantes. Así, o persoal do SPDCIF actuará en preto de 100 residencias de persoas maiores e de discapacitados e en máis de 460 centros de saúde de 200 concellos do rural durante a situación de emerxencia sanitaria por mor do coronavirus. Os profesionais do SPDCIF desinfectarán estas áreas rurais tan concorridas e nas que existe un risco superior de contaxio.
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 1.170, deles 298 son da área da Coruña, 62 da de Lugo, 142 da de Ourense, 164 da de Pontevedra, 278 da área de Vigo, 189 da de Santiago, e 37 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 46 permanecen en UCI, 270 están en unidades de hospitalización e 854 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 19 altas de pacientes e 19 falecementos. O último falecido era un varón de 81 anos que estaba ingresado no Hospital Universitario Lucus Augusti, e que tiña patoloxías previas.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro por videoconferencia con entidades do sector financeiro para avanzar na posta en marcha das medidas de apoio a empresas e autónomos aprobadas pola Xunta. Na xuntanza participaron representantes de varias entidades bancarias e das sociedades de garantía recíproca Afigal e Sogarpo. Con eles, Conde abordou polo miúdo as medidas de financiamento que o Goberno galego vai activar para inxectar de inmediato liquidez a empresas e autónomos que se están vendo afectados polo impacto do coronavirus no sector económico.
Os hospitais comarcais da rede do Servizo Galego de Saúde, en concreto os hospitais da Barbanza, Burela, Monforte e Valdeorras poñen en marcha o sistema para realizar as probas do coronavirus aos pacientes desde os seus propios vehículos sen que teñan que baixarse deles. Na actualidade xa funciona tamén nos hospitais de Vigo, Ourense, Lugo, Coruña, Pontevedra, Santiago e Ferrol. En total, en todos os puntos de mostraxe dende o inicio desta medida a pasada semana realizáronse 955 probas a pacientes dende os seus vehículos. O hospital da Barbanza xa ten operativo un punto fixo de toma de mostras, nos Hospitais da Mariña e Monforte comezará proximamente, e o Hospital do Barco de Valdeorras iniciará a recollida de mostras mañá.
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 885, deles 226 son da área da Coruña, 58 da de Lugo, 95 da de Ourense, 136 da de Pontevedra, 212 da área de Vigo, 130 da de Santiago, e 28 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 33 permanecen en UCI, 227 están en unidades de hospitalización e 625 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 16 altas de pacientes e 14 falecementos. Os dous últimos falecidos foron un varón de 81 anos que estaba ingresado no CHUAC e unha muller de 77 anos ingresada no Hospital Juan Cardona de Ferrol. Os dous tiñan patoloxías previas.
Alberto Núñez Feijóo trasladou a preocupación ante a falta de material comprometido polo Goberno de España e afirmou que a Xunta seguirá traballando a través do Sergas para dotar á Comunidade do material sanitario que precisa. Durante a reunión por videoconferencia co Executivo e cos outros presidentes autonómicos, Feijóo transmitiu as principais preocupacións de Galicia: a necesidade de material sanitario para protexer aos profesionais, para garantir a asistencia sanitaria aos pacientes e para facer os test de recoñecemento; o coñecemento da curva epidemiolóxica, de cara á avaliación da necesidade de camas de UCI e de hospitalización; e a atención das necesidades das residencias de maiores e das residencias de discapacidade.
A Xunta de Galicia, a través de todos os seus departamentos e centros dependentes da Consellería de Cultura e Turismo, propón para o período que dure o estado de alarma por mor do coronavirus unha programación con abondosas actividades de lecer cultural a través de Internet. Propostas pensadas para toda a familia que poden seguirse a través da campaña #aculturasegue en todas as redes sociais das súas dotacións. Trátase dunha etiqueta á que se convida a sumarse ás institucións culturais, aos nosos creadores e a toda á cidadanía para compartir a nosa cultura. A iniciativa pretende recoñecer o papel sobresaínte que os nosos creadores e axentes culturais teñen na construción social de Galicia, e que ofrece opcións de ocio dixital de calidade e plural no fogar.
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 721, deles 195 son da área da Coruña, 54 da de Lugo, 74 da de Ourense,112 da de Pontevedra, 152 da área de Vigo, 108 da de Santiago, e 26 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 28 permanecen en UCI, 166 están en unidades de hospitalización e 527 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 6 altas de pacientes e 12 falecementos. Os tres últimos foron o dunha muller de 68 anos e dous varóns de 93 e 74 anos que estaban ingresados no CHUAC. Todos tiñan patoloxías previas.
A Sociedade Iberoamericana de Psicoloxía do Deporte co apoio da Universidad Liberquaré e da Xunta, puxo en marcha a iniciativa ‘Píldoras Solidarias. Entrenamiento Mental’ cunha primeira entrega a cargo do presidente da SIPD, Joaquín Dosil, baixo o título ‘Deportista: ganar a competición persoal durante o confinamento’. Esta primeira pílula solidaria, contou coa participación de 1.780 inscritos, dos que 887 foron deportistas e adestradores galegos e galegas, o 50%. Dos 18 países participantes, España (1.054) contou coa maior participación seguida de Arxentina (195), México (105), Colombia (98), Chile (78), Perú (56), Guatemala (38), Costa Rica (30), Brasil (28), Uruguai (27), Porto Rico (14), Portugal (11), Venezuela (11), Ecuador (9), Reública Dominicana (7), Bolivia (6), Paraguai (5) e outros países (8).
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou hoxe na rolda de prensa do Consello das novas medidas postas en marcha pola Xunta para a prevención e o seguimento do coronavirus. “Estamos a falar de 380 millóns de euros: 51,5 millóns de investimento sanitario, 270 millóns en medidas económicas, 33 millóns en materia de política social e arredor de 25 millóns para os sectores turístico e cultural”, detallou.“Seguimos a traballar e a poñer en marcha novas medidas para loitar contra o virus e estar preparados para facerlle fronte no sistema sanitario, especialmente nos próximos días; para que Galicia non se paralice na medida do posible; e para apoiar a quen máis o precisa e que non sufra un dano aínda maior a consecuencia desta situación”, dixo.
« Anterior | 3  de  8 | Siguiente »

Archivo

2024 (192)

2023 (515)

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES