Actualidad de Política

Noticias politica

A Xunta de Galicia inicia o proceso para a elaboración da Estratexia galega da paisaxe horizonte 2030 coa licitación do servizo de asistencia técnica para redactar o documento. O obxectivo principal deste contrato é prestar apoio ao Instituto de Estudos do Territorio (IET) co fin de realizar os traballos necesarios para configurar, elaborar e implementar a referida estratexia. Entre os traballos a desenvolver inclúense deslindar e concretar todas as liñas de acción que materializarán as políticas autonómicas neste eido, identificar as actuacións dos diferentes departamentos da Xunta que concorden coas liñas de acción das políticas de paisaxe, ou identificar actuacións doutras administracións que sexan susceptibles de xerar posibles mecanismos de colaboración.
A directora da oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, Ana Ramos, foi a encargada de inaugurar e moderar unha nova edición dos Encontros virtuais Xunta-UE, o foro de debate entre o goberno galego e as institucións comunitarias. O representante da Comisión explicou os antecedentes da política de cohesión, que leva máis de 40 anos tratando de reducir as disparidades entre as rexións europeas co obxectivo de lograr un desenvolvemento económico, social e territorial equilibrado. Pola súa parte, o representante da Consellería de Facenda explicou como están a revisar os actuais programas FEDER e FSE 2021-2027 no marco da revisión a medio prazo prevista na actual lexislación.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou hoxe que Galicia asumirá desde mañá 'a plena xestión sobre o seu litoral', un 'feito histórico desde o punto de vista do autogoberno' que virá acompañado da posta en marcha de xeito inmediato de dous novos servizos, unha nova canle de información á cidadanía e a posibilidade de unificar nun só formulario calquera trámite ou solicitude sobre o litoral. Deste xeito, o Goberno autonómico prepárase para asumir o autogoberno pleno do litoral co traspaso efectivo a Galicia a partir de mañá das funcións, medios e servizos en materia de ordenación costeira.
O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, interveu na Conferencia da Alianza de Rexións Europeas con Industria da Automoción, onde defendeu a necesidade de que os fondos europeos que permiten apoiar os sectores industriais sigan sendo xestionados polas rexións. No encontro, celebrado no marco dos traballos para avanzar no Plan de Acción para o sector do automóbil que presentou a Comisión Europea en marzo, Nicolás Vázquez remarcou que Galicia é partidaria de que se manteña a descentralización dos fondos de cohesión.
O Consello da Xunta autorizou a interposición dun recurso de inconstitucionalidade contra o Real decreto lei 2/2025, do 18 de marzo, sobre a repartición de menores migrantes non acompañados, que o Goberno central impón ás comunidades autónomas, despois de recibir o pronunciamento favorable do Consello Consultivo de Galicia. O CCG emitiu un ditame no cal indica que esta norma invade as competencias autonómicas en materia de asistencia social e protección de menores. No seu pronunciamento, este órgano sinala que o Real decreto - lei sería inconstitucional, cando menos, en seis artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que o Goberno galego inclúe no novo decreto de FP a figura do profesor asociado e avanza no recoñecemento mutuo de créditos entre estas ensinanzas e a universidade. O Consello da Xunta analizou un informe sobre o inicio da fase de tramitación do anteproxecto de decreto polo que establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo de Galicia. Un texto no que a Xunta traballa desde hai ano e medio e que ten como obxectivo regular en Galicia os ciclos de FP básica, de grao medio e superior, así como os másteres destas ensinanzas, adaptándoas á nova normativa estatal.
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na asemblea xeral Comisión do Arco Atlántico da Conferencia das Rexións Periféricas Marítimas en Sevilla, na que se fixo balance do último ano e se presentaron as previsións para 2026. O director xeral interveu na sesión Un novo marco financeiro plurianual da UE: que hai para o Atlántico, onde defendeu un futuro da política de cohesión descentralizado e o rexeitamento ao cambio de modelo cara un plan único por estado membro, postura baseada nas experiencias previas que mostran que os programas operativos rexionais son a fórmula máis eficiente para a xestión dos orzamentos destinados á cohesión.
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, manifestou hoxe que o Goberno de España ten 'un absoluto suspenso en materia de enerxía', e reclamou unha mellor planificación da rede eléctrica acorde ás necesidades da nova planificación industrial. 'Hai proxectos que agora mesmo dependen exclusivamente para a súa viabilidade e instalación en Galicia de ter potencia eléctrica bastante e poder conectarse á rede', dixo, para remarcar: 'É un problema gravísimo. Investir en redes non dá votos e non se está tomando coa importancia coa que se ten que tomar'.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, advertiu esta mañá durante o foro Galicia hacia el futuro, organizado por Europa Press Galicia, da existencia de polo menos dez proxectos industriais de gran envergadura que se atopan actualmente en risco de non poder desenvolverse debido á insuficiente capacidade de conexión á rede eléctrica. 'Contar cunha rede moderna, robusta e adaptada' ás necesidades das industrias do futuro 'é algo fundamental', indicou. Rueda resaltou que reforzar as actuais infraestruturas eléctricas na comunidade e mellorar a evacuación das enerxías renovables é unha necesidade 'real e urxente' para o tecido produtivo xa que, manter as actuais condicións, supón unha ameaza directa para o crecemento económico e a atracción de investimentos na comunidade.
O director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva, destacou esta mañá no Parlamento de Galicia que a Xunta porá en marcha este ano a Rede de Psicoloxía Clínica en atención primaria, unha medida que posibilitará a contratación de 14 novos psicólogos clínicos que se engaden aos 7 profesionais deste ámbito sanitario que actualmente desempeñan o seu labor nos centros de saúde galegos. O director xeral remarcou que o obxectivo do Goberno galego é acadar a cifra dos 50 psicólogos clínicos no ano 2030. Segundo explicou Silva, a sanidade pública galega conta hoxe en día con case o dobre de profesionais da saúde mental que no ano 2009.
« Anterior | 4  de  157 | Siguiente »

Notas politica

Gonzalo Caballero: “No PSdeG temos iniciado un tempo novo, con novos referentes e coa incorporación doutra xeración, co reto de convencer á sociedade de que Galicia precisa un cambio”. O secretario xeral do PSdeG advirte contra a “recentralización” como resposta ante as eivas do Estado das Autonomías e aposta pola calidade de vida dos cidadáns.
“Dígalle ao seu xefe que se ten cartos para rescatar as radiais madrileñas rescate a AP-9 e deixe de tratarnos como cidadáns de segunda”, insta a deputada do BNG, Ana Pontón, que lle propón que exerza como presidente e defenda un financiamento xusto, fondos para a dependencia, transferencia da AP-9 e modernización do tren.
O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, fixou como retos para a presente lexislatura “consolidar o crecemento económico e contribuír a seguir mellorando o Estado do Benestar”. Así mesmo, afirmou que no novo sistema de financiamento autonómico “o que interesa a todos, en especial e Galicia, é que sexa capaz de garantir recursos para que as comunidades autónomas presten en condicións de igualdade mínima os servizos públicos fundamentais”.
O presidente da Xunta presentou a Miguel Santalices no almorzo informativo organizado por Nueva Economía Forum-Tribuna Galicia. Feijóo reivindica o papel do Parlamento para debater, acordar e decidir o futuro, do único xeito que é posible: con respecto á legalidade. Incide en que o realmente útil para os cidadáns non son as discusións que nunca chegan a ningures.
O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, criticou que o presidente da Xunta teña demostrado que “non está á altura das necesidades de defensa dos intereses de Galicia”. Así o dixo nun almorzo informativo, xunto coa viceportavoz Patricia Vilán, no que presentaron as liñas estratéxicas de oposición para o próximo ano, centradas no emprego, a sanidade ou o financiamento autonómico.
O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, valorou o mandato de Xulio Ferreiro tras superarse amplamente o ecuador da lexislatura municipal e asegurou que “vai camiño de ser nada máis que unha oportunidade perdida para a cidade da Coruña”, que presentou os peores datos de desemprego das urbes galegas en 2017
En Marea comeza este 2018 coa súa axenda ateigada de actos políticos, incluído un debate sobre a renda básica universal, a extensión das xornadas por un territorio vivo para todo o país e unha xornada sobre as propostas económicas de En Marea para que, a maiores de saír da recesión, se poda dicir que tamén se sae dos anos de crise.
A organización xuvenil do BNG celebrou unha rolda de prensa para anunciar que neste ano 2018 se cumprirán 30 anos da celebración da súa I Asemblea Nacional, que tivo lugar os días 23 e 24 de xullo do 1988. O BNG conmemorará esta efeméride ao longo de todo o 2018 e percorrendo todo o país.
O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, perfilou unha “axenda de traballo intensa para presentar un proxecto galego e galeguista dende a esquerda”. Os socialistas galegos, explicou, iniciarán unha folla de ruta “a pé de país” con xuntanzas itinerantes da dirección dirixidas a intensificar a súa presenza nos concellos.
O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclamoulle ao presidente da Xunta que “erga a bandeira de Galicia” para “plantarse” diante de Rajoy e reivindicar as infraestruturas pendentes .Os socialistas preguntaranlle a Feijóo no vindeiro Pleno polo esforzo do Goberno central en relación co impulso ás infraestruturas en Galicia.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES