Noticias

Asturias e Galicia apostan por manter un fronte común para demandar un sistema de financiación autonómica condicionada a indicadores de poboación como o avellentamento ou a dispersión

Os presidentes galego e asturiano apostan por manter a “colaboración e unión” entre os respectivos gobernos para facer fronte a desafíos comúns como o reto demográfico, a financiación autonómica, a posta en marcha do Corredor Atlántico Noroeste ou o aumento do turismo no norte da Península. Subliñan tamén a necesidade de abordar a reforma do sistema de financiación autonómica para adaptala a indicadores de poboación como o avellentamento ou a dispersión, e apostan porque Galicia e Asturias fagan un fronte común para exixir cambios.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, definiu hoxe Galicia como “unha illa de estabilidade” e puxo en valor que a comunidade conta cun dos calendarios de vacinación “máis avanzados do mundo”. “Queremos que Galicia sexa o mellor lugar para nacer, crecer, traballar, desfrutar e facerse maior”, resaltou na quinta edición do foro Encontros no EO, na que analizou xunto ao presidente do Principado de Asturias, Adrián Barbón, os principais retos de ambas comunidades para o futuro máis inmediato.

Durante a súa intervención neste encontro, Rueda salientou que Galicia ofrece estabilidade política, institucional e económica e foi pioneira en implantar medidas para facer fronte ao reto demográfico que agora serán compartidas por Asturias. É o caso da gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos desde o curso pasado – “que permite un aforro de 2.000 € ao ano ás familias”, indicou o presidente- ou a Estratexia Galicia Retorna, coa que se busca promover o regreso “de 30.000 galegos que viven fóra de Galicia”. Ademais, entre as medidas de apoio ás familias que ten en marcha a Xunta, Rueda tamén destacou as vantaxes fiscais ou contar cun dos calendarios de vacinación máis completos do mundo que sitúa a Galicia como pioneira en España, por exemplo, na inmunización dos bebés contra o virus respiratorio sincitial que causa bronquiolite.

Colaboración para afrontar os desafíos comúns

O presidente galego apostou por manter a “colaboración e unión” entre o Goberno galego e asturiano para facer fronte a desafíos comúns como o reto demográfico, a financiación autonómica, a posta en marcha do Corredor Atlántico Noroeste ou o aumento do turismo no norte da Península.

Rueda subliñou a necesidade de abordar a reforma do sistema de financiación autonómica para adaptala a indicadores de poboación como o avellentamento ou a dispersión. E apostou porque Galicia e Asturias – “onde é máis caro ofrecer servizos fundamentais” pola dispersión xeográfica- fagan un fronte común para exixir cambios. “A cooperación e a unión daranos fortaleza e credibilidade” e, sobre todo, permitirá evitar “reunións bilaterais” sobre a financiación autonómica que serían perxudiciais para os intereses de Galicia e Asturias, según indicou o presidente da Xunta.

Ademais, Rueda criticou a “condonación da débeda” que se solicita desde algunhas comunidades ao asegurar que isto non supón que “se perdoe” senón que se distribuiría entre o conxunto de autonomías e penalizaría as que, como Galicia ou Asturias, máis están cumprindo nesta materia.

Corredor Atlántico

Durante o foro, o presidente da Xunta de Galicia e o do Principado de Asturias tamén coincidiron en reivindicar á necesidade de avanzar no desenvolvemento do Corredor Altántico de mercadorías por ferrocarril. Neste sentido, Rueda lembrou que a principios deste ano ambas comunidades, xunto con Castela e León, uníronse para reivindicar un impulso ao Corredor Atlántico Noroeste e lamentou que, oito meses despois, aínda non se deron resultados. Rueda puxo como exemplo que “tras sete meses” reclamando unha reunión co comisionado do Corredor, nomeado polo Goberno central, aínda non hai data para este encontro.

No eido económico, os dous mandatarios autonómicos tamén analizaron o reto que supón a transformación da industria e a oportunidade que ofrecen as novas fontes de enerxía. “A España do norte temos unha gran oportunidade nas enerxías verdes que van ser as enerxías do futuro e que van ser a fonte de alimentación da industria do futuro”, indicou Rueda, quen asegurou que a Xunta traballa co obxectivo de garantir que é “compatible a sostenibilidade ambiental” co desenvolvemento de proxectos enerxéticos como é o caso da eólica mariña.

Un atractivo turístico

Na súa intervención, o titular do Goberno galego manifestou o gran atractivo turístico co que conta o noroeste peninsular, destacando a consolidación de Galicia como destino de primeiro nivel de forma sostible no tempo e enlazando varios anos de récord. Rueda salientou a rápida recuperación do sector tras a pandemia e apostou pola cooperación entre comunidades para que o turismo siga “medrando, pero con sentidiño”, fomentar a desestacionalización ou impulsar marcas comúns como o Camiño de Santiago.

Aposta polo futuro

Poñendo a mirada no futuro, Alfonso Rueda puxo de manifesto a importancia da formación como garantía de progreso. Asegurou que o obxectivo da Xunta é que os galegos poidan “formarse e traballar” na súa terra e para iso resaltou a importancia de “adaptar a formación as demandas laborais” do tecido produtivo.

Ademais, cara aos vindeiros anos, a Xunta aposta tamén “pola industria do futuro”, indicou Rueda, quen asegurou que para garantir a posta en marcha de proxectos estratéxicos para Galicia é preciso axilizar a xestión dos fondos europeos. Nesta liña, lamentou que o Goberno central aínda teña miles de millóns de euros para a industria sen mobilizar e lembrou que hai proxectos que van ser “tractores” tanto para Galicia coma Asturias que aínda están pendentes de saber se contarán ou non con esta financiación.

R., 2023-09-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (al-majisti-festival.jpg) O festival Al–Majisti' vaise desenvolver os vindeiros 17,18 e 19 de maio neste concello da alta montaña galega. Trátase dun certame literario no rural de Galicia que propón un diálogo entre literatura, astronomía e música, con afán de converterse nunha das citas culturais máis importantes da provincia. O nome 'Al–Majisti' é o topónimo árabe traducido como 'o máis grande, o grande tratado' e empregado polos astrónomos ata a Alta Idade Media, incluídos os navegantes dos descubrimentos; por iso o festival ten a súa partida en dúas grandes estrelas da cultura astronómica, Claudio Ptolomeo e Afonso X O Sabio.
Foto de la tercera plana (20240509-uvigo.jpg) Catro traballos que versan sobre a liberdade vixiada, a crise dos pellets, a ocupación de vivendas e a intelixencia artificial foron galardoados este xoves co III Premio Xurídico de Investigación en lingua galega Xosé Luís Franco. Os catro gañadores, dúas estudantes da Universidade de Vigo, un de Santiago de Compostela e outra da Coruña, déronse a coñecer este xoves na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, impulsora destes premios, no transcurso dun acto co gallo do Día das Letras Galegas.

Notas

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Joseba Sarrionandia, escritor vasco, como Escritor Galego Universal en 2024, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra, así como por defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi. Joseba Sarrionandía (Bizkaia, 1958), formou parte nos anos oitenta da banda literaria Pott, xunto con Bernardo Atxaga, Jon Juaristi e Ruper Ordorika.
Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, estase a desenvolver ata o venres no Parque Tecnolóxico de Galicia, baixo o lema 'Mellor, de Madeira'. A finalidade desta proposta é espertar as vocacións científicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, Educación Especial, FP e Bacharelato.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES