Noticias

Galicia expón nun foro de traballo interautonómico a súa inquedanza polo status de protección do lobo

Galicia compartiu xunto a representantes de Aragón, Andalucía, Cantabria, Castela e León, Murcia e A Rioxa, a inquedanza polo status de protección do lobo ibérico no conxunto de España, unha situación que complica o mantemento do equilibrio entre a especie e a actividade do sector primario, co que comparte territorio. Durante un encontro para estreitar lazos e compartir posibles liñas de actuación en materias de interese común no eido medioambiental, defendeu a necesidade de que as autoridades comunitarias coñezan de primeira man a realidade da especie en cada rexión.

Neste sentido, explicou que o Executivo galego respondeu ao proceso de consultas aberto pola Comisión Europea ao respecto remitindo un completo informe o pasado 22 de setembro no que se constata o estado favorable da poboación de lobo ibérico en Galicia e se dá conta de todos os datos obtidos a raíz do último censo da especie realizado pola Xunta entre 2021 e 2022 “ante a inactividade” do Goberno central e pese ao seu compromiso coa elaboración dun estudo a nivel nacional.

Na mesma liña, Belén do Campo salientou que a decisión do Goberno central de elevar o nivel de protección do lobo no conxunto do país en setembro do ano 2021 estaba inxustificada xa que a realidade e a dinámica poboacional desta especie non aconsellaba adoptar medidas adicionais para garantir a súa conservación ao norte do río Douro.

Tras indicar que na información remitida pola Xunta se incluíu tamén un anexo con información sobre o impacto que ten no sector agrogandeiro e no rural, do Campo lembrou o “esforzo económico” do Goberno galego neste sentido, cun investimento de case 8 millóns de euros desde 2016 a través de diferentes ordes de axudas.

Precisamente, todos os representantes autonómicos coincidiron en denunciar que a estas alturas do ano aínda estea sen facer o reparto dos fondos reservados para o lobo nos orzamentos de 2023. De feito, decidiron reclamar ao Ministerio a convocatoria dunha conferencia sectorial extraordinaria e monográfica para abordar a distribución territorial desas partidas, xa aprobadas na comisión celebrada no mes de xuño.

De feito, Belén do Campo lembrou que a Xunta quedou fóra do reparto do ano pasado polo “sectarismo” do Goberno central, que vencellou o acceso a estes fondos á subscrición da nova Estratexia nacional do lobo, unha “chantaxe”, dixo, que Galicia non aceptou e pola que segue reclamando por vía xudicial o seu dereito a recibir os 4,3 millóns de euros que lle correspondían segundo o reparto acordado en 2022.

Neste sentido, os representantes dos gobernos galego, cántabro e castelán leonés, cuxos territorios concentran o maior número de exemplares de lobo de todo o país, coincidiron en censurar a unilateralidade do Executivo central en todas as súas decisións sobre a xestión da especie, sen escoitar nin consultar ás principais comunidades lobeiras, unha actitude que esperan que non se repita ante a petición de Conferencia sectorial acordada hoxe e que se lle trasladará ao Ministerio nos vindeiros días.

R., 2023-10-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ángel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES