
Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de En Marea:
En Marea, en coordinación con Podemos e En Comú Podem, presentaron no Congreso dos Deputados unha Proposición Non de Lei (PNL) na que se insta ao Goberno do Estado a adoptar medidas que o grupo considera urxentes para o sector cultural. Consideramos que a cultura é fundamental e prioritaria e que debe ser atendida como sector estratéxico de interese político e social. A situación do sector cultural é grave, sinala o deputado de En Marea Miguel Anxo Fernán Vello, portavoz do Grupo Confederal na Comisión de Cultura.
Unha medida prioritaria é a suspensión das inspeccións xa abertas e paralizar os expedientes contra autores, tradutores e creadores en xeral en relación ao cobro simultáneo de dereitos de autor e a percepción de pensións, ademais de esixir unha modificación da lexislación para que sexa compatible o cobro de dereitos de autor e a percepción das pensións de xubilación. Xa hai autores de Galicia que están recibindo as cartas e queremos que se reforme a normativa porque a creación cultural a calquera idade é un patrimonio colectivo de gran importancia ao que non podemos nin queremos renunciar, indicou Fernán Vello.
O texto tamén propón reducir e unificar o IVE cultural en consonancia co resto dos países europeos, onde o tipo medio é do 7%. Outra medida contemplada na iniciativa presentada hoxe é iniciar actuacións que promovan a igualdade de xénero e fomenten unha cultura máis igualitaria, especialmente o acceso das mulleres a todos os ámbitos e niveis profesionais chegando a unha plena equiparación laboral.
Finalmente insta a crear un Estatuto do Artista e dos Profesionais da Cultura con rango de norma xurídica, que axuste a fiscalidade á actividade profesional intermitente propia do sector, que contemple un réxime específico da Seguridade Social, que faga efectivo o dereito dos profesionais da cultura a contar con representación sindical e que vincule o sector con prácticas da economía colaborativa, social e solidaria, a través de cooperativas de traballo.
Fotografía: http://enmarea.gal
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.