Noticias

La sede de Afundación en la capital gallega acoge una muestra de la visión de Dalí sobre El Quijote, Pantagruel y las fábulas de La Fontaine

72 grabados forman parte de la colección de obras de Salvador Dalí que se exhibe hasta el 1 de mayo en la sede de Afundación, en Santiago de Compostela, y que ofrecen una mirada y la interpretación del artista sobre la literatura, a través de escenas y motivos de obras como El Quijote, Pantagruel o las fábulas de La Fontaine.

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de Afundación:

O gran xenio de Figueres volve ás salas de Afundación cunha exposición única: "Salvador Dalí, contador de historias". Unha das facetas máis descoñecidas de Salvador Dalí (Figueres, 1904-1989) é a de gravador. Do mesmo xeito que na pintura, na arte gráfica Dalí plasmou a súa persoal iconografía, deixando nas súas estampas unha obsesión polos detalles. As imaxes que nos ofrece nesta exposición explican a comedia humana, o comportamento ridículo, pero non menos real, do home no mundo e na historia.

Conforman a exposición setenta e dous gravados e estampas, pertencentes aos chamados Ciclos literarios de Dalí, nos que o artista copiou e recreou obras literarias universais achegando a súa particular visión e interpretación.

Les songes drolatiques de Pantagruel, 1973

Nesta serie de vinte e cinco litografías Dalí recrea as ilustracións que François Desprez realizou sobre o ciclo Pantagruel de François Rabelais para a edición que en 1565 publicou Richard Breton en París.

Mirar as ilustracións de Dalí sobre a afamada obra de François Rabelais supón un esforzo intelectual que nos leva e obriga, en primeiro lugar, a considerar o chamado Pantagruel coa finalidade e propósito con que foi escrito no século XVI. E é que os libros de Rabelais son máis ca novelas de entretemento, constitúen unha sátira feroz contra as institucións máis respectadas do seu tempo, todo iso a través dun aire despreocupado, reflexo do seu xeito persoal de entender a vida e de comportarse nela.

Son estas fantasías ilustradas as que nos transportan á comedia da vida, pero a unha comedia pouco divina por ser plenamente humana. E así, estas imaxes convértense en caprichos do autor, nunha estética moi personalizada que traduce o artista e na que quere manifestar un espírito propio e individual que, aínda que Rabelais o propón na súa literatura satírica, agora na estampa, Dalí quere definir por esperpentos visuais.

Le bestiaire de La Fontaine dalinisé, 1974

As doce fábulas que nos presenta Salvador Dalí, seguindo a Jean de La Fontaine, toman polo xeral a súa fonte no sempre citado Esopo. Na súa catalogación, presentamos o título de cada unha delas, consideramos a súa fonte e propoñemos a consecuencia moral que se deriva como sentenza.

A serie comeza cun retrato do fabulista francés, onde o artista catalán toma como modelo a pintura de Hyacinthe Rigaud que fora gravada por Ferdinand Delannoy. Habemos de reparar na figura que máis influíu no mestre catalán para a construción destas creacións. Do mesmo xeito que François Desprez para Pantagruel, aparece neste caso o gravador francés Jean Grandville (1803-1847), cuxas láminas para as fábulas de La Fontaine coñecémolas na edición do ano 1855.

Jean Grandville é un artista que a través das súas imaxes establece unha crítica social e política á monarquía, toda unha sátira onde se dá saída a elementos oníricos e irreais. Non estraña que a obra gravada de Grandville fora moi valorada polos surrealistas e, entre eles, por Salvador Dalí, pois cinco das súas doce láminas presentan unha singular correspondencia. En Dalí chama a atención a ruptura do canon, a proporcionalidade e a esaxeración das extremidades nas súas figuras. Neste aspecto, preséntase como un gran mestre do debuxo, como claro manierista onde a visión persoal domina e supera a recreación fenoménica ou meramente natural.

El ingenioso hidalgo don Quixote de la Mancha de Miguel de Cervantes, 1957-1958

As estampas que se presentan forman parte da publicación de Bos Aires pola editorial Emecé (1957-1958) que fora titulada El ingenioso hidalgo don Quixote de la Mancha. O primeiro volume desta edición foi ilustrado por Salvador Dalí con dez láminas en acuarela a cor estampadas en offset e trinta debuxos en branco e negro con proceso fotomecánico. Convén precisar que, con anterioridade, estas láminas foron publicadas nunha edición de Random House (Nova York, 1946) co título El Quixote e coas ilustracións presentadas a dobre páxina.

Dalí coñecía sobradamente diferentes fontes ilustradas sobre o Quixote, pois as súas formulacións na composición supoñen unha interpretación persoal de detalles e figuras xa establecidas con anterioridade. Aínda que a fonte gráfica non é tan directa coma na súa Pantagruel, dedúcense con claridade invencións xa establecidas no tempo. Dalí debuxa un heroe dinámico, que plasma en moitos casos só coa súa figura, sen artificios nin motivos de fondo. As súas estampas están cheas de expresividade, contrastando a imaxe austera e alongada do Quixote coas corpulentas e voluminosas figuras do resto de personaxes.

R., 2016-02-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES