
Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PPdeG:
O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, cualificou de ano especialmente produtivo e con profundas transformacións institucionais e de mellora das garantías e os dereitos para os cidadáns o traballo parlamentario desenvolvido ao longo de 2015, no que se aprobaron 15 novas leis. De cara ao futuro, Puy destacou a tramitación do Plan Estratéxico da Xunta, que permitirá avaliar o gasto orzamentario en función dos obxectivos conseguidos, e doutros proxectos lexislativos, como as novas leis do Solo ou de Patrimonio Cultural.
A curto prazo, Pedro Puy avanzou que rematará a actividade parlamentaria do ano coa celebración de dúas sesións das comisións 4ª e da Compañía de Radio Televisión de Galicia. Máis en concreto, na Comisión 4ª, logo da dimisión da deputada que a presidía, procederase á renovación da Mesa, de xeito que o actual vicepresidente, Antonio Mouriño, pasará a ocupar a Presidencia e designarase ao deputado Moisés Blanco como vicepresidente.
Puy concretou que o Parlamento galego acolleu ao longo de 2015 a celebración de 24 sesións plenarias e 263 reunións dos distintos órganos colexiados. Levouse a cabo un traballo que permite que Galicia estea a nivel institucional en orde de revista e de clara mellora para facer fronte á prevención da corrupción e ás desviacións de cartos públicos e, por outra banda, dar conta da mellora da situación económica, sinalou.
Centrándose nos textos lexislativos aprobados, o portavoz popular salientou a Lei de calidade dos servizos públicos e da boa administración; a Lei de mellora de estrutura territorial agraria; a Lei de emprego público; a Lei de creación do Colexio de dietistas e nutricionistas; a Lei de financiamento das formacións políticas e fundacións e asociacións vinculadas; ou a Lei pola que se aproba unha retribución de carácter extraordinario para a recuperación da paga extra dos empregados públicos. Só tres comunidades autónomas puideron adiantar a devolución desta paga extra como consecuencia de que tiñan unha posición de solvencia e de cumprimento do déficit garantida que permitía financiar a devolución desta paga extra, aclarou.
Pedro Puy fixo especial referencia á recentemente aprobada Lei de transparencia e bo goberno, que introduce cambios revolucionarios para o acceso da cidadanía á información e brinda espazo para os intermediarios entre a opinión publica e os decisores públicos. Así, destacou que esta norma facilita o acceso a través de internet á información do sector público autonómico, avanza na capacidade de calquera cidadán de pedir información, se incrementa a capacidade de fiscalizar o patrimonio dos altos cargos, os gobernos en funcións non van poder tomar ningunha decisión de contratación; e créase un sistema de control alleo á Administración, elixido polo Parlamento (a Valedora do Pobo) e que ten un consello asesor independente.
Así mesmo, subliñou que, a pesar de ser tramitada nun período de confrontación electoral, esta lei tivo un alto grao de consenso parlamentario e indicou que agora é importante contribuír a que esta esixente norma se poña en marcha canto antes para que os datos estean dispoñibles para a cidadanía.
Puy tamén se referiu á aprobación a semana pasada da Lei de orzamentos, que por vez primeira contén máis gasto público e reduce o endebedamento e o déficit ca comunidade galega; e a Lei de medidas fiscais e administrativas, coa maior rebaixa fiscal acometida nun único ano na comunidade galega e que permitirá que o 98 por cento dos contribuíntes tributen menos no IRPF.
Aos nove proxectos de lei remitidos polo Goberno galego que foron aprobados este ano, Pedro Puy sumou as cinco proposicións de lei dos grupos parlamentarios que tamén entraron en vigor este ano. En concreto, destacou a Lei dos dereitos e garantías dos enfermos terminais, aprobada por unanimidade; a proposición de lei de iniciativa lexislativa popular, que permite aos cidadáns participar directamente no Parlamento con proposicións non de lei ou preguntas ao Goberno; a reforma da Lei de estradas; ou a modificación do Consello de Contas, órgano independente que desenvolverá as funcións de control contra a corrupción.
Respecto da reforma do regulamento do Parlamento, Puy sinalou que introduce cuestións que non existen en ningún outro regulamento de Cámara parlamentaria en España, como que a oposición teña capacidade para constituír unha Comisión de Investigación, ademais de axilizar os debates e ampliar o período de sesións.
Por último, o portavoz popular sinalou que neste ano tamén procedemos á renovación dos membros do Consello de Contas; eliximos unha nova Valedora do Pobo e un adxunto ao Valedor; e designamos aos tres senadores con representación autónoma. Así mesmo, recordou que se elixiron os seis novos membros do Consello de Administración da nova Corporación da Radio e Televisión de Galicia, que comezará a funcionar como tal o vindeiro 1 de xaneiro.
De cara ao futuro, Pedro Puy avanzou a tramitación da nova Lei do Solo, sobre a que considerou bo chegar a acordos porque marca unha tendencia máis aló da lexislatura e terá que ser aplicada por concellos de todas as cores políticas.
Ademais, subliñou a tramitación do Plan Estratéxico da Xunta, fundamental neste novo entorno cunhas contas máis equilibradas e de crecemento. Sobre este plan, Puy salientou que se avanzará nunha avaliación do gasto orzamentario por obxectivos, esencial para conseguir non só un uso dos recursos públicos legal, contrario a calquera forma de desviación e corrupción, senón tamén eficiente, de maneira que o cumprimento de obxectivos permitirá ir avaliando se os distintos programas de gasto son eficientes.
Galicia vén de pechar o mes de xullo máis cálido desde 1961, ano a partir do que se dispón na Comunidade de rexistros climatolóxicos. Esta é a principal conclusión do informe mensual elaborado por MeteoGalicia e que presentou esta mañá en Santiago a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría. Tal e como explicou, o valor medio da temperatura máxima se situou en 29 graos, cunha anomalía positiva de 3,5 graos en comparación cos rexistros das estacións meteorolóxicas máis representativas da Comunidade. Ademais, no caso da temperatura media o dato situouse en 22,5 graos, 2,8 graos por riba do valor normal climatolóxico para este mes.
O Diario Oficial de Galicia publicou a orde pola que se actualiza a relación de deportistas de alto nivel, alto rendemento, rendemento deportivo de base e vitalicias, así como persoas adestradoras ou técnicas, xuízas e árbitras recoñecidas de alto nivel. Esta actualización súmase ás realizadas en xuño e establece un novo récord de persoas recoñecidas, que ascenden a 1.941, das que 835 son mulleres (43%) e 1.106 homes (57%). Arredor do 76 % das persoas -1.466- son deportistas galegos de alto nivel (623 mulleres e 843 homes). Ademais, figuran 201 deportistas de alto rendemento (101 mulleres e 100 homes), 183 deportistas de rendemento deportivo de base (86 mulleres e 97 homes), 47 persoas técnicas de alto nivel (catro mulleres e 43 homes), 29 persoas árbitras e xuízas (16 mulleres e 13 homes) e 15 deportistas galegos de alto nivel vitalicios.