
Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del BNG:
O BNG pide que compareza a secretaria de Igualdade para explicar a acusación contra o Presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar por ofrecer un posto de traballo a unha muller a cambio de relacións sexuais. Tereixa Paz retou ao Presidente da Deputación de Ourense a presentar probas concluíntes contra a acusación ou a súa dimisión ante a denuncia dunha muller presentada en Fiscalía contra José Manuel Baltar por ofrecerlle un posto de traballo a cambio de manter relacións sexuais con el.
A parlamentaria do BNG, Tereixa Paz afirmou que unha persoa sobre a que pesa unha acusación tan grave de atentado contra a liberdade sexual dunha muller, non pode estar nin un minuto ao fronte dunha institución, en alusión a denuncia presentada por unha muller ante a Fiscalía contra o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar por ofrecerlle un posto de traballo a cambio de manter relacións sexuais.
Pola súa parte, a deputada nacionalista, Carme Adán botou man da Lei Galega para a Prevención e Tratamento de Violencia de Xenéro que recolle no artigo terceiro o acoso sexual como unha forma de violencia contra as mulleres, violencia machista, polo que reclamou que, de maneira inmediata, a Vicepresidencia e en concreto a Secretaria xeral de igualdade, inicie unha investigación de oficio para coñecer o alcance da denuncia, e de ser o caso, que esixa a dimisión do Sr. Baltar.
A denuncia, dixo, Adán, de ser certa, significa o cese inmediato desta persoa ao fronte da institución porque estamos falando dun asunto moi serio e grave recollido na lei. Este caso, engadiu, atenta contra a liberdade e dignidade das mulleres galegas e o Partido popular e o Presidente Feijóo están tardando en dar explicacións. Dende o BNG esiximos que compareza a Secretaria de Igualdade ante un feito que hoxe denigra a todas as mulleres galegas.
As deputadas do BNG amosaron a súa solidariedade coa muller que presentou a denuncia porque resulta un paso moi difícil e animaron as mulleres a denunciar ante calquera suceso de violencia de xénero.
Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de Anova:
A saga dos Baltar leva máis de 30 anos sendo coñecida na provincia de Ourense por múltiples casos de prevaricación e clientelismo, que os perpetuaron no poder até o día de hoxe. Probados, xulgados e condenados foron os máis de 100 enchufes que deu Baltar pai no último congreso provincial do PP, para que o fillo herdase o seu cargo, como así aconteceu. Ademais destes feitos condenados, en numerosas ocasións Baltar Pumar autodefiniuse como o cacique bo, recoñecemento o seu modus operandi e actuando con total impunidade diante dunha Xustiza que nunca actuou pese ás obviedades.
Nesta ocasión, a prevaricación de Baltar vese sumamente agravada por un presunto caso de violencia sexual ligada ás relacións de poder, nas que Baltar Jr. aproveitase da súa situación de superioridade, exercendo o máis rancio machismo. Por mor disto, dende Anova-IN condenamos enerxicamente estas actuacións inadmisíbeis e esiximos a quen aínda é presidente da Deputación Provincial que teña cando menos un mínimo de decencia, responsabilidade política e respecto pola institución e a cidadanía toda, abandonando de inmediato o cargo público que ostenta. De igual xeito, agardamos que a cidadanía ourensá se mobilice para evitar que continúe no antedito cargo nin un minuto máis.
Asemade, dende un ollar político, fica probada, con gravacións ben clarificadoras que acompañan a información dos anteditos diarios, a instrumentalización persoal e política da institución en beneficio propio, cuestión esta que non sorprende, pero que nos indigna novamente.
Dende Anova-IN entendemos que non é admisíbel, baixo ningún prisma, que os 92 concellos da provincia de Ourense teñan como xefe provincial a unha persoa que ten un comportamento tan radicalmente rexeitábel coma o do señor Baltar Blanco. Neste sentido, e por hixiene democrática, aconsellamos tamén ao Presidente da Xunta e do PP de Galicia, Núñez Feijoó, a súa reprobación pública e o seu cese fulminante como presidente do Partido Popular en Ourense. Cada minuto que pase con Baltar como presidente do PP de Ourense será unha acumulación de miseria e indignidade sobre ese partido e os seus responsábeis.
Dende Anova-IN queremos apuntar tamén que o caso de J.M. Baltar Blanco debería levarnos a facer unha reflexión aínda máis fonda, por canto, ao noso entender, nos últimos anos foise sementando á mantenta un contexto social que propicia aínda máis ca antes estes noxentos comportamentos.
A gravidade da situación á que nos levaron as políticas do Partido Popular reflíctese moi claramente no comportamento do aínda presidente da Deputación de Ourense, que non dubida en atacar dereitos fundamentais e aproveitarse da desesperación das vítimas da crise-estafa, sabedor da impunidade que lle oferta este escenario de caciquismo e políticas depredadoras en contra da maioría social, amais dun poder xudicial, politizado en moitos aspectos, que deixa bastante que desexar.
Actuacións coma a de Baltar Jr. evidencian, polo tanto, a desprotección e extrema precarización da clase traballadora. Tal é a miseria á que o poder somete á cidadanía, tal é a agresión ás clases traballadoras, que obriga a persoas en condicións de extrema dificultade a recorrer, xa non só a vender a súa forza de traballo, senón a entregarse en condicións de escravitude. É imprescindíbel protexer a dignidade desas persoas e é imprescindible, evidentemente, rachar democraticamente as redes que manteñen en pé este sistema e este réxime corrupto e inhumano.
A antedita desprotección afecta nomeadamente ás mulleres, pois son elas quen recollen os maiores índices de desemprego e pobreza, e quen, amais da desprotección laboral, veñen sufrindo unha ofensiva constante contra os miúdos dereitos acadados durante o período postfranquista, o que as sitúa, xunto con outros colectivos, nunha posición de especial vulnerabilidade. Dende a perspectiva de xénero o comportamento de persoas coma o Presidente da Deputación de Ourense, amais dun abuso de poder, representa perfectamente a enésima vertente do maltrato contra as mulleres exercido polo machismo máis anacrónico e perigoso.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.