
Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del BNG:
Estamos traballando na conformación da candidatura e do programa de cara ás eleccións xerais do 20D no marco da plataforma cidadá IpU, ampla e plural, na que participan outras forzas políticas ademais do BNG, e que segue aberta á incorporación de novas persoas e organizacións para conformar esa candidatura galega de unidade, con grupo parlamentario propio e para garantir que Galiza teña voz potente e soberana para defender os intereses deste país, para defender o dereito a decidir e para camiñar cara a nosa soberanía, explicou ou portavoz nacional, Xavier Vence.
O Consello Nacional analizou o traballo feito polo BNG para a conformación da candidatura galega de unidade dentro da Plataforma Iniciativa pola Unión, e ás propostas de cara á elaboración colectiva do programa electoral nas comisións xurdidas da asemblea que IpU celebrou o 27 de setembro.
Nese proceso, o Bloque insta a toda a cidadanía que comparte estes obxectivos a participar no proceso de primarias, -tanto para elixir como para postularse como candidat@ a conformar a lista de unidade-, inscribíndose no censo aberto pola plataforma cidadá, que pode consultarse desde a súa web (http://polaunion.gal/).
A formación nacionalista aposta por unha participación masiva neste proceso de primarias, no que calquera persoa, -militante ou sen adscrición política-, pode candidatarse coa mera presentación de 25 avais, segundo o regulamento aprobado pola correspondente comisión de traballo de IpU.
Desde o Bloque, o portavoz nacional considera que a candidatura debe estar nutrida por persoas que sexan o fiel reflexo desa cidadanía rebelde, galega que aspira ao recoñecemento de Galiza como nación, e que quere participar para defender este país no Congreso na vindeira lexislatura en todas as dimensións.
Neste sentido, Vence avanzou que a formación nacionalista vai apoiar xente que é do BNG e xente que non é do BNG, que é independente, nun proceso que se formalizará coa presentación de candidaturas a partir da semana que ven, todo, reiterou, dentro do proceso de primarias posto en marcha pola plataforma cidadán IpU.
O Bloque cualifica este proceso de primarias como dos máis participativos que se teñen ensaiado en ningún outro territorio.
É absolutamente aberto á cidadanía, non se lle pide o carné a ninguén e calquera persoa que desexe pode participar no proceso de primarias para a elección de candidat@s, non só militantes e simpatizantes do BNG e das outras organizacións políticas, senón calquera outra persoa sen adscrición partidaria algunha. Animamos á cidadanía a participar, indicou Vence.
A preguntas dos medios, o dirixente nacionalista indicou que o Bloque aposta polo proceso colectivo posto en marcha dentro da Plataforma IpU, aberto a todas as persoas e organizacións.
Estamos coa mellor disposición ata o último momento coas demais forzas políticas e plataformas que queiran compartir unha candidatura galega para ter un grupo parlamentario propio, non con sucedáneos, non con mensaxes para construír grupos parlamentarios para construír a unidade de España que é o que nos brindou onte o señor Errejón, argumentou Vence.
Nese sentido, o portavoz nacional espera que aínda haxa oportunidade para que moita xente e moitas organizacións podan sumarse a este proceso que está aberto a participación de todo o mundo, concluíu.
O Consello Nacional tamén aprobou na reunión a campaña contra o terrorismo machista que desenvolverá por todo o país ata o 25 de Novembro, día internacional contra a violencia de xénero, co obxectivo de concienciar a sociedade de combater todos os días contra as actitudes machistas, caldo de cultivo para crimes contra as mulleres, que hoxe mesmo ven de cobrarse unha nova vítima co asesinato de Conchi en Ponte Sampaio.
O BNG cualifica de desastrosos tanto para Galiza como para a maioría social os catro anos de lexislatura do PP, marcados polos recortes de servizos públicos e de liberdades, pola recentralización furiosa, pola corrupción e por colocar os orzamentos do Estado ao servizo dos poderes económicos e do rescate da banca podre.
O portavoz nacional, Xavier Vence, considera que o goberno de Rajoy deu, de facto, un golpe de estado institucional en contra dos intereses de Galiza e da maioría social, incluíndo a legalización da pobreza laboral con salarios de fame.
Unha lexislatura desastrosa para a maioría social, para este país e para o noso autogoberno, na que Madrid deu un golpe de estado institucional ao servizo dos grandes lobbies madrileños para os que lexislou o PP, denunciou Vence facendo balance de fin do mandato popular. Neste contexto, as eleccións do 20D son clave para reverter a situación e insistiu no obxectivo de ter grupo parlamentario propio da man dunha candidatura galega de unidade.
Por iso, argumenta Vence, desde o BNG seguimos apostando por esa candidatura galega de unidade para ter un grupo parlamentario propio no Congreso que defenda os intereses de Galiza e corrixa os aspectos máis regresivos e insoportables que deixa o PP.
O dirixente nacionalista valorizou o traballo e a clareza do Bloque para impulsar esa candidatura dentro do espazo colectivo Plataforma Iniciativa pola Unión, que permanece aberto, reiterou, a todos os partidos e persoas que queren unha candidatura de ampla base social para dar a Galiza voz soberana en Madrid.
Neste sentido, sinalou a Podemos como o factor de división pola súa actitude colonizadora e na medida en que hai sectores que aceptan as súas imposicións.
Acaba por ser un factor de división no espazo da esquerda e do nacionalismo porque ven cunha vocación arrogante de colonizar un determinado espazo político, explicou Vence a preguntas dos medios. A insistencia na marca e a esixencia de integración dos e das electas no grupo de Pablo Iglesias son factor de división que dificulta a candidatura de unidade na medida en que hai certos sectores que aceptan as imposicións que está formulando Podemos, indicou.
O portavoz nacional sinalou que o principal escollo para avanzar na candidatura de unidade entre as forzas galegas é a supeditación de algúns as imposicións de Podemos, que busca reforzar o seu grupo parlamentario en Madrid sen admitir que Galiza como nación teña grupo propio e soberano, única premisa do BNG.
Ese grupo parlamentario galego traballaría tamén para reverter a privatización de servizos públicos e o proceso de centralización de competencias, que está laminando o autogoberno e que ten provocado a parálise de sectores estratéxicos como o eólico, a imposibilidade de negociar en Galiza prezos xustos para os produtores, a perda do sector financeiro galego ou a españolización do ensino, especialmente agresiva na limitación do idioma propio.
Hai que darlle a volta á involución do PP en todos os campos, hai que derrotar aos recortes, as políticas neoliberais e a centralización para poñer os intereses da maioría social e do país no centro dos debates, sintetizou Vence.
Fotografía: Gabinete de Comunicación del BNG.
Galicia vén de pechar o mes de xullo máis cálido desde 1961, ano a partir do que se dispón na Comunidade de rexistros climatolóxicos. Esta é a principal conclusión do informe mensual elaborado por MeteoGalicia e que presentou esta mañá en Santiago a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría. Tal e como explicou, o valor medio da temperatura máxima se situou en 29 graos, cunha anomalía positiva de 3,5 graos en comparación cos rexistros das estacións meteorolóxicas máis representativas da Comunidade. Ademais, no caso da temperatura media o dato situouse en 22,5 graos, 2,8 graos por riba do valor normal climatolóxico para este mes.
O Diario Oficial de Galicia publicou a orde pola que se actualiza a relación de deportistas de alto nivel, alto rendemento, rendemento deportivo de base e vitalicias, así como persoas adestradoras ou técnicas, xuízas e árbitras recoñecidas de alto nivel. Esta actualización súmase ás realizadas en xuño e establece un novo récord de persoas recoñecidas, que ascenden a 1.941, das que 835 son mulleres (43%) e 1.106 homes (57%). Arredor do 76 % das persoas -1.466- son deportistas galegos de alto nivel (623 mulleres e 843 homes). Ademais, figuran 201 deportistas de alto rendemento (101 mulleres e 100 homes), 183 deportistas de rendemento deportivo de base (86 mulleres e 97 homes), 47 persoas técnicas de alto nivel (catro mulleres e 43 homes), 29 persoas árbitras e xuízas (16 mulleres e 13 homes) e 15 deportistas galegos de alto nivel vitalicios.