
Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del BNG:
O BNG da por feito que o 20 de decembro vai haber unha candidatura galega de unidade nos colexios electorais o máis ampla posible que sumará a todos e todas, -forzas políticas e cidadanía sen adscrición partidaria-, que aposten polo obxectivo de conseguir grupo parlamentario propio para Galiza, para darnos unha voz potente e soberana que defenda os intereses deste país en Madrid nunha lexislatura crucial e sen maiorías.
A formación nacionalista non da nada por pechado e confirma que participará na reunión convocada polas plataformas Iniciativa pola Unión e Encontro Cidadán, -esta vez sen exclusión algunha-, convencido de que a candidatura galega de unidade non é unha cuestión de cúpulas, de reunirse por arriba os partidos políticos, senón que ten que saír do traballo por abaixo nas plataformas coa participación da cidadanía sen exclusión algunha, argumentou o portavoz nacional, Xavier Vence, a preguntas dos medios.
En todo caso, o Bloque segue a traballar nas comisiónS creadas no marco da Plataforma IxU tras a asemblea celebrada o 27 de setembro, -na que participou un millar de persoas,-. En concreto, a comisión para a redacción colectiva do programa electoral, para fixar o regulamento de primarias e para crear o censo, cuxo proceso de inscrición para participar na elección de candidat@s está aberto desde o 19 de outubro ata o 3 de novembro, segundo se informa na propia web de IxU.
O BNG entende que os esforzos para a conformación da candidatura galega de unidade deben concentrarse en sumar en clave galega, non en cruzar a Meseta para mendigar concesións de forzas estatais, argumenta Vence.
A clave está en deixar clara a aposta política e estratéxica de cada quen. Para o Bloque é candidatura galega de unidade para ter grupo parlamentario propio que defenda Galiza por riba de todo, para frear os recortes que esnaquizan a nosa economía e benestar social e para garantir que o recoñecemento das nacións a decidir vai adiante, concretou o portavoz nacional.
Vence puxo en valor o traballo dos últimos meses do Bloque, mesmo renunciando as súas siglas, en aras da unidade, e rexeitou as críticas que cuestionan a vontade de confluencia.
Despois de todo o traballo que estamos facendo que alguén se atreva a dicir que o BNG están poñendo dificultades e obstáculos á candidatura unitaria ou é un mentireiro ou está en Marte, respondeu o portavoz nacional, para quen as palabras son libres, pero a credibilidade de cada quen pódese contrastar cos feitos.
Neste sentido, reiterou que o BNG non pon vetos de siglas. Pelexamos ate o último momento para que podan estar todas as forzas que crean na candidatura galega de unidade para ter grupo parlamentario propio. Todos e todas as que queiran iso en defensa deste país, teñen as portas abertas, pero o Bloque non vai supeditar os intereses de Galiza e da cidadanía deste país aos intereses dunha forza estatal, concluíu.
Fotografía: archivo GD / Gabinete de Comunicación del BNG.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.