
Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del BNG:
O portavoz do grupo parlamentario, Francisco Jorquera cualificou de discurso hipócrita e autocompracente a intervención de Núñez Feijóo no Debate de política xeral que hoxe comeza no Parlamento galego e afirmou que xa representa o pasado".
Jorquera afirmou que Feijóo para salvarse quere facernos crer, a través das súas promesas e anuncios, que nun ano vai facer o que non fixo en sete pero ten un grave problema, non ten credibilidade nin pode falar xa dos retos da Galiza do futuro porque el encarna as políticas do pasado.
Unha intervención, dixo, cargada de arrogancia e autocompracencia e incapaz de admitir un só erro ou asumir unha soa autocrítica e máis que un balance de goberno foi unha publireportaxe que para desgraza da nosa sociedade calquera parecido coa realidade foi mera coincidencia. O parlamentario do BNG engadiu que o discurso de Feijóo foi hipócrita por afirmar que o norte do seu goberno é o compromiso social e preservar a coexión social cando en realidade, o seu goberno pasará á historia como o período no que en Galiza incrementáronse de maneira brutal as desigualdades e Feijóo tamén pasará a historia por se o campión na degradación dos nosos servizos públicos.
Jorquera reiterou que o discurso do Presidente da Xunta foi hipócrita cando defendeu que o seu goberno articulou unha resposta á crise, unha resposta dixo que se traduciu en a sus ordenes Sr.Rajoy e foi igual de hipócrita pedindo que non se utilice o idioma galego como instrumento de confrontación política cando el mesmo chegou á presidencia mentíndolle á sociedade ao falar dunhas políticas de imposición da lingua galega inexistentes. Foi tamén hipócrita sobre a blindaxe do autogoberno cando as políticas do Partido popular foron as que converteron o Estatuto de Autonomía nunha casca baleira. Nunha cousa ten razón Feijóo, estamos ante un final de ciclo. Efectivamente recalcou Jorquera, estamos ante o final do período máis negro da nosa economía na etapa encarnada por Feijóo. Galiza necesita abrir un novo tempo político cun goberno a fronte que mobilice as capacidades do noso país e que aposte polas políticas sociais, concluíu.
O BNG encarou o debate do estado da nación como o epílogo dun goberno que agoniza pese á remodelación coa que o seu presidente tenta salvar os restos do naufraxio, tras sete anos actuando como cabalo de Troia das políticas que marxinan Galiza. Prefire condenar ao noso pobo á irrelevancia antes que incomodar ao goberno amigo de Madrid, denunciou o portavoz parlamentario, Francisco Jorquera, quen acusou a Feijóo de estar ás ordes de Rajoy.
Jorquera fixo un detallado retrato da desfeita que deixa o presidente galego tras o seu paso pola Xunta, e convidou a marcharse porque xa non ten máis meta que salvarse a si mesmo.
Galiza necesita abrir un novo tempo, un tempo que proporcione un horizonte, unha esperanza de futuro ao pobo galego. Vostede non ten outro horizonte que salvarse a si mesmo mentres se derruba o país, ningunha esperanza que ofrecer a este pobo, por iso, conclúe Jorquera, o mellor servizo que lle pode prestar ao país é irse, danos igual se é para a súa casa ou para Madrid. Pero, vaiase señor Feijóo.
O portavoz parlamentario apelou aos datos para amosar unha Galiza máis pobre e desigual tras sete anos de goberno a mans do campión dos recortes, un período marcado polo paro e a emigración, cos sectores produtivos en declive ante un presidente que o único que fixo foi deixar que outros decidan por nós.
Feijóo deixa unha Galiza á cola en investimento en sanidade, educación e protección social, con 600.000 galegos e galegas en risco de exclusión social, 177.000 parad@s sen prestación, menos nivel de renda e salario ca media, 200.000 persoas emigradas, 12.000 persoas dependentes sen atender e as mulleres como principais vítimas da crise.
E agora di que a súa prioridade serán as políticas sociais, criticou Jorquera ante un Feijóo sen credibilidade que reacciona emulando medidas antes ridiculazadas polo PP como o cheque bebe de Zapatero. Só lle faltou anunciar un Plan-E, ironizou.
O BNG situou este debate do estado da nación no marco das vindeiras eleccións xerais que, subliñou Jorquera, darán paso a unha lexislatura que terá como cuestión central os dereitos dos pobos. Neste sentido, a intervención do portavoz parlamentario deixou claro que o Bloque aposta por iniciar un novo ciclo político e avanzar na soberanía de Galiza como a mellor ferramenta para darlle un futuro ao país.
O Estado das autonomías é un modelo falido e só ten dúas saídas: A ruptura do Estado ou a súa reformulación desde o pleno respecto aos dereitos dos pobos, explicou Jorquera. Nese escenario Galiza ten dúas opcións, a da liberdade, a vontade de ser protagonistas como pobo, -a opción do BNG-, ou a da submisión, ser espectador dócil do que outros decidan por nós, -a opción que representa Feijóo-.
Fronte á recentralización do PP, utilizada para desmontar o estado social, o Bloque defende o dereito a decidir para darlle ao pobo galego ás ferramentas que permitan construír o progreso do país. Jorquera aludiu ao centenario das Irmandades da Fala para reivindicar ao pobo galego como suxeito de decisión social, cultural e político.
O xogo dos partidos estatais con Galiza é dicir unha cousa aquí e outra en Madrid, denunciou, e retou a Feijóo a superar as aparencias comprometéndose a incluír a transferencia da AP-9 no programa das eleccións xerais do PP.
Jorquera tamén fixo balance da situación dos sectores económicos. Incentívase o abandono da pesca, o sector leiteiro contra as cordas mentres se limita a aplaudir un decreto que discrimina aos nosos produtores, Galiza deixou de ser a maior potencia eólica, perdeu o sistema financeiro propio, -14.000 M do aforro galego van para fora-, ao tempo que se veta unha banca pública.
Igual desleixo coa cultura e a lingua do país que ten como resultado que o 22% dos menores de 15 anos non saben falar galego. Xa ninguén agarda nada de vostede, por máis que anuncie que vai facer nun ano o que non fixo en sete, criticou o portavoz parlamentario.
Jorquera tamén fixo referencia aos casos de corrupción que salpicaron ao presidente da Xunta, que apenas combate con xogos de aparencia, e actúa cando se ve coa auga ao pescozo, como nas recentes destitucións de cargos de goberno. A loita contra a corrupción non se predica, practícase, sentenciou.
Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de AGE:
Semellante espectáculo foi, por unha banda, inefábel, que non se pode expresar, indescritíbel. Se tivese calidade estética sería surrealista, pero non. Con esas estupefactas palabras realizou Xosé Manuel Beiras unha primeira valoración do discurso sobre o estado da nación que ofreceu Alberto Núñez Feijóo no Parlamento galego. E continuou: Pola outra, foi congruente, un auténtico insulto á cidadanía, á honestidade e aos valores democráticos.
Logo de dúas horas de intervención rutineira autocompracente, en que o presidente da Xunta debuxou unha Galiza inexistente e emitiu os tamén rutineiros e consabidos anuncios propagandísticos, o portavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) criticou que Feijóo falase como fala sempre, igual que se fose comezar a gobernar. E, como lembrou Beiras, o seu partido leva ao mando das institucións autonómicas dende 1981 agás lexislatura e media. Núñez Feijóo, seis anos. Núñez carece de memoria, e a memoria é o que distingue os seres humanos doutras especies animais, a non ser que sexan androides, ironizou, daquela non teñen nin memoria nin alma. Son desalmados.
Beiras, con todo, considerou congruente o discurso de Feijóo. Porque se fai unha política que agride á cidadanía, é normal que logo insulte a esa mesma cidadanía cando fala desas políticas. O portavoz de AGE concluíu a súa valoración de urxencia sobre o discurso presidencial cun desexo: A ver se, como quere Paco Vázuqez, marcha dunha vez para Madrid e lava alí a súa derrota definitiva.
Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PSdeG:
A viceportavoz do Grupo Socialista, Carmen Gallego, ve a Feijóo amortizado e desacreditado de cara ao debate do Estado da Autonomía no Parlamento. A responsable socialista critica que Feijóo intente paliar con cambios de imaxe e anuncios publicitarios o adelgazamento brutal que lle ten asestado ao Estado do Benestar nos seus seis anos de goberno. Gallego augurou que a intervención do presidente da Xunta comeza como un espectáculo de anuncios publicitarios que empezan a caer polo seu propio peso na elaboración dos orzamentos que comezará este mesmo mes de outubro. Lembra que tódalas promesas feitas polo presidente galego reveláronse posteriormente como mentira ao carecer das partidas orzamentarias para executalas. A deputada socialista considera que de pouco vaille valer ao presidente da Xunta o intento de golpe de efecto da pasada semana coa remodelación do Executivo, xa que da igual quen sexa o titular de sanidade ou de emprego si non cambian as políticas antisociais do goberno galego. Considera os relevos puramente estéticos cando con só un ano de lexislatura por diante resulta imposible reverter os recortes aplicados polo PP. O presidente da Xunta chega ao seu último debate do Estado da Autonomía, dixo Gallego, co mérito de ter recortado as políticas de emprego dende os 420 millóns de euros de 2009 aos escasos 130 millóns deste ano tendo mais desempregados. Dixo que por moito que cambie o titular de emprego, a situación persistirá mentres non aumente os orzamentos, reforme o servizo público de emprego ou contrate orientadores laborais. Sinalou que da igual que cree unha Consellería de Política Social si o gasto social se ten reducido en mais de oito puntos dende que goberna Feijóo. Por moito que lle dea a carteira a Rey Varela para paliar a decepción dos concellos do PP, dixo, a situación persistirá mentres manteña unha lista de espera brutal en dependencia ou os recortes á loita contra a pobreza mentres só atenden ao 30 por cento de demandantes da Risga. Lembrou a falla de interese de Feijóo á hora de reivindicar os recortes da dependencia ou do Plan Concertado asestados polo goberno de Rajoy, e instouno a resolver o problema que provocará a supresión de competencias en política social aos concellos pequenos, que entra en vigor o próximo 1 de xaneiro. Carmen Gallego puxo en dúbida o pretendido compromiso con Galicia de Feijóo por canto de estar realmente comprometido non toleraría que tódolos días se especule coa súa marcha a Madrid. Un presidente da Xunta preocupado pola situación dos galegos e galegas, engadiu, debera traballar contra a pobreza, a desigualdade e o desamparo dunha Galicia cada vez mais minguante con menos poboación e menos presenza en España, e non falando de si vai a Madrid ou non cando en realidade está ausente do debate nacional.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.