
Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PPdeG:
O presidente dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que a Ponencia política do PPdeG non quedará nunha simple declaración de intencións senón que se converterá en feitos nunha renovación que comezarán de xeito inmediato e de forma continuada. Así o confirmou o líder popular na presentación deste documento celebrada en Santiago de Compostela.
Neste acto, no que tamén interviron o coordinador do equipo redactor da Ponencia, José Manuel Rey, e a vicesecretaria de Estudos e Programas do Partido Popular, Andrea Levy, Feijóo apuntou que o documento é un exercicio de humildade e autocrítica, un propósito de emenda tentando aproveitar os acertos e un código de autoesixencia.
Nesa liña, engadiu que a Ponencia política do PPdeG ven do traballo conxunto do partido e a sociedade, sendo un resultado pero non un fin.
Alberto Núñez Feijóo comezou a súa intervención recordando que o 1 de marzo de 2009 o PPdeG obtivo unha vitoria electoral practicamente sen precedentes na historia das autonomías recuperando a maioría absoluta en menos de catro anos. Segundo sinalou, esta maioría ampliouse o 20 de outubro de 2012 cando moi poucos gobernos en toda Europa revalidaban a confianza dos seus cidadáns, logo de gobernar en plena crise económica.
Para o mandatario popular, isto foi posible grazas a que souberon conectar coa xente para responder ás súas expectativas e souberon renovarse para responder ás esixencias de cada momento.
O líder do PPdeG asegurou que plasman no documento da Ponencia política a súa vontade por seguir estando á altura, ao tempo que recoñeceu que nas pasadas eleccións municipais de maio non obtiveron todo o apoio que aspiraban ter. Nesa liña, fixo fincapé en que non podían refuxiarse na vitoria electoral nin podían quedar paralizados ante a mensaxe que lles deron as urnas.
Segundo Feijóo, á xente hai que escoitala sempre con humildade, así como sempre deben ser autocríticos para esixirse máis a eles mesmos. Nese senso, o mandatario asegurou os populares reaccionaron renovando ideas equipos e actitudes.
Alberto Núñez Feijóo afirmou que a Ponencia política que hoxe presentaron é o resultado dun proceso de apertura no partido sen precedentes, de abrirse a novas xeracións, de contactar coa sociedade civil e da participación e implicación dos afiliados.
Segundo o presidente dos populares galegos, o PPdeG é o primeiro partido de Galicia porque con eles identifícanse os galegos e ségueno sendo co paso do tempo porque saben evolucionar, actuar, reaccionar e renovarse ao ritmo que lles marca a sociedade.
Por iso, afirmou que deben esixirse a eles mesmos a exemplaridade que os cidadáns esixen aos seu representantes e, como representantes, ser capaces de que os perciban cercanos á xente e ás súas preocupacións.
Segundo o líder popular, teñen que saber dar entrada aos mozos no funcionamento do partido posto que non son un proxecto de futuro senón que son o presente e, por iso, teñen que aumentar as canles de participación.
O presidente dos populares galegos declarou que a xente require dun partido de centro, reformista e que saiba ser punto de encontro entre diferentes xeracións e lugares. Segundo Feijóo, ese partido non o hai nin que inventar nin improvisar porque xa existe e é o Partido Popular.
Para Feijóo, un mellor PPdeG só se atopa no propio PPdeG, un partido galeguista, orgulloso de ser galegos, de que o noso xeito de ser españois sexa sendo galegos e orgulloso do que sente e de como actúa o pobo. Por todo iso, incidiu en que non queren nin cambiar a nosa forma de actuar, de pensar ou de sentir senón representala do mellor xeito posible.
O presidente quixo salientar que todo isto non ten nada que ver coa confrontación con outros pobos, coa división con outras linguas ou con entrar en discusións de psicanalistas para preguntarnos o que somos no diván da política.
Segundo Feijóo, o labor dos populares nun momento de dificultade do país é fundamental para mandar unha mensaxe ao conxunto dos españois que están vendo con interese qué se está facendo nesta nacionalidade histórica chamada Galicia.
Para o líder dos populares galegos, o orgullo da condición de galegos non o van empregar para dividir senón que o farán para entendernos entre nós e cos demais. Así, segundo recolle a Ponencia, no centro están as persoas e Galicia e isto é algo do que o PPdeG non se pode desviar.
O líder do PPdeG afirmou que o seu partido propiciou unha nova etapa no país que require que a recuperación sexa para todos, empezando por quen máis o precisa.
O mandatario popular engadiu que se acertaron con políticas que achegaron o país á recuperación, deben facelo tamén con políticas que acheguen a recuperación á cidadanía. Nesta liña, apuntou que o primeiro obxectivo é estar ao carón dos cidadáns que aínda non teñen emprego.
Do mesmo xeito, o presidente do PPdeG afirmou que teñen que estar preto de emprendedores e autónomos nas súas iniciativas; das mozas e mozos, con políticas que propicien máis oportunidades; ao carón das mulleres e homes do mar; do sector primario galego; e que deben redobrar a súa presenza no medio rural e no sector marítimo. Ademais, tamén falou da intención de estar cerca dos traballadores públicos, aos que considera auténticos valedores da calidade dos servizos públicos e tamén do apoio á sociedade; e próximos ás familias.
Alberto Núñez Feijóo sinalou que na Ponencia está presente a opinión e os requirimentos dos cidadáns de Galicia así como políticas concretas para os galegos desde os galegos.
Así, fixo alusión ás medidas que o documento inclúe e que son de apoio á creación de emprego, aos sectores produtivos e á mocidade.
Nesa liña, mencionou que tamén tratan de incrementar as prestación sociais públicas, intensificar a inclusión social e saber adoptar con acerto aquelas medidas que agora teñen capacidade para levar a cabo, ademais do apoio ás capacidades dos traballadores e a baixada de impostos.
En conclusión, o líder do PPdeG asegurou que do que se trata é de saber recoller con acerto os esforzos que, segundo as súas palabras, entre todos sementamos para preparar así o futuro.
Fotografía: Gabinete de Comunicación del PPdeG
Galicia vén de pechar o mes de xullo máis cálido desde 1961, ano a partir do que se dispón na Comunidade de rexistros climatolóxicos. Esta é a principal conclusión do informe mensual elaborado por MeteoGalicia e que presentou esta mañá en Santiago a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría. Tal e como explicou, o valor medio da temperatura máxima se situou en 29 graos, cunha anomalía positiva de 3,5 graos en comparación cos rexistros das estacións meteorolóxicas máis representativas da Comunidade. Ademais, no caso da temperatura media o dato situouse en 22,5 graos, 2,8 graos por riba do valor normal climatolóxico para este mes.
O Diario Oficial de Galicia publicou a orde pola que se actualiza a relación de deportistas de alto nivel, alto rendemento, rendemento deportivo de base e vitalicias, así como persoas adestradoras ou técnicas, xuízas e árbitras recoñecidas de alto nivel. Esta actualización súmase ás realizadas en xuño e establece un novo récord de persoas recoñecidas, que ascenden a 1.941, das que 835 son mulleres (43%) e 1.106 homes (57%). Arredor do 76 % das persoas -1.466- son deportistas galegos de alto nivel (623 mulleres e 843 homes). Ademais, figuran 201 deportistas de alto rendemento (101 mulleres e 100 homes), 183 deportistas de rendemento deportivo de base (86 mulleres e 97 homes), 47 persoas técnicas de alto nivel (catro mulleres e 43 homes), 29 persoas árbitras e xuízas (16 mulleres e 13 homes) e 15 deportistas galegos de alto nivel vitalicios.