
Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de la Diputación Provincial de Ourense:
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, protagonizou en Santiago o almorzo-coloquio do "Fórum Europa Tribuna Galicia", que organiza Nueva Economía Fórum, coa conferencia titulada "Reformulando a política provincial". O acto, que tivo lugar no Parador dos Reis Católicos, contou coa presenza de máis de douscentos asistentes dos ámbitos institucional, político, empresarial, cultural e social. Manuel Baltar foi presentado pola presidenta do Consello Económico e Social, Corina Porro.
Na cuarta ocasión que participa nesta tribuna de debate e opinión as anteriores foron en 2010, 2012 e 2014-, Manuel Baltar reivindicou a inclusión da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) no Consello de Política Fiscal e Financeira. Baltar, que desde o pasado 20 de setembro forma parte da Xunta de Goberno da FEMP, pediu tamén "un gran pacto político demográfico" ante o problema da crise demográfica, "que leva aparellada unha consecuencia clara: a perda de peso específico dun territorio". "Trátase dixo- dunha grave ameaza que esixe un gran pacto político con medidas urxentes a todos os niveis territoriais. Aprobar unha folla de ruta común inatacable, sen terreo para a demagoxia, sen frivolidade política, sen utilización partidista. Con actuacións que equilibren o territorio, que non abran máis fendas e que reduzan as existentes".
Asemade, destacou a transparencia como "liña estratéxica institucional" e dixo que o Plan Ourense 15-19 o documento que marca a senda do goberno provincial ourensán neste período- "inclúe a posta en marcha da primeira Plataforma Provincial de Participación Cidadá de España"
Baltar tivo tamén un recoñecemento para concelleiras e concelleiros, alcaldes e alcaldesas, "eses que saben que ser alcalde é bastante máis que reducilo déficit ou o prazo de pago medio a provedores. A política é algo máis. A política entra no terreo dos sentimentos e das emocións, das aspiracións do colectivo, dun benestar que non se mide só coas estatísticas", e destacou que a política municipal, o contacto permanente cos dirixentes dos concellos, "proporciona a seguridade de contar co pulso dun territorio, dunha provincia. O contacto reiterado ao longo do mes, do ano, do mandato. Falar cunha media diaria de 16 alcaldes ou alcaldesas proporciona unha foto moi aproximada da realidade e das expectativas dunha comunidade", expresou.
Manuel Baltar afirmou que a provincia "non é só unha circunscrición electoral" e dixo que "visión" e "cooperación" son palabras clave para facer provincia. "Para min a máis importante é "visión". E saúdo a tese doutoral que se está a elaborar na universidade galega, por Jardón Ferreiro baixo a dirección do doutor Orosa, sobre a creación dunha marca territorial baseada na identidade competitiva como estratexia de posicionamento xeo-local: a Ourensanía. Unha tese que terá a oportunidade de expoñerse en México, na Universidade Autónoma de Ciudad Juárez, no XV Congreso Internacional sobre Integración Rexional, Fronteiras e Globalización. Unha oportunidade para estudar a aplicabilidade dos postulados teóricos do Place Branding aos 7.273 km2 do territorio ourensán".
Manuel Baltar expresou a súa convicción de que estamos no momento "de abordar a reforma do sistema de financiamento de comunidades autónomas e entes locais. Unha abordaxe que debe practicarse de xeito simultáneo: subsistema autonómico e subsistema local. Ao mesmo tempo para que non haxa preponderancia de un sobre o outro e para deseñalo tendo en conta unha perspectiva de conxunto, ideal para a acción política duradeira. Pensemos sempre no medio e longo prazo e fuxamos do "curtopracismo". Un momento histórico no que chegou tamén a obriga de contar co municipalismo español no Consello de Política Fiscal e Financeira. Será entón o momento de completar a frase citada e falar de "unha administración, unha competencia, un financiamento"-.
Baltar dixo que o 24 de maio abriuse un escenario "onde pasei de ser o presidente de deputación galega con menos tempo no cargo ao presidente decano dos gobernos provinciais galegos, por obra e graza das urnas. As negociacións para conformar goberno provincial duraron once horas, exactamente as que transcorreron dende a apertura dos colexios electorais ata o seu peche. Un acordo cos cidadáns de Ourense. Non presidentes sorpresa nin presidentes por comenencia. Presidente que quería ser presidente. Non perder nin un minuto dende o escrutinio".
Referíndose á transparencia, Manuel Baltar destacou que se trata "dunha actitude, unha liña estratéxica institucional que habita nun piar inexcusable na democracia, tal e como a entendemos hoxe en día", e engadiu que na democracia actual, seguindo o pensamento de Jurgen Habermas, "temos que escribir con maiúsculas verbas como SOCIEDADE, DIÁLOGO, ÉTICA, PARTICIPACIÓN, DELIBERACIÓN e INCLUSIÓN. Cuestións que desenvolvín cando falei e escribín da "democracia substantiva". E anunciou que proximamente "poremos en marcha a primeira Plataforma Provincial de Participación Cidadá do Estado. Unha das medidas do "Plan Ourense 15-19".
Manuel Baltar defende a innovación e o coñecemento como verdadeiras ferramentas de progreso, e neste sentido dixo que Ourense "é unha provincia, unha deputación, que segue con interese modelos de desenvolvemento territorial e de xestión pública como os casos de Tilburg nos Países Baixos ou Curitiba no Brasil, e moi de cerca apostas polo emprendemento como a gañadora de Israel. Sen dúbida un modelo exitoso do seu ecosistema de innovación, tratándose do país coa maior concentración de innovación e emprendemento, a maior cantidade de start up per capita e a maior porcentaxe de PIB investido en I+D+i para uso civil".
No que atinxe á situación catalana, Baltar avogou polo diálogo: "Nin a Constitución nin o Estatuto son inmutables; non son o problema, son a solución, porque fixan procedementos para reformalos". Afirma que ámbalas dúas "establecen as normas precisas e o número de apoios para aprobar esa reforma. Eu mesmo participei nun intento de reforma do Estatuto de Autonomía para Galicia, perfectamente posible e nalgúns aspectos necesarios para adaptalo á realidade que non é a de 1981. España ten a Constitución que quere e terá a Constitución que queira. E Galicia ten o Estatuto que quere e terá o Estatuto que queiran galegas e galegos. Nunca é tarde para o diálogo e a negociación cando existe vontade política. Así é como aparecen puntos de encontro e intereses comúns".
Finalmente, en clave galeguista, Manuel Baltar referiuse á necesidade de "reconquistar Galicia para si mesma, coa sensatez e a firmeza intelectual do pensamento e da acción dun galeguista exemplar, Carlos Casares, quen non dubidou en asumir responsabilidades políticas, cando foi necesario, para axudar a construír o país soñado, a nación das palabras". Neste senso, expresou que a nosa sociedade, a galega, "é aberta ás transformacións e respectuosa coa tradición. A Galicia aldea e a Galicia cidadán, a base rural, a base mariñeira e o pulo urbano. A Galicia do pan e do viño, a dos rebuldeiros areais da beiramar e a do grave silencio da montaña, "acabada simbolización das fontes vitais deste noso país", en acertada definición de Otero Pedrayo".
Fotografía: Gabinete de Comunicación de la Diputación Provincial de Ourense.
Galicia vén de pechar o mes de xullo máis cálido desde 1961, ano a partir do que se dispón na Comunidade de rexistros climatolóxicos. Esta é a principal conclusión do informe mensual elaborado por MeteoGalicia e que presentou esta mañá en Santiago a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría. Tal e como explicou, o valor medio da temperatura máxima se situou en 29 graos, cunha anomalía positiva de 3,5 graos en comparación cos rexistros das estacións meteorolóxicas máis representativas da Comunidade. Ademais, no caso da temperatura media o dato situouse en 22,5 graos, 2,8 graos por riba do valor normal climatolóxico para este mes.
O Diario Oficial de Galicia publicou a orde pola que se actualiza a relación de deportistas de alto nivel, alto rendemento, rendemento deportivo de base e vitalicias, así como persoas adestradoras ou técnicas, xuízas e árbitras recoñecidas de alto nivel. Esta actualización súmase ás realizadas en xuño e establece un novo récord de persoas recoñecidas, que ascenden a 1.941, das que 835 son mulleres (43%) e 1.106 homes (57%). Arredor do 76 % das persoas -1.466- son deportistas galegos de alto nivel (623 mulleres e 843 homes). Ademais, figuran 201 deportistas de alto rendemento (101 mulleres e 100 homes), 183 deportistas de rendemento deportivo de base (86 mulleres e 97 homes), 47 persoas técnicas de alto nivel (catro mulleres e 43 homes), 29 persoas árbitras e xuízas (16 mulleres e 13 homes) e 15 deportistas galegos de alto nivel vitalicios.