Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, transmitiulle aos gandeiros lácteos o apoio do Goberno galego para que se adopten todas as medidas que permita a lexislación e que poidan servir para mellorar a difícil situación que atravesa actualmente o sector. Tras reunirse en Santiago con representantes dos produtores lácteos, o presidente galego reiterou que a Xunta coincide tanto co diagnóstico que fai o sector dos problemas que está a sufrir como na necesidade de chegar a un acordo para poder afrontalos na reunión que mañá terá lugar no Ministerio de Agricultura, e á que asistirán tanto representantes dos produtores lácteos como da industria e da distribución.
Nesta liña, recordou que o Goberno galego coincide cos gandeiros en que moitas explotacións están a sufrir importantes dificultades para poder producir no contexto actual, así como en que os gandeiros non poden soportar de xeito exclusivo a baixada de prezos que se rexistra a nivel internacional. Por iso, asegurou que o encontro, que cualificou de cordial, serviu tamén para constatar a coincidencia de que a reunión prevista mañá en Madrid debería servir para concretar un acordo que inclúa todas as medidas que se poidan legalmente para afrontar a situación.
En todo caso, e tras revelar que nos últimos días ten mantido distintas conversas coa ministra de Agricultura a este respecto, amosouse convencido de que a postura do Goberno central de cara ao encontro de mañá é a de facilitar que se adopten todas as decisións que sexan posibles dentro do marco legal vixente na Unión Europea. Vinculado a isto, recordou que o Executivo estatal traballou nas últimas semanas cos gobernos de Francia, Italia e Portugal para promover unha postura conxunta na Unión Europea, como se viu no Consello de Ministros de Agricultura da UE esta semana.
Finalmente, trasladou a dispoñibilidade permanente da Xunta para volver reunirse cos produtores no caso de que mañá se produza un acordo, de cara a facer unha valoración conxunta do contido e alcance do mesmo. Neste sentido, recordou que a postura do Goberno galego sempre foi a de estar a carón do sector lácteo, con cuxos representantes tanto a conselleira de Medio Rural como o presidente se reuniron en múltiples ocasións, a última o pasado 5 de agosto.
Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PSdeG:
O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Pablo García, cualificou de decepcionante a xuntanza dos gandeiros galegos co presidente da Xunta e a responsable do Medio Rural. Lamentou que o goberno galego continúa mirando para fora, agardando que sexa o Ministerio quen lle solucione a papeleta en lugar de liderar a solución ao problema do leite.
Subliñou que estamos fartos de promesas e de diagnoses da situación, para iso xa temos as tertulias nos medios de comunicación, o que o leite galego necesita é dun presidente e dunha conselleira que asuman dunha vez as súas responsabilidades.
Considera lamentable que a única maneira de que o presidente da Xunta atenda aos gandeiros é sacar a mais da metade dos tractores á rúa e cercar San Caetano, e para iso, nunha xuntanza fora de axenda e na que evidenciou que o goberno galego non fixo absolutamente nada ata o momento. Agardamos solucións engadiu- e agardamos que non sexa unha nova fuxida cara diante de Feijóo.
García engadiu que sabemos moi ben cal é a cuestión, trátase de que diante da desaparición dos límites de produción, a industria que compra o leite por debaixo do custe de produción e tanto Bruxelas como o Goberno néganse a subir o prezo de intervención do leite, mentres o goberno galego está a velas vir.
Explicou que o resultado do encontro non é mellor que o do Consello de Ministros de Agricultura da UE, e sinalou á ministra de Agricultura, que volveu do encontro cos petos baleiros, e á conselleira galega, que non fixo nada para axudar aos produtores e fiou todo a unha xuntanza na que non tiñamos ningunha expectativa.
García urxiu á ministra a elaborar dunha vez por todas unha estratexia nacional propia para defender ao mercado deficitario que temos. Tamén se dirixiu á conselleira de Medio Rural, quen enterouse hai un mes de que tiñamos un problema, e instouna a deixar de agardar a que nos veñan resolver o problema e liderar dunha vez por todas a acción política a favor do sector, asumindo que Galicia é o principal produtor de leite do Estado.
Criticou que o goberno galego continúe agardando que alguén veña solucionar os problemas que primeiro negaron e do que agora se agochan, a ver se escampa. O deputado socialista sinalou que Galicia, e polo tanto España, son os maiores produtores de leite que están a padecer unha sobre crise no sector lácteo, ao unir a súa delicada situación ao contexto de crise xeral.
Responsabilizou aos executivos central e autonómico da ausencia dunha estratexia nacional para aproveitar o mercado deficitario, xa que tanto a conselleira como a ministra están agardando a que lles solucionen o problema aqueles que precisamente aproveitan a difícil situación dos gandeiros galegos.
Explicou que Francia acadou un acordo para fixar o prezo do leite a curto prazo en 0,34 céntimos precisamente grazas a que España non fai o mesmo. A conselleira e a ministra continúan mirando para outro lado agardando unha axuda a pesares de que en Galicia vendamos o leite a 0,27 e en moitos casos a 0,20.
Adiantou que na xuntanza da Comisión de Agricultura do próximo venres preguntaralle ao goberno si logo de comprobar que o único recurso que tiña a Xunta era agardar a esta xuntanza de Bruxelas, e si, logo de ver os resultados catastróficos, dunha vez por todas vai asumir este problema como seu ou vai seguir sen dar resposta aos milleiros de gandeiros que están nas rúas.
Fotografía 1: Gabinete de Comunicación del PSdeG
Fotografía 2: Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia
Fotografía 3: OPL (http://opleche.com/)