
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, sinalou que os plans específicos de internacionalización de cada un dos sectores estratéxicos da economía galega, marcarán a folla de ruta para impulsar a presenza de Galicia en novos mercados. Durante unha xornada na que participaron representantes dos sectores, Conde resaltou que esta iniciativa, enmarcada na Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, busca que cada eido económico marque o seu elemento diferenciador, aporte valor engadido e estableza sinerxías entre diferentes industrias.
A xornada serviu para avanzar no intercambio de información de cara a elaboración deses plans sectoriais, poñendo as bases para elaborar a folla de ruta para os 12 grandes sectores estratéxicos de Galicia: agroindustria e mar-industria, audiovisual, automoción, biotecnoloxía, enerxía, enxeñaría, loxística integrada, madeira, naval, pedra natural, téxtil e as TIC.
Todos teñen participado no diagnóstico previo da situación levado a cabo pola Xunta, no que o Goberno autonómico ten identificado en cada sector as súas dificultades, os seus retos particulares, as súas propostas transversais e de cooperación entre distintos sectores, as limitacións en medios que poidan ter sufrido, así como as oportunidades, as pancas e os freos que, coa súa experiencia internacional, xa teñen detectado.
Un esforzo, incidiu Conde, centrado nunha Estratexia que suma 50 millóns de euros en investimentos nos próximos 2 anos e que busca que o peso das exportacións no PIB galego acade o 40% no ano 2020, e incrementar nun 25% as exportacións, o investimento estranxeiro en Galicia, e o número de empresas exportadoras, nese mesmo prazo.
Galicia está a camiñar cara eses obxectivos: en 2015 superou o ritmo exportador de 2013, ano en que a comunidade bateu os seus récords históricos de vendas ao exterior e de balanza comercial. Durante os cinco primeiros meses do ano, Galicia exportou máis de 7.500 millóns de euros, un 6,4% máis que no mesmo período de 2013, xerando unha balanza comercial positiva de máis de 1.300 millóns, unha cifra un 6,07% superior á do ano de ouro das exportacións galegas.
A Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega busca consolidar ese crecemento con medidas que, subliñou Conde, xa están en marcha, como a nova edición do Plan Primex de apoio á primeira exportación, convocado esta mesma semana no DOG e que conta cun formato máis flexible para as pemes, dedicando un millón de euros a apoialas. Referiuse ademais aos obradoiros dedicados ao International Expertise Market, que a Xunta ten comezado cos sectores da biotecnoloxía e as TIC, e que continuarán en setembro cunha xornada especializada na agroindustria e a acuicultura.
Incidiu ademais no apoio aos 18 organismos intermedios, como os clústers, así como na próxima contratación das 100 persoas ás que, este mesmo ano, a Xunta seleccionará como xestores de internacionalización e bolseiros; e nos cursos de inmersión lingüística en inglés comercial, que a Consellería porá en marcha en setembro.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.