Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PPdeG:
A reforma do Regulamento do Parlamento galego quedou lista para o seu debate definitivo en sesión plenaria logo de que recibira a aprobación en Comisión parlamentaria co apoio do Grupo Popular e o Grupo Socialista. A viceportavoz popular, Marta Rodríguez Arias, salientou que o ditame aprobado incorpora a modificación consensuada de 19 dos 22 artigos que propoñía o texto inicial da proposición de lei e salientou que a reforma amplía os dereitos dos grupos parlamentarios, tanto no control como no impulso ao Goberno galego.
Marta Rodríguez agradeceu o traballo desenvolvido na ponencia, na que asistiron e participaron de forma activa representantes de todos os grupos parlamentarios, menos un grupo que estivo como observador sen presentar emendas e decidiu por eles mesmos amordazarse.
A viceportavoz popular subliñou que esta reforma do Regulamento amplía os dereitos dos grupos parlamentarios, polo que afirmou non entender que se diga que se fixo de costas á Cámara. Neste sentido, indicou que a reforma incorpora medidas que xa se viñan aplicando no Parlamento galego e que permitiron que máis do 80 por cento das iniciativas presentadas en Pleno sexan dos grupos da oposición, superando amplamente o que establece o actual Regulamento. Nunca a oposición tivo tanta capacidade de iniciativa nin de control como nesta lexislatura, asegurou.
Entre as novidades que incorpora a reforma do regulamento, Rodríguez Arias explicou que a partir de agora os grupos parlamentarios terán a posibilidade de reconverter en preguntas orais en comisión todas aquelas solicitudes de información que fagan ao Goberno galego a través do artigo 9 que non sexan respostadas.
Outra das cuestións destacadas é a referida á creación de comisións de investigación. Galicia será a primeira comunidade autónoma na que se recolla no seu regulamento do Parlamento a posibilidade de crear unha comisión de investigación de xeito automático, sen que teña que ter a aprobación do Pleno, só coa solicitude dun terzo dos deputados se pertencen a un mesmo grupo parlamentario ou dous quintos de todos os deputados da Cámara, explicou.
Respecto das preguntas ao Presidente da Xunta, o Grupo Popular aceptou na mesma Comisión a transacción ofrecida polo Grupo Socialista na que se recolle que nas sesións plenarias ordinarias, os portavoces dos grupos parlamentarios poderán formular preguntas á Presidencia da Xunta e será a Mesa, oída a Xunta de Portavoces, a que fixará o número e a distribución proporcional para cada período de sesións.
Marta Rodríguez tamén cualificou de importante a creación dun portal de transparencia, onde se publicará a información tributaria e as percepcións de todos os deputados, as asistencias a plenos e comisións, a contabilidade dos grupos parlamentarios e o informe sobre a execución do proxecto de orzamentos do Parlamento. Neste sentido, as declaracións sobre actividades e bens patrimoniais dos deputados serán publicadas a través do Boletín Oficial do Parlamento e do Portal de Transparencia.
O ditame sobre a reforma do Regulamento inclúe a ampliación do período de sesións de setembro a decembro e do 15 de xaneiro ao 15 de xullo. Ademais, se incorpora o Debate anual sobre o Estado da Autonomía e a posibilidade de que no debate en Pleno para a aprobación dos orzamentos se poida acordar un debate conxunto das súas seccións.
En relación con este debate de orzamentos, a reforma do Regulamento tamén incorpora a comparecencia en Comisión de Orzamentos, ademais dos conselleiros, dos responsables das seccións e dos entes instrumentais do sector público galego que xestionan os principais programas de gasto. Con esta decisión, volvemos á situación anterior ao Goberno bipartito, que foi quen decidiu que só compareceran os titulares de cada departamento do Goberno galego, lembrou Rodríguez Arias.
A portavoz popular salientou a redución dos tempos para a inclusión de iniciativas en pleno ou comisión presentadas polos grupos parlamentarios. En concreto, no caso das preguntas orais se reduce de 7 a 4 días; e no caso das interpelacións pasa de 15 a 7 días.
Marta Rodríguez referiuse ás diferenzas de opinión existentes entre os grupos parlamentarios respecto da inclusión da figura do deputado non adscrito. Neste sentido, apuntou que o Grupo Popular decidiuse polo mantemento do Grupo Mixto como unha garantía para o funcionamento da Cámara e como salvagarda do dereito á participación política representativa dos membros deste grupo.
Para rematar, en relación á participación cidadá, Marta Rodríguez dixo que as cuestións que se formulaban xa estaban recollidas na Lei de iniciativa lexislativa e participación cidadá, coa que Galicia se vai converter na primeira comunidade autónoma que intensifica a participación da cidadanía galega no traballo parlamentario, a través non só na elaboración das leis, senón tamén presentando proposicións non de lei e formulando preguntas ao Goberno.
Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PSdeG:
O portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, dixo hoxe que a Reforma do Regulamento da Cámara, que naceu a proposta dos socialistas galegos e foi aprobada hoxe en Comisión parlamentaria, mellora a capacidade de control do goberno. Así o dixo no debate do último trámite desta reforma antes do seu paso definitivo polo Pleno do Parlamento.
O responsable socialista explicou que o texto mellora a posición actual e supón o punto de encontro máximo que abre a porta a que no futuro, con outra composición da Cámara, se poida avanzar na mellora do seu funcionamento. Salientou as melloras aplicadas tanto no labor de control ao Executivo como no avance extraordinario na participación cidadá no proceso lexislativo.
O debate finalizou incorporando unha proposta de transacción a instancias dos socialistas para retirar o límite a tres preguntas ao presidente imposto polo PP, co que agora o número e distribución destas será fixado pola Mesa e Xunta de Portavoces en cada período de sesións. Méndez Romeu explicou que o novo texto permite a constitución de Comisións de Investigación por unha maioría cualificada da Cámara, impedindo o veto da maioría absoluta.
Ademais, insta ao goberno a responder ás peticións formais de documentación ou do contrario obriga a comparecer para dar conta da información solicitada. Dixo que este requisito está dirixido a impedir que a Xunta escamotee información, o que provoca que a día de hoxe os socialistas manteñan 400 solicitudes de información sen atender.
Permite tamén que as asociacións cidadás poidan intervir nos debates lexislativos, o que supón un avance extraordinario da participación cidadá no proceso lexislativo, actualizando o funcionamento da Cámara autonómica. Ademais, o debate orzamentario dividirase na comparecencia dos responsables dos capítulos de gasto en Comisión e os conselleiros no Pleno.
A nivel interno, reduce os prazos das iniciativas parlamentarias, incrementa un mes ao ano o tempo hábil dos períodos de sesións, remata coa opacidade fiscal ao impor a transparencia fiscal dos membros da Cámara e dos grupos parlamentarios. Incrementa ademais a transparencia do funcionamento do Parlamento, revelando as ausencias nos debates e o sentido do voto de cada deputado a título individual.
Os socialistas galegos manteñen as emendas para aumentar a participación cidadá con propostas na Comisión de Peticións ou o incremento no control da situación patrimonial dos deputados.
Méndez Romeu respondeu ás críticas dos grupos minoritarios da oposición, aos que acusou de victimismo e de crear problemas onde non existen. Lembrou que as diverxencias entre a esquerda política reformista e rupturista remóntanse a cen anos atrás, e derivaron daquela na ruptura da II Internacional e a fundación da III Internacional.
Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de AGE:
O novo regulamento do Parlamento de Galicia que aprobaron Partido Popular e PSdeG en comisión suporá, a dicir do deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Juan Fajardo, a maquillaxe de elementos secundarios e a redución de dereitos fundamentais da oposición. Isto é apenas un reclamo para acadar o obxectivo do bipartidismo harmónico, que reacciona como un animal ferido diante dun movemento de base que está a mudar a política galega porque quere que isto volva ser unha balsa de aceite, engadiu. Fajardo, canda o BNG e o Grupo Mixto, abandonou o órgano parlamentario no intre da votación.
A tramitación parlamentaria das novas normas da Cámara foi asunto apenas de PP e PSdeG. De feito, explicou, Alternativa Galega de Esquerda renunciou a presentar emendas a un debate trucado. Este regulamento vai en sentido contrario ao que precisa este Parlamento, que é unha especie de tupper ware en relación ás demandas da cidadanía, ironizou, e agora chapodan as normas non para que a Cámara floreza, senón para que esmoreza. O parlamentario de AGE non esqueceu enmarcar este acordo concreto do bipartidismo no grande acordo bipartito no país nesta semana de paixón, en que se reparten importantes postos á vella usanza. Fajardo referíase ao acordo unilateral de PP e PSdeG para nomear membros do Consello de Contas, do consello de administración da CRTVG e mais a nova Valedora do Pobo.
O regulamento que saíu da comisión cos votos do bipartidismo vai en dirección totalmente contraria ás reivindicacións sociais que apoia Alternativa Galega de Esquerda. O que precisa este Parlamento é maior participación e democracia. Cada vez que a voz da cidadanía entra na Cámara, é cando se escoitan as intervencións máis profundas e contundentes, sinalou.
Para Juan Fajardo, o que cómpre é aumentar a capacidade de control do Parlamento sobre o Goberno, xusto o contrario do que expresa o regulamento bipartito, que, entre outras cuestións, limita a tres as preguntas ao presidente da Xunta independentemente dos grupos que senten no Hemiciclo. Só se poderá solicitar a constitución de comisións de investigación se se conta co PP ou co PSdeG. Haberá unha retallada nas posibilidades da oposición para interpelar o Goberno. Esta reestruturación só ten como obxectivo mellorar a situación do bipartidismo, porque eu me pregunto se ese exercicio de transparencia na web do Parlamento que prometen vai incluír as contas en Suíza, a contabilidade B ou os finiquitos en diferido, dixo.