Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación del BNG:
BNG e PSdeG-PSOE presentaron o programa de goberno para a Deputación da Coruña nesta lexislatura, que plasma no concreto para este ente provincial o acordo marco consensuado entre ambas forzas políticas a nivel nacional. A que será vicepresidenta e portavoz do goberno provincial, Goretti Sanmartín, e o futuro presidente da entidade, Valentín González, foron os encargados da presentación que, en palabras de Sanmartin, vai moito máis aló de calquera outro acordo asinado anteriormente para as deputacións é supón un firme e decidido paso adiante na construción dunha nova arquitectura institucional para o país.
Desde o punto de vista programático, a secretaria de Política Municipal do BNG sintetizou os tres grandes eixos do pacto de goberno: adelgazar as deputacións no camiño a súa desaparición, darlle todo o protagonismo aos concellos e democratización radical do funcionamento da entidade. No primeiro punto, o programa recolle a realización nun prazo de tres meses dun estudo de equipamentos e servizos para iniciar de inmediato un proceso de negociación de transferencia de competencias, tanto á Xunta como aos municipios, primeiro paso para materializar ese adelgazamento dos entes provinciais.
En relación ao papel dos concellos deben ser o centro das políticas, de tal xeito que a deputación actúe de facto como transmisor de recursos a través de criterios obxectivos, libres de calquera clientelismo en función de cores políticas. Esa transferencia de recursos debe servir para corrixir desigualdades territoriais. Finalmente, explicou Sanmartín, cómpre iniciar un proceso de democratización e de transparencia institucional, interna e externamente, o que pasa por actualizar o regulamento e por fuxir do presidencialismo potenciando os órganos colexiados na toma de decisións, como a xunta de goberno ou os plenos.
Para levar adiante este proceso de transformación das deputacións, Sanmartín subliñou o compromiso de traballar como un goberno único integrado por forzas políticas que teñen diferenzas, mais actúan con responsabilidade. Poñemos por diante os intereses colectivos respondendo á mensaxe das persoas que querían unha verdadeira transformación institucional e acordamos un programa que nos une, que se fai público e sobre o que renderemos contas ante o conxunto da sociedade, explicou.
Ao mesmo tempo, cunha aposta decidida pola participación do resto das forzas políticas que comparten a visión sobre as deputacións, porque queremos unha verdadeira participación, que será efectiva desde o primeiro día, que recolla a rica realidade dunha maioría que aposta por unha transformación radical, alegou Sanmartín. A que será vicepresidenta e portavoz do ente municipal, tamén avanzou que se considera decisiva a contribución e participación do persoal da Deputación, coa seguranza de que os seus dereitos laborais van ser sempre defendidos, contando co funcionariado da propia deputación sen poñerlles por riba persoas traídas a dedo doutras administracións. Con esta folla de ruta, o BNG confía en construír as institucións do século XXI en lugar de manter un edificio político do século XIX,concluíu.
Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PSdeG:
A executiva provincial do PSdeG-PSOE coruñés decidiu por unanimidade propor ao alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, como o candidato desta formación política á presidencia da Deputación. A aprobación desta proposta chega despois de que onte rematara o proceso de elección dos deputados provinciais de todas as formacións políticas nos diferentes partidos xudiciais coruñeses.
O Grupo Socialista na Deputación estará integrado por oito deputados provinciais. Ademáis de Valentín González Formoso, estarán no mesmo Julio Sacristán de Diego, secretario provincial e alcalde de Culleredo, José García Liñares, alcalde de Cerceda, Juan Penabad Muras, alcalde de Ortigueira, Bernardo Fernández Piñeiro, alcalde de Pontedeume, Antonio Leira, concelleiro en Oroso, José Luis García, alcalde de Brión, e José Manuel Pequeño Castro, alcalde de Dumbría, que será o encargado da portavocía do Grupo Provincial do PSdeG.
Sacristán realizou unha valoración da situación política na provincia da Coruña, na que os socialistas pasaron de ostentar 19 alcaldías a 31 tras a constitución dos novos gobernos municipais e expresou o seu desexo de que sexan 33 en pouco tempo, unha vez que se arranxe a situación creada en Miño e que Toques conte cun alcalde socialista a mediados deste mandato, en virtude do pacto de goberno alcanzado cos nacionalistas da localidade.
O secretario provincial informou tamén á executiva acerca das conversas mantidas co BNG e con outras formacións de esquerda nas últimas semanas na procura dunha alternativa progresista para gobernar a Deputación da Coruña. Neste sentido indicou que os socialistas consideran irrenunciable a presidencia da institución, dado que son a principal forza política da esquerda, con oito deputados na corporación provincial.
Sacristán destacou que nos encontros mantidos ata agora co BNG houbo boa sintonía, o que deu como froito un acordo marco entre ambas formación presentado nas últimas horas, que contempla deputacións máis modernas, racionais, transparentes e democráticas.
Fotografía: archivo GD / Gabinete de Comunicación del BNG