
Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PPdeG:
O secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, declarou nunha entrevista ofrecida en Radio Líder que traballarán por recuperar a confianza da xente realizando os cambios necesarios, no marco do proceso que o partido faga a nivel nacional e en función de cando se celebren as Eleccións Xerais, feito polo que afirmou que o proceso ten que levarse a cabo sen presa pero sen pausa. Ademais, asegurou que os populares galegos realizarán nos próximos meses catro Congresos Provinciais, un Autonómico e os Locais pertinentes, sendo estas as ocasións onde, segundo as súas palabras, haberá que renovar persoas onde sexa preciso pero, sobre todo, ideas e formas de actuar.
O secretario xeral do PPdeG falou da actitude do PSOE en Galicia e aproveitou a oportunidade para comentar os criterios de actuacións dos socialistas en A Coruña, onde van apoiar a Podemos e non entrarán no goberno renunciando a facer o que prometían en campaña; en Ferrol, onde apoiarán a Podemos e si entrarán no goberno, e en Lugo, lugar no que aínda non se sabe o que farán; é dicir, criterios totalmente distintos dependendo da cidade pero co único obxectivo de que non goberne a lista máis votada en todas, o Partido Popular.
No tocante a gobernabilidade de municipios como Lugo, Rueda afirmou que ten claro que ao final Orozco renunciará dicindo que fai un gran sacrificio para que o PSOE poida poñer ao seu número dous e non perder a Alcaldía, evitando así que o candidato máis votado, o popular Jaime Castiñeira, goberne. Por outra banda, si se amosou máis optimista cos socialistas da cidade de Ourense, nos que confía en que sexan coherentes e deixen gobernar a Xesús Vázquez.
No caso de Vigo, Alfonso Rueda considera que o que hai que facer é reconstruír o PP nesa cidade e facer unha oposición férrea a ese discurso localista e anti Xunta de Caballero para conseguir mellores resultados, facendo as cousas ben e con tempo.
n vista ás vindeiras eleccións xerais, Rueda asegurou que o PP non ten medo as mareas, aos que define como grupos integrados por forzas que moitas veces son antagónicas entre si, pero si amosa todo o seu respecto como forzas políticas que son. No tocante a Ciudadanos, si asegurou que se son un partido coherente mirarán cara eles para completar as súas maiorías, pois considéranos unha forza política especialmente respectable e un partido para ter en contar á hora de pactar.
Por outra banda e con respecto aos rumores que sitúan ao líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, en Madrid, Rueda recordou que o nome do dirixente sempre está como un dos preferidos cando se fala de cambios, algo que significa que o fai moi ben no seu posto, tanto como presidente da Xunta como de líder do PPdeG. Malia isto, afirmou que se pode servir ao partido desde moitos lugares e Feijóo está no que ocupa actualmente, ademais de asegurar que o ve centrado en Galicia e sabendo que aquí quedan moitos problemas por resolver incluso no propio partido.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.