
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:
A Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) resolveu a convocatoria pública de subvencións 2015 para festivais do sector audiovisual galego coa adxudicación, en distintas contías, da dotación total de 90.000 euros entre seis eventos galegos dedicados á difusión dos diversos xéneros cinematográficos.
Deste xeito, percibirán financiamento a través destas axudas a pasada edición 2014 do Festival Cineuropa de Santiago de Compostela (17.463,30 euros), e as próximas citas do Festival Internacional de Documentais Play-Doc de Tui (23.820,90 euros), o Festival de Cans de Curtametraxes (22.196,08 euros), a (S8) Mostra de Cinema Periférico da Coruña (18.542,14 euros), as Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia (Xociviga) do Carballiño (3.052,40 euros) e o encontro especializado en cine fantástico Freakmacine (FKM) da Coruña (4.925,18 euros).
Este é o segundo ano no que a Axencia da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca este programa específico de subvencións para dar resposta ás suxestións recibidas desde o propio sector audiovisual, no sentido de regular a través dunha convocatoria pública o seu apoio económico a certames, semanas e mostras audiovisuais. O seu obxectivo é optimizar, sistematizar e garantir a transparencia na adxudicación dos recursos públicos a este tipo de eventos, de xeito que o orzamento dispoñible para este fin sexa distribuído de acordo cunha serie de criterios obxectivos, así como da valoración da traxectoria, programación, viabilidade e interese dos proxectos presentados.
Entre os requisitos esixidos están o de desenvolverse en Galicia entre o 1 de novembro de 2014 e o 31 de outubro de 2015, ou o de ter realizado un mínimo de tres edicións consecutivas inmediatamente anteriores á publicación da convocatoria. Tamén se especifica que non pode darse o caso de máis dunha adxudicación a un mesmo beneficiario, tanto se se trata de propostas que partan das administracións como de colectivos ou persoas privadas.
A comisión de valoración analizou, ademais, a traxectoria dos festivais tomando en consideración datos relativos á súa programación, antigüidade, asistencia de público, repercusión nos medios de comunicación social, interese estratéxico para o sector e impacto económico e cultural no territorio onde se celebra, entre outros aspectos.
Na avaliación dos proxectos tamén se tivo en conta a programación e duración das últimas edicións de cada evento, a súa promoción do traballo dos realizadores galegos e o impulso á nova creación, as accións dirixidas ao fortalecemento do sector en Galicia, o seu carácter competitivo, os programas de cooperación, a contribución á formación de públicos, a presenza de autores, o plan de comunicación ou a edición do catálogo do evento.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.