Noticias

Destacan el made in Galicia como un gran valor añadido de la marca España

La ministra de Fomento, Ana Pastor, ha reivindicado el "made in Galicia" como un "gran valor añadido" de la "marca España" que, entre otros objetivos, tiene lograr el incremento de las exportaciones y la captación de inversión extranjera. Quedaba, así, de manifiesto durante la jornada "Un esfuerzo conjunto hacia una industria innovadora y global", celebrada en Santiago de Compostela, y en la que Núñez Feijóo reivindicó en la creación de esta marca el papel de "trabajo y honradez" de los emigrantes gallegos.

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse á Marca España como unha aventura colectiva con obxectivos compartidos na que tamén está Galicia, unha Galicia que sabe traballar, crear e que está a apostar pola innovación.

Durante a clausura da xornada Marca España: un esforzo conxunto cara a unha industria innovadora e global, Feijóo subliñou que Galicia conta cunha economía internacionalizada, superando en 2014 o seu propio récord histórico de empresas con base exportadora. O peso das exportacións supera o 33% do PIB, e o obxectivo é que chegue ao 40% mediante a Estratexia de internacionalización da empresa galega 2020.

Nesta liña, afirmou que detrás destes datos que permitiron apuntalar piares económicos como o téxtil, a automoción, ou o naval, atópanse actuacións nas que se mesturaron o prestixio gañado polos técnicos e profesionais galegos, a estabilidade institucional e social e tamén a reputación que foron forxando os emigrantes, que alí onde chegaron implantaron unha nova idea do español. “O seu traballo, a súa honradez, o seu sentido do deber, a súa capacidade para integrarse na sociedade anfitrioa, foron forxando o que hoxe se coñece como Marca España”, afirmou sobre este último punto.

Feijóo incidiu en que grazas a todo iso, Galicia é un punto de encontro “onde se dan cita grandes empresas galegas que saen ao exterior, e grandes empresas do exterior que veñen aquí, para converterse, tamén elas, en galegas”.

Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta subliñou que para abrirse ao mundo era preciso unha loxística, “e Galicia conta con ela”. “Estabamos preparados cunha mentalidade e unha acción política destinadas a facer de Galicia unha das plataformas de entrada e saída de Europa”, dixo, destacando que, en materia portuaria, Vigo é unha das tres zonas francas que existen en España; o porto exterior da Coruña forma xunto co de Ferrol un dos grandes portos exteriores do continente europeo; “e a eles súmase unha ampla rede de autoestradas que nos unen a España e Portugal por catro vías diferentes, e a alta velocidade ferroviaria pronto conectará Galicia con Madrid”.

Ademais da internacionalización e conectarse ao mundo globalizado, Feijóo aseverou que o inmobilismo non é unha opción nin para Galicia nin para España. “Sabemos que temos unha grande fortaleza histórica como país, pero que habemos de reforzar cun intenso exercicio de innovación, no que esta Comunidade xa está a traballar”, asegurou.

Ao fío disto, afirmou que Galicia tomou esa testemuña coa Axenda para a Competitividade Industria 4.0, “que busca reinventar o noso tecido industrial para facer del o 20% do noso PIB. Implantar a fábrica intelixente é un dos piares máis importantes para iso”, incidiu.

Logo de cualificar estes obxectivos de “ambiciosos”, Feijóo afirmou que o medio principal para conseguilo é, sen dúbida, atraer as mellores ideas. “E, Galicia tamén o está a facer xa, con programas de innovación aberta, a través de iniciativas como Innterconecta e Conecta Pemes, que están mobilizando máis de 260 millóns”, salientou.

Nesta mesma liña, referiuse ademais ao programa de Unidades Mixtas de Innovación, enmarcado na Estratexia de especialización intelixente que mobilizará 1.600 millóns en proxectos innovadores ata 2020 en sectores tan relevantes como a automoción, a enerxía, a biotecnoloxía ou, recentemente, tamén o agroalimentario. “Unha iniciativa tan ben acollida que outras 15 grandes empresas nos pediron que lancemos unha nova convocatoria do programa nove meses despois da primeira”, precisou, ao que engadiu que Galicia está labrándose unha reputación sólida, “e esta é a proba”.

Feijóo concluíu destacando a posta en marcha do programa Oportunius como unha proba máis do compromiso da Xunta coa investigación e a innovación; un programa que busca o retorno de científicos como Diego Martínez, proclamado non hai moito como mellor físico mozo de partículas de Europa. “E, ademais da súa, están planeadas vinte e tres contratacións máis de investigadores”, lembrou.

As mesas de traballo trataron catro eixos clave para a renovación industrial galega das que extraen importantes conclusións para o futuro de Galicia. A primeira delas debateu sobre a fábrica do futuro. Co obxectivo de impulsar a capacidade innovadora galega e colocar a Comunidade á vangarda da Industria 4.0, os participantes coincidiron na necesidade de impulsar a fábrica intelixente para reforzar o peso da industria e garantir a competitividade da economía galega. Para acadar esa meta, destacaron neste senso a importancia da integración das TIC nos procesos produtivos, un proceso no que, coincidiron, os clústers e centros tecnolóxicos deben desempeñar un papel central.

Tamén se falou hoxe da importancia dos sectores estratéxicos galegos, e coincidiuse en que estes sectores son activos fundamentais para consolidar a innovación e a calidade dos produtos de Galicia e reforzar desta forma a súa proxección exterior da man da Marca España. Neste senso analizaron o apoio que lle prestan a estes sectores a Axenda da Competitividade Galicia Industria 4.0 e a Estratexia para a Internacionalización da Empresa Galega 2020. Os relatores destacaron que Galicia conta con produtos que son verdadeiros embaixadores da Marca España, como as conservas, da que Galicia é o primeiro produtor da UE e o segundo do mundo, o automobilístico, coa puxanza da factoría de Balaídos e unha empresa de compoñentes que, con máis de cen empresas, exporta o 40% da súa produción; o naval, o turismo, a alimentación, e a pedra natural.

A terceira das mesas, que conversou sobre loxística e infraestruturas, subliñou que ambas se erixen como elementos fundamentais para a competitividade empresarial, e puxo o foco na necesidade de reducir os custos neste ámbito e mellorar a eficacia. Neste senso, apostou pola intermodalidade mediante a creación de plataformas loxísticas integradas que unan portos con solo industrial e transporte por carreteira e ferrocarril. Ademais, os participantes defenderon a necesidade dun traballo coordinado entre os portos para incidir no incremento da mercadoría conterizada, na necesidade de maiores calados para acoller buques máis grandes, na fusión entre navieiras, na continuación do traballo que se está a facer no eido do GNL, e no uso das marcas España e Galicia a como valor diferencial dos portos como porta ao Atlántico.

Por último, a mesa dedicada ao talento salientou a necesidade de que o sector público aposte polo talento tanto a través dos sistemas organizativos e formativos, como a través de iniciativas para incentivalo mediante a aceleración de empresas innovadoras de recente creación. Os relatores tamén recoñeceron a importancia do papel das pemes galegas na captación e retención de talento.

Fotografía: Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia

R., 2015-03-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES