
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:
O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, resaltou que a nova Lei do Emprego Público permitirá ter unhas administracións máis eficientes co obxectivo de prestar un mellor servizo aos cidadáns, e destacou que Galicia será a terceira comunidade autónoma que adapta toda a súa normativa sobre función pública á normativa básica do Estado.
O titular de Facenda presentou no Parlamento o proxecto de Lei do Emprego Público, que incorporou ao borrador inicial máis de 150 alegacións presentadas polos representantes dos traballadores, as universidades e outros 30 colectivos. O texto foi obxecto dun intenso proceso de negociación, recordou Valeriano Martínez, quen avanzou que no futuro avanzarase nese proceso de diálogo para o desenvolvemento e aplicación directa da lei.
Entre as novidades do texto, o conselleiro destacou que esta lei instaura na Administración galega unha cultura da avaliación. Así, a avaliación do desempeño vai permitir medir e valorar o rendemento e o esforzo dos empregados públicos. Este sistema será aplicado por órganos especializados dotados de autonomía funcional que traballarán sempre baixo criterios de transparencia, obxectividade, imparcialidade e non discriminación.
Ademais, implantarase tamén a carreira profesional do persoal funcionario, coa finalidade de permitir a súa progresión profesional sen necesidade de cambiar de posto de traballo. A carreira horizontal fornecerá aos funcionarios dun sistema motivador, indicou Valeriano Martínez, posto que se terán en conta experiencia, formación, méritos e coñecementos.
A través desta Lei do Emprego Público o persoal da Xunta de Galicia recuperará os niveis salariais nun período máximo de tres anos, mediante un fondo retributivo incluído na propia normativa. Neste 2015, a Administración galega destinará 51 millóns de euros para aboar a todos os seu empregados o 25% da paga extraordinaria suprimida polo Goberno en 2012.
Galicia será a primeira comunidade que suprime por lei o plus para ex altos cargos, tal como establece a normativa presentada hoxe no Parlamento. O conselleiro lembrou que este complemento retributivo xa estaba suspendido e que, con esta lei, non o imos devolver e ademais vaise suprimir.
Outra das novidades que inclúe a nova Lei do Emprego Público é o cambio na provisión das xefaturas de servizo. Estes postos máis de 500 na Administración galega pasarán a proverse por medio dun concurso específico con convocatoria pública.
Ademais, a normativa tamén establece os procesos de funcionarización do persoal laboral fixo, o que permitirá gañar en polivalencia. Así, dotarase dun único réxime legal a determinados colectivos de empregados de servizos como as oficinas de emprego ou os servizos sociais.
En canto ao persoal directivo profesional, a nova normativa establece que será seleccionado ordinariamente entre funcionarios de carreira e persoal laboral fixo ao servizo das administracións públicas, e a súa selección basearase nos principios de mérito, capacidade e idoneidade. Este persoal tamén será avaliado conforme aos criterios de eficacia e eficiencia, e estará suxeito a responsabilidade pola súa xestión e ao control de resultados.
Na súa intervención, o conselleiro de Facenda resaltou que a nova lei dotará dun marco único, estable e flexible as administración galegas, e explicou que se trata dunha normativa para os cidadáns, para toda Galicia, para a mellora dos servizos públicos e socialmente responsable.
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación del PSdeG:
Os socialistas galegos denunciaron no pleno do Parlamento que o proxecto de Lei de Emprego Público consolida o recurte de dereitos dos traballadores públicos e o totalitarismo da Xunta do PP.
No debate de totalidade do proxecto de Lei, a deputada socialista Beatriz Sestayo lamentou que o Goberno do Partido Popular non tivera en conta as alegacións de diferentes colectivos que amosan o seu claro rexeitamento, como tamén pasa cos sindicatos maioritarios.
O texto reflicte a vontade totalitaria da Xunta para impor os seus criterios sen respectar os dereitos dos traballadores, afirmou Sestayo, lembrando que o proxecto de Lei afecta tamén ás condicións dos empregados das administracións locais sen ter en conta a opinión dos concellos.
Perden unha ocasión magnífica para acatar as sentenzas xudiciais e discriminan co seu texto entre persoal directivo e o resto dos traballadores, apuntou a deputada socialista, que criticou por outra parte os criterios para o nomeamento dos postos de libre designación.
O proxecto fala dun regulamento para a súa aplicación con prazos de tres anos para desenvolver a lei, polo que xa non poderá facerse na presente lexislatura, manifestou, engadindo que o informe económico é impreciso, como sempre o PP prometendo cousas sen concretalas.
Pedimos que se retire a lei e busquen un maior consenso cos traballadores e sindicatos, a Xunta do Partido Popular actúa como sempre dunha forma arbitraria e o proxecto de lei presenta numerosos aspectos sen concretar e incluso contrarios á Constitución, rematou a deputada socialista.
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de AGE:
As vías que o Partido Popular utiliza para expropiar o público e convertelo en terreo aboado para o negocio privado son múltiples. A última, denunciada esta mañá no Parlamento por Alternativa Galega de Esquerda (AGE) a través da súa viceportavoz Yolanda Díaz, chámase Lei de Emprego Público e, segundo a propia Díaz, abre a porta ao modelo Telefónica de explotación e precarización total. Esta norma, estendeuse, privatiza o Estado e incorpora á Administración pública galega iso que tanto lle encanta a Aznar e á FAES, o modelo Telefónica de explotación.
A viceportavoz de AGE, que lembrou o revés xudicial contra as xornadas laborais extenuantes nos centros da denominada Consellaría de Benestar, referiuse á arbitrariedade absoluta que, de se aprobar a norma que hoxe presentou na Cámara o Conselleiro de Facenda, presidirá a avaliación do persoal, que inclúe elementos como o grao de interese dos traballadores e traballadoras da función pública. E denunciou as profundas asimetrías de xénero dun texto que nin sequera utiliza a linguaxe non inclusiva. Malia que as mulleres case duplican os homes na Administración, expuxo, xa non é que haxa teitos de cristal, é que estas non chegan ás xefaturas de servizo, non chegan a ningures. A maiores, Díaz esixiu que a norma para a que Alternativa Galega de Esquerda rexistrou unha emenda de devolución- garanta a paridade nos tribunais de selección e atacou os incumprimentos da Xunta de Alberto Núñez Feijóo en conciliación, apenas baseada en falsidades e medidas propagandísticas, como o teletraballo, un conto chinés, un absoluto fracaso.
Se hai un modelo que incorpora esta lei, ese é o da precarización da Administración pública, a consolidación da pobreza do modelo privado na mesma, resumiu Yolanda Díaz, nunha norma propia do neoliberalismo radical.
Pero é que, ademais, a Lei de Emprego Pública presenta graves deficiencias formais, apuntadas pola viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda. Entre elas, a ausencia de informe sobre o impacto económico que producirá a lei. A propia Asesoría Xurídica da Xunta afirma que faltan informes importantes e di que non hai o preceptivo informe do Consello Económico e Social. O que si hai, e roza o surrealismo, é un informe sobre por que non hai informe do CES, relatou Díaz.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.