Noticias

Cultura presenta las actividades del Día das Letras Galegas 2015 dedicado a Filgueira Valverde

La Cidade da Cultura, de Santiago de Compostela, fue el escenario elegido por la Xunta para la presentación de la programación diseñada para conmemorar el Día das Letras Galegas 2015 dedicado al pontevedrés Xosé Filgueira Valverde, tras la controvertida elección de la RAG.

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentou na sala Eisenman do Gaiás a programación promovida pola Xunta de Galicia para conmemorar as Letras Galegas 2015, dedicadas ao autor e intelectual pontevedrés Xosé Fernando Filgueira Valverde. Persoeiro que, en palabras do titular de Cultura, “atesoura as calidades do humanista. Polígrafo meticuloso, estudoso esforzado, divulgador incansable, Filgueira puxou pola lingua, pola literatura e pola cultura galega desde todas as institucións nas que participou ou dirixiu desde mediados da década dos 20 até o seu pasamento, deixando unha fonda pegada en cada proxecto no que participou.”

Así mesmo, Rodríguez destacou que desde a Xunta de Galicia “considérase fundamental apoiar e colaborar no coñecemento e valoración deste prolífico autor, así como coa difusión da súa obra, importante tanto en termos cuantitativos –escribiu máis de 300 libros e folletos e máis de 1.000 artigos, e impartiu máis de 1.600 conferencias− como cualitativos.”

A programación inclúe distintas edicións conmemorativas, estudos críticos, traducións, a exposición itinerante ‘Filgueira Valverde (1906-1996). Un faro na construción de Galicia’, audiovisuais, webs monográficas e micrositios, así como actividades de dinamización lingüística nos centros educativos e de promoción e difusión da obra filgueiriana nas bibliotecas de Galicia. Actualmente, hai 25 actividades pechadas nos centros que configuran a Rede de Bibliotecas de Galicia entre mostras, obradoiros, eventos lúdicos, actividades dos clubs de lectura, representacións teatrais e concursos.

Ademais do conselleiro de Cultura e Educación, participaron na rolda de prensa o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares Paz; o secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo Romero; o presidente da Fundación Filgueira Valverde, Fernando Filgueira Iglesias; a deputada provincial de Cultura de Pontevedra, Ana Isabel Vázquez Reboredo; e a directora da TVG, Rosa María Vilas Núñez. Igualmente, estiveron presentes Anxo Lorenzo e Valentín García, secretarios xerais de Cultura e Política Lingüística, respectivamente.

En canto ás principais actuacións de difusión social cómpre destacar a exposición ‘Filgueira Valverde (1906-1996). Un faro na construción de Galicia’. Comisariada por Carlos Valle e organiza conxuntamente pola Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, esta mostra levará por Galicia adiante a figura intelectual e humana de Filgueira. A itinerancia pola provincia de Pontevedra será auspiciada pola Deputación Provincial e, a partir do 27 de abril, chegará da man de Cultura e Educación a outros trece puntos das restantes provincias galegas.

En paralelo á exposición, a Secretaría Xeral de Política Lingüística programará nos concellos da Rede de Dinamización Lingüística que acollan a exposición unha xincana lingüística escolar para que mozos e mozas se acheguen á figura de Filgueira dun xeito lúdico e participativo.

Outra actuación relevante de difusión social do Día das Letras é o espazo web monográfico ao autor www.filgueiravalverde.gal [nova venta] , que xa está activo desde hoxe e que ofrece unha completa selección de materiais e textos descritivos e informativos a disposición de toda a cidadanía. Este portal ponse en marcha coa colaboración coa propia Fundación Filgueira Valverde.

Do mesmo xeito, na Cidade da Cultura téñense prográmanse dúas exposicións. Por unha banda, a Biblioteca de Galicia ofrecerá, entre o 1 de abril e o 31 de maio, a exposición ‘Xosé Fernando Filgueira Valverde, vida e obra’, na que se abordarán diversos aspectos significativos da súa traxectoria e o seu labor como editor a través da editorial Bibliófilos Gallegos. E por outra, no Arquivo de Galicia poderase ver a mostra “Poesía galega postrobadoresca: o Cancioneiro de Afonso Paez”, dedicada de xeito monográfico ao interese do homenaxeado pola investigación filolóxica e a literatura medieval galego-portuguesa.

Para concluír a epígrafe dedicada á difusión social das Letras, o conselleiro fixo fincapé “na importante colaboración das empresas nesta celebración”. “Eroski, Feiraco e Gadisa, entre outras, −explicou Román Rodríguez− participan do 17 de maio publicitando os seus produtos e servizos, outorgándolle maior visibilidade social á conmemoración desta data.”

No referente á edición conmemorativa, este ano verá a luz, en galego, o clásico Historias de Compostela, publicada polo Consorcio de Santiago, a Xunta de Galicia e a Editorial Alvarellos. Ademais, o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística, editará un novo número dos ‘Cadernos Ramón Piñeiro’ dedicado monograficamente a Filgueira; e, para achegarse á relación intelectual con Sánchez Cantón, o centro editará tamén o epistolario que mantiveron os dous intelectuais. Adicionalmente, o Centro de Estudos Galegos de San Petersburgo −co apoio da Consellería−, prepara a edición rusa dunha obra significativa de Filgueira Valverde.

Por outra banda, pero ganduxado co apartado das edicións conmemorativas, cómpre falar do traballo de tradución e difusión exterior do autor pontevedrés. Neste sentido, a Rede de Centros de Estudios Galegos, dependentes da Secretaría Xeral de Política Lingüística, verterán unha escolma de textos representativos de Filgueira, no marco do proxecto “Letras Galegas no Mundo”. Ademais, estes mesmos centros programarán durante todo o mes de maio numerosas actividades vinculadas á lingua e á cultura galega e, particularmente, a Filgueira Valverde. Isto suporá levar a Filgueira a 39 universidades de todo o mundo.

No referente aos centros educativos, a Consellería distribuirá en máis de 2.000 puntos de Galicia e do exterior (centros de ensino, centros de estudos galegos, centros da emigración, concellos da Rede de Dinamización Lingüística e bibliotecas) as dúas exposicións gañadoras do Concurso-Exposición Letras Galegas 2015, destinado a dinamizar o uso da lingua desde o ensino e convocado no mes de xaneiro pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Así, as mostras e os materiais didácticos dos proxectos “Traballando co vello profesor” (do CEP Salustiano Rey Eiras da Pobra do Caramiñal) e “Filgueira rima con Armenteira” (da EPA Rio Lérez de Pontevedra) potenciarán o coñecemento da obra do autor homenaxeado, Xosé Fernando Filgueira Valverde e tamén o da situación sociolingüística da época histórica que lle tocou vivir.

Doutra banda, “os equipos de dinamización da lingua galega (EDLG) realizarán diversas actividades centradas no autor homenaxeado que –segundo explicou o conselleiro− se irán poñendo á disposición da comunidade educativa no web www.xunta.es/linguagalega/letras_galegas”. A elas sumarase este ano unha xornada de formación centrada en Filgueira Valverde que se celebrará na Cidade da Cultura no mes de maio.

Román Rodríguez concluíu lembrando as palabras de Fernández del Riego: “O índice de cultura dun pobo é o libro. (...) Nada podería saberse dun pobo que non deixara monumentos literarios, testemuños dos seus costumes e idiosincrasia”, e lembrando que “nisto Filgueira Valverde foi realmente extraordinario, e por iso todas as institucións e entidades presentes imos seguir traballando en estreita colaboración coa RAG todo o ano”, en palabras do conselleiro.

R., 2015-02-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (castelao-mirarporgalicia-02.jpg) Nun momento de auxe das intelixencias artificiais xerativas, 'Castelao. Mirar por Galicia' aposta polo emprego destas tecnoloxías para achegar a nosa historia e a nosa cultura a todo tipo de públicos, aproveitando todo o potencial das novas linguaxes, pero tamén facéndoo dun xeito ético e responsable, sen deixar de lado o necesario traballo de autor. O estudio compostelán Maxina é responsable do deseño conceptual, animación e deseño desta experiencia, baixo a dirección artística de Carlos Seijo, mais son numerosas as empresas galegas que forman parte deste proxecto, entre as que se atopa o Laboratorio Numax, ao cargo do deseño gráfico en sala; a produtora audiovisual Miramemira, responsable dos audiovisuais; MADA producións, que se ocupou da accesibilidade; Daexga, que se encargou do transporte e montaxe, e Vifer, de cuxa autoría é a instalación de gráfica.
Foto de la tercera plana (fisterra-experience-2025.jpg) Música, territorio e natureza son os eixos fundamentais do Fisterra Experience, unha singular cita musical que regresa esta fin de semana á vila mariñeira de Fisterra co apoio dos Concertos do Xacobeo para celebrar a súa segunda edición os días 27, 28 e 29 de xuño. Fisterra Experience busca achegarse á arte dun modo cercano, ofrecendo experiencias únicas e inspiradoras. O festival explora as posibilidades que ofrecen o territorio e a natureza de Fisterra, desde unha ollada sostible e comunitaria. Entre as bandas e artistas destacados do seu cartel, danse cita nomes como Baiuca, Mondra, Helena Egea, Sabela & The Heartbreakers, A Pedreira e Andhrea & The Blacks Cats, entre moitos outros. Deste modo, o Fisterra Experience renace neste 2025 para ofrecer unha experiencia musical cualitativa que vai da electrónica ao soul, do pop ao jazz e a nova música tradicional, entre outros sons, nunha contorna única.

Notas

Este venres día 27 de xuño, o Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña acollerá a visita do prestixioso investigador Bradley Moore, profesor da Scripps Institution of Oceanography da Universidade de California, San Diego. Esta visita enmárcase dentro da estratexia de internacionalización de transferencia de coñecemento do centro, e conta co apoio da Rede CIGUS, a cal integra a aqueles centros cuxa calidade e impacto de investigación foi acreditada pola Xunta de Galicia.
O pasado mes de abril presentouse no campus de Ourense o proxecto Axenda 2030. Plan de localización dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible en oito municipios do rural ourensán. Nel participan os concellos de San Xoán de Río, Taboadela, Oímbra, Larouco, A Teixeira, Vilariño de Conso, Esgos e Porqueira e profesorado da Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo. Este xoves os seus membros volveron ao campus para deseñar as súas follas de ruta para a implementación das accións deseñadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES