
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia destinará novos recursos para conservar e poñer en valor o Conxunto Histórico-Artístico de Sargadelos. Con este obxectivo, asinará este ano un convenio de colaboración co Concello de Cervo que terá por obxecto contribuír ao funcionamento e conservación da Casa de Administración, así como a realización do proxecto expositivo do Museo Histórico de Sargadelos.
A aprobación deste convenio tivo lugar no marco da reunión ordinaria do Padroado do Conxunto Histórico-Artístico de Sargadelos, que se celebrou no municipio lucense de Cervo e que estivo presidida polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Tamén participaron na reunión o alcalde de Cervo, Alfonso Villares; a xefa territorial de Cultura e Educación en Lugo, Carme Gueimunde; a xefa do servizo de Coordinación de Acción Cultural da Consellería, Yolanda Gómez; e a vicepresidenta segunda da Deputación Provincial de Lugo, Lara Méndez.
A Xunta de Galicia é a única administración que está a realizar investimentos no Conxunto Histórico-Artístico de Sargadelos, co apoio do Concello de Cervo, que acometerá actuacións para o acondicionamento exterior da Casa da Administración, a través de labores de limpeza e mellora dos accesos.
A Casa da Administración, convertida no Museo Histórico de Sargadelos, reúne todo tipo de pezas históricas da Real Fábrica de Louza e da actual Fábrica de Cerámica de Sargadelos. O museo tamén ofrece información sobre as distintas etapas históricas da Real Fábrica de Louza, sobre as materias primas e a elaboración das pastas para moldear as pezas, sobre a elaboración das formas e a súa tipoloxía ou sobre as coccións e a decoración das pezas.
O investimento de 30.000 euros que realizará este ano a Xunta de Galicia permitirán avanzar na conservación e posta en valor deste conxunto histórico-artístico, nacido da vontade de Isaac Díaz Pardo e de Luís Seonane de crear un lugar emblemático e pioneiro da creación artística e do rexurdir cultural de Galicia, preto do que foi o antigo complexo das fábricas de siderurxia e cerámica dos séculos XVIII e XIX de Sargadelos creado por Antonio Raimundo Ibáñez.
O 22 de xaneiro, a Consellería de Cultura e Educación publicou no Diario Oficial de Galicia a Declaración de Ben de Interese Cultural (BIC), coa categoría de monumento, a Fábrica de Cerámica de Sargadelos ligada ao Laboratorio de Formas, tal como establece o Decreto 171/2014, do 26 de decembro, aprobado polo Consello da Xunta.
Ademais de protexer e conservar este singular proxecto industrial, cultural e de identidade galega, a declaración como BIC contribúe, así mesmo, a poñer en valor e distinguir un conxunto industrial cunha gran significación arquitectónica, artística, científica, técnica e cultural único en Galicia, ao tempo que favorece a súa conservación a través da máxima protección legal.
A delimitación do complexo que establece a declaración como BIC inclúe o edificio circular de Andrés Fernandez-Albalat, a vivenda de Isaac Díaz Pardo, o Auditorio e Departamento de Arte e Comunicación, a Escola de Tecnoloxía e Laboratorios, a marquesiña ondulada de formigón do aparcamento, torres e pasarelas metálicas que comunican os edificios, o zócolo de pedra da ampliación da fábrica cos seus murais e esculturas de Díaz Castro, o depósito de auga-miradoiro, o edificio de tratamento de minerais, dous fornos experimentais e a Pía do Xunco co mosaico de Luís Seoane.
Ademais, a declaración BIC inclúe unha serie de pertenzas, accesorios e bens mobles e documentais vinculados especialmente ao conxunto que quedan tamén baixo protección, como os mosaicos de Luís Seoane no comedor do edificio circular, a escultura de tres caras de Díaz Pardo incrustada no muro da planta baixa da praza circular, a Táboa dos Irmandiños, os mobles deseñados por Díaz Pardo para o devandito edificio e o sistema de sinalización, obra de Isaac Díaz Pardo.
O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.