
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, asinou os decretos para nomear a Valeriano Martínez como novo conselleiro de Facenda e a Román Rodríguez como novo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en substitución de Elena Muñoz e Xesús Vázquez respectivamente.
Valeriano Martínez García naceu en Aldán (Cangas) en 1961, é licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela e diplomado en Xestión de Xerencia Hospitalaria pola Escola de Alta Dirección e Administración. Desde 1985 é funcionario do corpo superior de administración xeral da Consellería de Economía e Facenda. Ata a data exercía como secretario xeral da Presidencia da Xunta de Galicia. Anteriormente, entre outras responsabilidades, foi director xeral de Recursos Humanos do Sergas, director xeral de Transporte e auditor do Consello de Contas de Galicia.
Román Rodríguez González, nado en Lalín en 1968, é doutor en Xeografía pola Universidade de Santiago de Compostela, na que se licenciou con premio extraordinario e onde é profesor titular. Posúe un título de máster en Desenvolvemento Local. Actualmente é deputado autonómico e desempeña o cargo de viceportavoz no Grupo Parlamentario Popular así como portavoz nos eidos de Educación e Ordenación do Territorio. Forma parte da corporación local de Lalín como tenente alcalde.
Os novos conselleiros de Facenda e de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria toman posesión do cargo o martes, 10 de febreiro, ás nove horas no Pazo de Raxoi.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.